rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MANUEL VILARIÑO. Seda de cabalo. Visita en salas guiada polo artista e o comisario.

MANUEL VILARIÑO. Seda de cabalo. Visita en salas guiada polo artista e o comisario.

Datas: 
16 setembro 2020
Lugar: 
MARCO, salas de exposición do 1º andar
Horario: 
19.00

Este xoves 17 de setembro, o MARCO inaugura a nova tempada de exposicións coa presentación da individual de MANUEL VILARIÑO. Seda de cabalo, producida pola Subdirección General de Museos Estatales do Ministerio de Cultura y Deporte.

Seda de cabalo é a maior de cantas exposicións se teñen realizado ata esta data de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. Unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras —fotografías, instalacións, vídeos, e tamén unha parte da súa produción poética— dende 1980 ata a actualidade. Máis ca unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos más salientables da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.

Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e á toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto. Así, a montaxe que se articula nas salas do MARCO lévanos dende a súa particular ollada sobre os animais, e a súa reinterpretación da esencia dun xénero clásico como o bodegón —Vilariño como grande mestre da natureza morta—, á súa visión da paisaxe, íntimamente relacionada coa melancolía, nun diálogo permanente e sutil entre a vida e a morte.

Aproveitando esta especial ocasión, e dados os necesarios cambios nas axendas inaugurais, convidámosvos a unha visita en salas na véspera da inauguración, exclusiva para membros da AAM, guiada polo artista e o comisario.

A cita será este MÉRCORES 16 de setembro ás 19.00, nas salas do primeiro andar.

Tendo en conta o protocolo anti-Covid, é imprescindible confirmar asistencia no teléfono 986 113900 ext. 100 (taquilla MARCO), ou por email recepcion.marco@gmail.com