rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Mapexo veciñal en Teis [Vigo Rebelde, o metal en loita]

Mapexo veciñal en Teis [Vigo Rebelde, o metal en loita]

Datas: 
14 xullo 2017
Horario: 
11 am - 7 pm
Lugar: 
interior do Mercado de Abastos de Teis -rúa Toural de Abaixo, Teis, Vigo-

A investigación experimental Vigo Rebelde, o metal en loita [#VR] comezou o pasado 27 de xuño no #salóndoMARCO cunha primeira sesión na que nos reunimos diversas persoas con inquedanzas comúns para facer, entre todas, #VR. Iniciamos a coprodución desta investigación-intervención participativa para percorrer o pasado, presente e futuro da memoria obreira na urbe de Vigo e, con especial protagonismo, no barrio de Teis.

A primeira das intervencións terá lugar nun espazo habilitado para exposicións no interior do Mercado de Abastos de Teis, na rúa Toural de Abaixo, dende as 11 da mañá do venres 14 de xullo. Logo do xantar mudaremos de espazo, mesmo que concretaremos ao logo destes días e no espazo interior do mercado colocaremos un cartaz coa localización do cambio de lugar nese mesmo día, para as que vaian chegando.

Anímaste a compartir con nós as túas experiencias sobre o movemento obreiro?

Somos un grupo de persoas que estamos a recoller a memoria común do movemento obreiro coa vecindade de Teis a partir dun MAPEXO VECIÑAL no que un mapa do barrio servirá para localizar os espazos afectados e outras memorias. Ven con quen queiras, esperámoste!

Esta investigación experimental sucederá a partires de diversas achegas en diferentes días dos meses de xullo e agosto: mapexos veciñais para localizar espazos afectados e experiencias vividas; roteiros pola urbe de Vigo para recoñecer espazos sociais, recoñecer ás súas xentes e recoñecernos neles; galerías fotográficas de bens comúns para diagnosticar, entre todos, eses bens e, en xeral, facilitar procesos colaborativos arredor da memoria común do movemento obreiro na urbe de Vigo.

A mediadora desta investigación experimental é:

Adela Vázquez é licenciada en Historia da Arte; graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais; mestra en Traballo Social e co-coordinadora do proxecto Niquelarte. Vive en México e traballa entre Galiza e Yucatán co obxectivo de facer visibles comunidades que coidan os bens comúns en ámbalas dúas latitudes.

Na co-produción do #VR estamos Fran García Fernández, Diego Lores, Xavier Dapena, Manuel Gil, María Ríos, Fon Cortizo, Nuria Barreras, Begoña Calvar e as que se vaian sumando.

Coordina Fran García Quiroga, comisario do #salóndoMARCO.

Información:

As persoas interesadas poden solicitar información a través do correo salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Vigo Rebelde, o metal en loita.

A participación é aberta e gratuita.