rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MARCO. Inauguración exposición

MARCO. Inauguración exposición

Datas: 
26 outubro 2018
Horario: 
19.00


Visita á exposición, guiada por Rubén Martínez Alonso, comisario da mostra.

METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega


O ciclo ‘METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega’, comisariado por Rubén Martínez Alonso, naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. O proxecto comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.

Así pois, o comisario concibiu o proxecto expositivo en dúas áreas claramente diferenciadas, tanto na montaxe como en contidos, así distribuídas nos espazos do primeiro andar do MARCO: por unha banda, a correspondente ao pasado, representada por unha sala na que, a partir da referencia ou homenaxe ao filme Metropolis, se procura recrear o ambiente do Vigo dos anos vinte mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco.

Por outra banda, as salas frontais do primeiro andar acollerán, unha vez finalizada a mostra individual de Xosé Manuel Castro, a segunda proposta do ciclo, con Santiago Montes como protagonista.

SANTIAGO MONTES. Rara avis

En perigo de extinción, a coherencia xoga un papel esencial na traxectoria profesional de Santiago Montes. A congruencia é hoxe unha espantada rara avis sobrevoando a nosa hedonista e infeliz sociedade.

Santiago Montes (Vigo, 1940), diplomado en Maxisterio e con estudos en Enxeñería Técnica Industrial, presenta unha formación artística case autodidacta. Na plástica galega, o pintor iniciarase a través de diferentes xéneros: paisaxe, bodegón, espido e retrato. Pero serán os seus magníficos debuxos a lapis brando, e que seguen a estela romántica do seu admirado Urrabieta Vierge, os que fagan da cidade gran protagonista.

Numerosas serán as exposicións nas que participe, tanto individuais como colectivas, compatibilizando a práctica artística coa súa vocación docente. Mais o éxito como mestre figurativo de pincelada postimpresionista non freará a súa propia evolución, tan natural como vital para o crecemento do verdadeiro artista. Adéntrase así na abstracción dende fórmulas construtivistas (1978-1981), que derivan en expresionistas (1982-1989), ata desembocar na pureza do informalismo actual, onde a sobriedade cromática contrasta con ese enérxico dinamismo que aporta a xestualidade vigorosa do seu trazo.

De temperamento melancólico, as obras destilan ese lirismo intimista tan seu. Tal é a identificación do autor coa súa produción, o mimetismo alcanzado, que ben poderiamos estar ante un paradoxo, por tratarse de retratos non figurativos, abstraccións a partir dunha alma magoada, estraños autorretratos dunha tamén rara avis.