rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MARCO: pechamos temporalmente… e seguimos!

MARCO: pechamos temporalmente… e seguimos!

Datas: 
28 xaneiro 2021 - 16 febreiro 2021

O MARCO, pechado temporalmente ao público por mor das restricións sanitarias, continúa activo a través de visitas virtuais e outras propostas, e traballando na renovación das exposicións temporais prevista para os vindeiros meses.

A partir de hoxe mércores 27 de xaneiro, de acordo coas disposicións e medidas preventivas das autoridades competentes en materia sanitaria, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, permanecerá pechado temporalmente ata que a nova situación permita a reapertura dos espazos culturais e actividades presenciais. Durante este período, o Museo continuará activo tanto no seu funcionamento interno como na oferta de novas posibilidades aos seus visitantes.

No que atinxe ás exposicións temporais, xunto á preparación da renovación do programa expositivo cara aos vindeiros meses, o público poderá continuar explorando as dúas mostras que actualmente se exhiben en salas —as individuais de Manuel Vilariño e de Celeste Garrido, prorrogadas ata o 4 de abril— grazas ao innovador sistema de rutas virtuais deseñado polo equipo de I+D do Concello de Vigo e desenvolvido e implantado polas empresas Telefónica e Imatia.

Facilmente accesible a través da App Vigo, o novo sistema permite aos visitantes acceder a múltiples contidos (vídeos de artistas e comisarios, imaxes, textos e outra información de interese) sobre as exposicións temporais e outras actividades do MARCO, sexa nos propios espazos mediante os beacons ou dispositivos situados en salas, ou desde calquera outro lugar seguindo a ruta dende a pantalla do móbil, unha vez descargada a aplicación.

Tamén, continúan en marcha outras actividades como o Clube de Lectura #BiblioMARCO, promovido dende a Biblioteca-Centro de documentación, en formato virtual a través da plataforma Zoom. Novidades sobre estas e outras actividades previstas, xunto ao avance de programación de exposicións para os vindeiros meses, iranse comunicando nestas próximas semanas.