rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A metade do Aire. Obradoiros de verán

A metade do Aire. Obradoiros de verán

Datas: 
5 xullo 2011 - 29 xullo 2011
Horario: 
martes, mércores, xoves e venres de 12.00 a 14.00
Lugar: 
salas de exposición e Laboratorio das Artes


[Actividade complementaria da exposición de Martin Creed ‘Obras’ ]

Obradoiros de Verán
Para nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Horario: martes, mércores, xoves e venres de 12.00 a 14.00.
Entrada libre e gratuita ata completar aforo 

‘A METADE DO AIRE’ é o nome xenérico deste conxunto de actividades, visitas e talleres. A exposición de Martin Creed e o traballo deste artista ofrecen múltiples posibilidades didácticas, de aprendizaxe e de desfrute para todas as idades.

Na súa proposta para o MARCO, Martin Creed vai un paso máis alá na súa análise sobre a percepción e sobre a experiencia física, xogando coa nosa relación co contorno. Toda a planta baixa está ocupada por unha das súas intervencións, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247 Half the air in a given space [A metade do aire nun espazo dado], 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio dun obxecto cotián. Os globos, elementos lúdicos e festivos da infancia, convértense en colectores de aire, facendo tanxible e visible algo efémero e inmaterial.

Creada por primeira vez en 1998, esta peza adquire nas salas do MARCO unha magnitude completamente descoñecida ata agora, pola súa monumentalidade e polas dimensións das salas: a metade do espazo —un total de 6.863 m3 de aire distribuídos en tres patios, tres galerías, e a rotonda central— aparece cuberto por un mar de globos de cor azul celeste, que alteran por completo a nosa percepción do espazo, esvaendo a acotación visual e os límites espaciais. Para poder apreciar a obra, temos que somerxernos literalmente nela, abríndonos paso entre os globos e desencadeando un cúmulo de sensacións contraditorias. Ao percorrer as salas observamos a obra dende dentro, completándoa e formando parte dela. Todos os sentidos entran en xogo, e a visita ao Museo convértese nunha experiencia activa.