rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Michael Lin


Michael Lin (Toquio, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de murais pintados, realizados sobre todo tipo de superficies —paredes, teitos, chans—, que representan a grande escala os coloridos estampados de motivos florais taiwaneses, e que concibe como unha forma diferente de experimentar co espazo mediante a pintura, e de ver a arte como un evento social. Habitualmente utiliza o espazo (público ou privado) como medio, onde —nas súas propias palabras— “a obra convértese en parte do espazo, máis que un obxecto no espazo”. A pintura das súas instalacións transforma a percepción do lugar onde se instala, desafiando a autonomía das formas de arte e provocando situacións de participación directa co espectador.

A obra de Michael Lin sitúase dentro do marco da práctica relacional, que define os valores estéticos como relaciones sociais, e onde a comunicación, a interacción e a experiencia vital do público dentro do espazo conforma a base do proxecto artístico. Lin reafírmase no seu papel de activador social ao descontextualizar a súa obra e integrala na esfera da realidade inmediata, deseñando interiores, mobiliario, cuncas de café ou unha pista de tenis.

As súas exposicións máis recentes inclúen: 2ª Bienal de Moscú (2007), Schaurausch-O.K.Centrum, Linz, Austria (2007); Spaces Within, 21st Century Museum of Contemporary Art, Kanazawa, Xapón (2006); The Contemporary Museum, Honolulu, Hawaii (2005); Bienal de Lyon (2005); PS1 Contemporary Art Center, Nova York (2004); Fundación Montenmedio (NMAC), Cádiz (2003); Palais de Tokyo, París (2002); Urgent Painting, Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris, París (2002); Asianvibe, EACC, Castellón (2002); Gwanju Biennial Hall, Gwanju, Corea (2002); 49ª Bienal de Venecia, Pavillón de Taiwán (2001); VII Bienal de Istambul (2001); ARS O1, Kiasma Museum, Helsinki, Finlandia (2001); Casino 2001, SMAK, Gante, Bélxica (2001); The Sky is the Limit, Bienal de Taipei, Taipei Fine Arts Museum, Taipei, Taiwán (2000). Actualmente vive entre París e Shangai.