rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Monica Bonvicini

(Venecia, Italia, 1965; vive e traballa en Berlín, Alemaña)

As obras de Monica Bonvicini investigan sobre as relacións entre espazo, xénero e poder. Utilizando diferentes medios, que inclúen debuxo, colaxe, vídeo e escultura, as súas pezas individuais funcionan tamén como fases dun proceso de creación de instalacións a grande escala. Un aspecto interesante do traballo de Bonvicini é a súa exploración formal e conceptual da escultura e o seu contorno. A súa crítica do minimalismo céntrase na incorporación das súas formas a unha estética burguesa de estruturas cotiás. A través dunha reflexión sobre cuestións de xénero, a miúdo reforzadas por un incisivo humor, o seu traballo aborda o problema da 'construción', tanto no seu sentido arquitectónico como social.

A súa obra formou parte de exposicións en institucións tan prestixiosas como a National Gallery de Islandia ('Art against Architecture', Reykjavik, 2008); Pinakothek der Moderne, Múnic ('Female Trouble, The camera as mirror and stage of female projection in photography and video art', 2008); Bonnier Konsthall, Estocolmo; Sculpture Center, Long Island City, Nova York (2007), Kunstraum, Innsbruck; Galerie für Zeitgenössiche Kunst, Leipzig; Kunstmuseum, St Gallen; Museum Ludwig, Colonia; Bienal de São Paulo (2006); Museum Abteiberg, Monchengladbach; Hamburger Bahnhof, Berlín (2005); Migros Museum, Zúric; Sprengel Museum, Hannover (2004); New Museum, Nova York; Museum of Modern Art, Oxford; Tramway Glasgow; Secession, Viena (2003); Palais de Tokyo, París; Bienal de Shanghai, Shanghai Art Museum; Kunstmuseum Aahrus (2002); Magasin, Grenoble (2001); Kunsthaus Glarus, Glarus; Salzburger Kunstverein, Salzburgo (2000); Bienal de Venecia (1999, 2005); GAM, Turín (1999).

En 2007, Monica Bonvicini recibiu o encargo de realización da obra HUN LIGGER (SHE LIES), unha escultura site-specific flotante situada fronte á New Opera House de Oslo. No ano 2005 foi galardoada co Preis der Nationalgalerie für Junge Kunst de Berlín. Dende 2003 é profesora na Akademie der Bildenden Künste de Viena.