rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Montserrat, de Gabino Rodríguez [Lagartijas tiradas al sol]

Montserrat, de Gabino Rodríguez [Lagartijas tiradas al sol]

Datas: 
20 febreiro 2014 - 21 febreiro 2014
Horario: 
19.30
Lugar: 
Patio 1 (planta baixa)
Prezo: 
ENTRADA GRATUÍTA. Prazas limitadas ata completar aforo

Este xoves e venres, o mexicano Gabino Rodríguez (da compañía Lagartijas tiradas al sol) chega a Vigo para presentar a súa obra Montserrat, unha proposta escénica que se enmarca no ciclo ‘Material Memoria’, comisariado por Pablo Fidalgo Lareo dentro da exposición VERANEANTES. Ao día seguinte, sábado, o programa continúa coa proxección do filme Los mejores temas, de Nicolás Pereda, una coprodución de México, Canadá e Países Baixos, na que o propio Gabino Rodríguez encarna a un dos protagonistas.

“En México, o teatro devén o espazo onde se deciden cuestións de veracidade e falsidade, máis cós xornais, o goberno ou as cortes. Polo menos poderíase chegar a tal conclusión despois de ver o ciclo La invención de nuestros padres, da compañía Lagartijas tiradas al sol. Tres obras conforman o ciclo: El rumor del incendio, un documental escénico sobre a vida de Margarita Urías Hermosillo; Se rompen las olas, estrea de Mariana Villegas sobre a relación entre os seus pais; e Montserrat, preestrea dunha obra de Gabino Rodríguez na que este pon en escena a busca da súa falecida (?) nai, Montserrat [...] O final aberto deixa ao espectador sen fundamentación firme na que se poida apoiar para sacar conclusións. En vez de presentar unha autobiografía tal cal, ou investigar a veracidade dunha obra de non-ficción, Montserrat é un tratado sobre a ética e as responsabilidades do xénero documental”. (Julie Ann Ward)

Lagartijas tiradas al sol son unha cuadrilla de artistas convocados por Luisa Pardo e Gabino Rodríguez. Dende 2003 comezan a desenvolver proxectos como mecanismo para vincular o traballo e a vida, para borrar fronteiras. O seu traballo busca dotar de sentido, articular, dislocar e desentrañar o que a práctica cotiá fusiona e pasa por alto. Non ten que ver co entretemento; o seu traballo é un espazo para pensar. A compañía ten presentado as súas obras en festivais de todo o mundo, como Festivais de Outono de París e Madrid, Kunstenfestivaldesarts de Bruxelas, Festival TransAmériques de Montreal, e Zürcher Theatre Spektakel.

Descarga: