rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MuMo. O museo móbil

MuMo. O museo móbil

Datas: 
27 xaneiro 2015 - 28 xaneiro 2015
Lugar: 
rúa Príncipe, fronte a fachada principal do MARCO.


O proxecto didáctico MuMo. O museo móbil, organizado pola asociación francesa l'Art à l'Enfance, chegará a Vigo o martes 27 e mércores 28 de xaneiro de 2015, grazas a unha iniciativa realizada en colaboración co MARCO e l'Alliance Française de Vigo.

Creado en 2011, o
MuMo nace da convicción de que a través da arte formamos persoas máis abertas e xenerosas, axudamos a eliminar as fronteiras e transformamos a nosa forma de mirar o mundo. Todas as obras que compoñen este "museo móbil" foron creadas especificamente para o público infantil por artistas de recoñecido prestixio internacional, e versan sobre o tema social da convivencia en harmonía. A súa estrutura é a dun camión-contedor que se desprega e acolle catro espazos diferenciados con obras de pintura, escultura, instalación, vídeo e deseño.

Dende o ano 2011, o MuMo recibiu a visita de 43.000 escolares, percorreu 30.000 km. e visitou países como Francia, Camerún, Costa de Marfil, Bélxica e Suíza. Agora, xa en ruta por España, este museo itinerante recibe a visita de centros educativos de Aragón, Cataluña, Madrid, Castela e León e Galicia, co obxectivo de achegar o mundo da arte contemporánea a. No caso da parada en Vigo, o MuMo estacionarase na rúa Príncipe, fronte a fachada principal do MARCO.

As visitas están dirixidas a grupos de escolares de educación Primaria, entre 6 e 12 anos de idade, e están conducidas polo persoal educador do MuMo, cunha duración de 45 min.

Por estritas razóns de seguridade e aforo, o acceso ao MuMo está limitado aos grupos de escolares previamente concertados, e a un máximo de 15 participantes por grupo. Por iso, dende o MARCO fíxose no mes de decembro unha convocatoria pública dirixida aos centros de ensino da cidade de Educación Primaria para cubrir os grupos de visitas.

Unha vez cubertas as visitas de escolares polas mañás, quedan libres varios grupos de visita en horario de tarde, polo que decidimos ampliar a posibilidade de inscrición a outras persoas interesadas, sempre tendo en conta que a participación está limitada única e exclusivamente a nenos/as de 6 a 12 anos de idade, e ata un máximo de 2 nenos/as por solicitante.

Unha vez recibidas as solicitudes, iranse conformando os  grupos por rigorosa orde de inscrición, dentro dos horarios dispoñibles, que son os seguintes: MARTES 27 entre as 16.30 e as 18.00, e MÉRCORES 28 entre as 16.30 e as 18.45.