rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
NOITE BRANCA no MARCO

NOITE BRANCA no MARCO

Datas: 
13 agosto 2021

O venres 13 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e visitantes nestes meses de verán. A idea é dar continuidade a este proxecto, dentro das limitacións derivadas da crise sanitaria da Covid-19, e cumprindo estritamente a normativa sanitaria vixente.

Nesta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata a 1.00 da madrugada. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais, e sumarse ás visitas guiadas conducidas polo persoal de salas.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.

Visitas guiadas ás exposicións


Lugar: salas de exposición da planta baixa e do 1º andar
Horario: ás 12.00, 18.00, 20.00, 21.00, 22.00 e 23.00

4 PROXECTOS

Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador e Juan Cidrás, Mar Vicente

Salas de exposición da planta baixa
http://www.marcovigo.com/content/4-proxectos-m-nica-alonso-rosendo-cid-salvador-cidr-sjuan-cidr-s-mar-vicente

A peculiaridade dos seus espazos é un dos sinais de identidade do MARCO, en especial os da súa planta baixa, na que se percibe a súa formulación arquitectónica como panóptico. Partindo desa singularidade, en 4 PROXECTOS pediuse a catro artistas que dialogasen con eses espazos, respectándoos, facéndoos maleables, potenciando as súas calidades, transformándoos.

O resultado é unha mostra na que conviven e se entrecruzan diferentes visións: do relato íntimo de Mónica Alonso ás calidades plásticas e a atención ao proceso en Salvador e Juan Cidrás; do fondo poético e conceptual de Rosendo Cid, aos xogos espaciais e a experimentación coa sombra como xeradora de cor, na obra de Mar Vicente.

DIN MATAMORO

A mirada acesa

Salas de exposición do 1º andar (salas frontais e Galería B3)
http://www.marcovigo.com/content/din-matamoro-mirada-acesa

Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é un silencio profundo, absoluto, cheo de posibilidades”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións.

GLENDA LEÓN

Música das formas

Salas de exposición do 1º andar (Galería B1 e sala perimetral)
http://www.marcovigo.com/content/glenda-le-n-m-sica-das-formas

Glenda León (A Habana, Cuba, 1976), que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte na Habana, comezou a expoñer en 1999. A propia artista sinalaba nunha entrevista en 2013: “A música foi unha fonte de inspiración para min dende noviña. Por iso quixen ser coreógrafa durante moitos anos. Entón decateime de que o ingrediente principal destas ideas coreográficas da época era o visual”. Ese é o núcleo deste proxecto e da súa obra; a síntese entre os sons e o visual.