rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Novos horizontes. Artistas contemporáneos de Francia

Novos horizontes. Artistas contemporáneos de Francia

Ficha

Datas: 
1 xuño 2007 - 30 setembro 2007
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
CRAC Alsace /La Centrale Électrique/ MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Hilde Teerlinck

Obras en exposición

A exposición reúne un total de 67 obras, entre fotografías (Katia Bourdarel, Vincent Labaume), vídeos (Virginie Barré, Katia Bourdarel, Brice Dellsperger, Laurent Grasso, Clarisse Hahn, Martin Le Chevallier, Valérie Mréjen), instalacións (Virginie Barré, Alain Declercq, Julien Discrit, Philippe Meste, Bruno Peinado), videoinstalacións (Élodie Huet), esculturas (Virginie Barré, Vincent Labaume, Corinne Marchetti), pinturas (Patrick Jeannes), debuxos (Élodie Huet, Virginie Barré) e maquetas (Katia Bourdarel).

Itinerancia

  • CRAC Alsace, Francia (3 setembro 2006 - 11 febreiro 2007)

  • La Centrale Électrique, Bruxelas, Bélxica (22 marzo - 6 maio 2007)

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (1 xuño - 30 setembro 2007)

Síntese do proxecto

NOVOS HORIZONTES reúne a un grupo de creadores que nos últimos anos comezaron a despuntar na escena artística internacional. A exposición, que viaxa a Vigo tras a súa presentación no CRAC Alsace e La Centrale Électrique de Bruxelas, articúlase ao redor de diferentes temas que se entrecruzan e que deixan intuír un fío condutor, unha común preocupación dos artistas cara ao seu contexto social e político. Nados todos eles en Francia, forman parte dunha xeración que ven desenvolvendo a súa actividade artística durante o últimos vinte anos, e abordan temas moi latentes no panorama social, político e cultural da Francia actual.

A selección da comisaria agrupa, de modo intencionado, a unha grande maioría de artistas que son pouco coñecidos fóra das fronteiras do seu país, xunto a outros con máis presenza e traxectoria no contexto internacional, co fin de ofrecer ao público un panorama o máis completo posible da escena artística actual en Francia.

Na distribución e a montaxe das obras nas salas do MARCO intentouse, por unha parte, evidenciar as diferenzas, reforzando o carácter individual de cada peza, e ao mesmo tempo subliñar certos vínculos e agrupamentos entre as obras, sexa en relación cos seus contidos ou nos temas que abordan, os medios e soportes utilizados, e a súa relación e comunicación co espectador.

Dentro desta diversidade, a análisie de contidos permite unha clasificación en varios eixos temáticos, que á súa vez se entrecruzan segundo as intencións de cada artista e a súa presenza en salas: as obras que teñen á relixión como tema central —os retratos dunha comunidade de Clarisse Hahn e o problema da identidade nos vídeos de Valérie Mréjen— combínanse coa análise do contexto sociopolítico —as críticas e crónicas modernas do mundo capitalista en Bruno Serralongue e Vincent Labaume; as tramas terroristas e a paranoia colectiva en Alain Declerq— e coas particulares interpretacións da sexualidade e a violencia na instalación de Philippe Meste ou na ambigüidade transgresora de Brice Dellsperger.

A relación co mundo da infancia, do cine e do cómic de Corinne Marchetti, Katia Bourdarel, Amandine Sacquin, ou Virginie Barré, contrasta coa aguda e irónica visión da sociedade actual nas obras de Bruno Peinado, Patrick Jeannes, e nas fotografías de Fabien Rigobert. A reflexión sobre a imaxe en movemento e a súa interacción co público, sexa a través da televisión, o vídeo ou as novas tecnoloxías, está ben representada na instalación visual e sonora de Julien Discrit no panóptico central, o eclipse virtual de Laurent Grasso, o vídeo interactivo de Martín Le Chevallier, ou a videoinstalación de Élodie Huet, que esixe a participación de dous visitantes para ser entendida por completo. Todas estas obras fálannos da relación espazo-tempo, e a súa capacidade de comunicación co espectador.

Como arranque e final da exposición, e como imaxe do catálogo desta mostra colectiva, unha fotografía da gran praia atlántica de La Baule, obra de Frank Perrin, recibe e despide aos visitantes dende a fachada do museo.

Artistas

 Alain Declercq
 Amandine Sacquin
 Brice Dellsperger
 Bruno Peinado
 Bruno Serralongue
 Clarisse Hahn
 Corinne Marchetti
 Élodie Huet
 Fabien Rigobert
 Frank Perrin
 Julien Discrit
 Katia Bourdarel
 Laurent Grasso
 Martin Le Chevallier
 Patrick Jeannes
 Philippe Meste
 Valérie Mréjen
 Vincent Labaume
 Virginie Barré

Texto curatorial

“O título da exposición NOVOS HORIZONTES ten que ver co desexo de ofrecer ao público distintas perspectivas da creación francesa contemporánea. Os artistas seleccionados pertencen a distintas xeracións e, se ben algúns comparten un interese por temas similares, cada quen os desenvolve de xeito persoal.

Todos eles son produto dunha xeración dominada pola influenza das novas tecnoloxías. Os vídeos e instalacións interactivas de Fabien Rigobert, Julien Discrit, Laurent Grasso e Martin Le Chevallier embarcan ao espectador en viaxes por mundos virtuais, nos que a ciencia se atopa coa ficción e fúndense nunha terceira dimensión.

As obras de Katia Bourdarel, Amandine Sacquin, Virginie Barré e Corinne Marchetti transpórtannos a un peculiar ‘país das marabillas’, unha reconstrución surrealista de soños e imaxinería adolescente mesturados con referencias á banda deseñada e á arte pop. Outras artistas como Clarisse Hahn e Valérie Mréjen fan uso dun enfoque case documental para tratar temas delicados como a fe e a relixión; Bruno Serralongue baséase en estratexias similares ás do fotoxornalismo, e Elodie Huet utiliza o vídeo como ferramenta para unha aguda análise da nosa existencia cotiá.

Sexo e violencia son temas omnipresentes na sociedade, na vida real, pero tamén na gran pantalla. Alain Declercq, Brice Dellsperger e Phillipe Meste descúbrennos ata que punto estes aspectos son tratados de forma superficial e banal nos medios de comunicación. Os enfoques polifacéticos e sumamente personais de Bruno Peinado, Vincent Labaume e Patrick Jeannes resístense a calquera tipo de clasificación. E por último, Frank Perrin, creador da imaxe para a portada do catálogo, preséntanos unha especie de metáfora do home moderno, conectado co mundo a través do seu MP3, ou só e perdido en medio da grande cidade.

Sexa cal sexa o interese e xeito de expresión de cada un destes creadores, a intención deste proxecto é ofrecer ao público internacional a oportunidade de descubrir a “forza secreta” da arte contemporánea francesa, e levar a artistas menos coñecidos cara a novos horizontes.


Hilde Teerlinck
Comisaria da exposición

Comisariado

Hilde Teerlinck


Hilde Teerlinck
é membro fundador de ArtAids. Directora do FRAC Nord-Pas de Calais en Dunkirk, anteriormente ocupou o cargo de directora do Centre Rhénan d’Art Contemporain (CRAC Alsace) de Altkirch e de directora artística e coordinadora do Pavillón Mies van der Rohe de Barcelona. Entre 1999 e 2002 combinou o seu traballo como docente na Escola Superior de Arte de Perpiñán co seu traballo como crítica de arte e colaboradora en diversas publicacións como Parkett, Kunstforum, Kunst nu, Artefactum, Transversal, Quaderns, e Ars Mediterranea, e o seu labor como comisaria do Espace d‘Art Contemporain - Halle au Poisson en Perpiñán. Xunto a Han Nefkens, deu inicio ao proxecto Access for All [Acceso para todos] en 2004.