rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Marta Bran
Berta Cáccamo
Rosendo Cid
Tamara Feijoo
Juan Loeck
Rut Massó
Din Matamoro
Chelo Matesanz
Tatiana Medal
Doa Ocampo
Ignacio Pérez-Jofre
Teo Soriano

O BOSQUEXO DO MUNDO

Ficha

Datas: 
19 abril 2013 - 15 setembro 2013
Lugar: 
planta baixa
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo /Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela /Fundación Luis Seoane, A Coruña
Comisariado: 
Ángel Cerviño e Alberto González Alegre

ARTISTAS


Marta Bran
(Melide, A Coruña, 1986)
Berta Cáccamo (Vigo, 1963) 
Bosco Caride (Vigo, 1963)
Rosendo Cid (Ourense, 1974)
Tamara Feijoo (Ourense, 1982)
Beatriz Lobo (Vigo, 1985)
Juan Loeck (Santander, 1959)
Rut Massó (Vigo, 1970)
Din Matamoro (Vigo, 1958)
Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964)
Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965)
Tatiana Medal (A Coruña, 1971)
Miguel Mosquera (Ourense, 1953)
Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986)
Kiko Pérez (Vigo, 1982)
Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965)
Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955)
Juan Carlos Román (Bilbao, 1961)
Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963)
Tayone (Vigo, 1980)
Mauro Trastoy (Ferrol, 1971)

OBRAS EN EXPOSICIÓN

‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ ofrece a posibilidade dunha visita a ese crisol de formas que é o taller do artista, e trae ao museo un conxunto de útiles e documentos, tamén obras e os seus antecedentes que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporciona sustento e alimenta as creacións.

ACTIVIDADES PARALELAS


Biblioteca-Centro de Documentación
O BOSQUEXO DO MUNDO. Exposición bibliográfica e dixital
19 abril - 15 setembro 2013

Selección de catálogos individuais e colectivos dos artistas participantes na exposición. En formato dixital, referencias web coas entrevistas, artigos, reportaxes e vídeos máis relevantes.

Programación didáctica
‘MICROMUNDOS’. Visitas e actividades para escolares
Para grupos de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato
23 abril - 14 xuño 2013
Previa cita no tel. 986 113900 / 113903 (Pilar Souto)

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ é unha exposición colectiva comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e coproducida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o Auditorio de Galicia, e a Fundación Luis Seoane. Unha aposta polas mostras de produción propia que se fai extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e traballo en rede. Unha vez clausurada no MARCO, a mostra viaxará ás outras dúas sedes, en Santiago de Compostela e A Coruña, respectivamente.

O título da exposición sérvese da ambigüidade e riqueza do termo ‘bosquexo’, como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

Así, xunto a obras en distintos soportes, a mostra componse sobre todo de apuntamentos, bosquexos, e pezas inacabadas. ‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ trae ás salas do Museo un conxunto de útiles e documentos —obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, xestos e materiais atopados...— que se sitúan na base ou, por así dicir, na zona de influencia de cada artista, do seu quefacer e da súa particular visión do mundo.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos setenta. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografa, vídeo, instalación...— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

Xunto a un traballo minucioso para a exhibición das obras e materiais de pequeno formato, a montaxe da exposición saca partido da peculiar distribución dos espazos na planta baixa do MARCO. Artistas e obras agrúpanse en diálogo cos patios e galerías, incluíndo pezas adaptadas especificamente á configuración das salas. A exposición complétase cunha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación do Museo, cunha selección de publicacións e referencias web sobre os artistas participantes.

En palabras dos comisarios, “unha proposta que, no aspecto visual e de montaxe expositivo, investiga os intersticios que se abren entre o puro documentalismo e o environment ou a instalación. Unha montaxe que pon en escena o estatus ambiguo do ‘bosquexo’: camiña cara á obra pero non é obra aínda... ou se cadra xa si”.

Texto curatorial

O BOSQUEXO DO MUNDO

Do que non se pode falar, a arte non é quen de calar.
Guillaume Désanges

Bête comme un peintre, bruto como un pintor, o proverbio francés do século XIX, ilustraba indirectamente a idea de xenio romántico iluminado pola graza da inspiración e arroupado pola excelencia técnica das súas habilidades manuais. Non obstante, a historia máis recente das prácticas artísticas semella escribirse contra ese aserto e coa vontade explícita de establecer un novo paradigma, aquel que entende as producións artísticas como construcións intelectuais.

As producións artísticas e as prácticas expositiva das últimas décadas, moi especialmente a partir do despuntar dos movementos conceptuais xurdidos en torno á crise ideolóxica de 1968, non fixeron senón confirmar esas expectativas: o lugar dende o que se formulan as prácticas artísticas —e as súas contrapartidas argumentais— cambiou de localización, e o artista, convertido en produtor de sentido, xa non poderá moverse por eses novos territorios sen a sólida andamiaxe da súa armazón discursiva.

O artista devén así provedor de contidos intelectuais, a miúdo filósofo, noutras ocasións etnógrafo (H. Foster), pero tamén sociólogo, documentalista do espolio e a dominación, crítico da cultura, revelador da fascinación adormentadora dos media, ‘mecenas ideolóxico’ (W. Benjamin), ou abandeirado da loita pola visibilidade dos máis diversos colectivos desatendidos pola mirada hexemónica —feminismo, activismo queer, réxime post-colonial...—, e sempre explorador da provisionalidade e inestabilidade dos reximes de representación, recodificador das convencións.

A vida como hipertexto

Obrigados a viaxar por un amplo campo de pensamento que se entrecruza en todas direccións.
Ludwig Wittgenstein

A exposición ‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ propón unha visita a esa ‘oficina da nada’ que é o taller do artista visual: o laboratorio do pensamento, o obradoiro conceptual onde xerminan e maduran as imaxes, onde as obras cobran forma e se impregnan de sentido.

Asistir ao engrenarse dos procedementos creativos, visualizar unhas dinámicas de traballo que habitualmente permanecen ocultas e se manteñen á marxe da xerarquización que impón o sistema expositivo, sitúanos no corazón dos aspectos máis directamente procesuais das obras de arte; ser testemuña do encadeamento dunhas determinadas eleccións, entre outras posibles combinacións e encrucilladas de camiños desbotados, achega ao espectador o valor engadido dunha nova experiencia sobre o obxecto. Se cada decisión supón unha modificación do resultado, a panorámica desas virtualidades abre toda unha serie de perspectivas suplementarias que enriquecerán as posibilidades de lectura.

Os dispositivos expositivos das últimas décadas xa nos familiarizaron suficientemente co novo paradigma, a obra preséntasenos como zona aberta e en definitivo estado de inacabamiento, work in progress, traballo en curso que dilúe a súa aparencia estética e renuncia, de mellor ou peor grao, á fantasía narcisista do estilo.

Alén dos resultados formalistas da obra acabada, o presente apunta a un crecente interese polos aspectos procesuais: asertos teóricos, rexistros documentais da máis variada índole, puros inventarios de noticias e acontecementos, táboas estatísticas, coleccións de imaxes tomadas dos medios, provisión de obxectos abertos a diferentes campos relacionais, e centos de links proliferando e multiplicándose nos espazos virtuais... un censo de materiais absolutamente heteroxéneos que configuran unha sorte de novos gabinetes de curiosidades sobre a mesa de traballo do artista plástico.

Miolos de pan no bosque dos signos

 [...] non se trata de fragmentos senón de elementos activos e, cando aumenten o seu
número e sexan un pouco máis anellos, empezarán a se fundir uns con outros.
James Joyce

Os carnés dun artista son os seus libros de auto-axuda, o seu almacén de materiais de auto-construción: exercicios mnemotécnicos para manter a dirección do pensamento, miolos de pan no bosque dos signos. Nas súas páxinas fai provisión de posibilidades de sentido que xa utilizará mañá, e alí reúnense, sen máis autoridade ca que impón o azar dos encontros e o capricho do momento, reflexións sobre o propio oficio, debuxos, recortes de prensa, notas de lectura, miniaturas narrativas, lembranzas da infancia, fotografías, proxectos de cadros, borradores de cartas... toda clase de elementos que, por unha ou outra razón, se cre necesario reter ou conservar, porque ‘se cadra algún día me poidan ser útiles’ (Claude Levi-Strauss), porque se cadra algún día axuden a lembrar algo que agora mesmo non se sabe que se ten esquecido. Cada peza proxecta fulgores e sombras, cada signo vértese noutro signo: elos dunha infinita cadea na que significar é traducir.

O autor sacará partido de todos eses materiais acumulados, dese inventario de posibilidades, ao xeito dun intuitivo e —á vez— premeditado mecanismo de bricolaxe intelectual. Así, os bosquexos e ‘recortes’ transfórmanse en ferramentas do pensamento, obxectos materiais convertidos en obxectos de coñecemento: maquetas de solucións posibles a problemas aínda sen formular.

A exposición ‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ ofrece a posibilidade dunha visita a ese crisol de formas que é o taller do artista, e trae ao museo un ensarillado conxunto de útiles e documentos que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporciona sustento e alimenta ás súas creacións: bosquexos e cadernos de apuntamentos, notas ao paso que agardan o seu momento e ocasión, obxectos de todo rango que se acumulan semi-esquecidos polos cantos do estudio, carpetas con recortes de prensa, imaxes e libros doutros artistas, dende unha colección de postais con imaxes artísticas a un bucle de vídeos de youtube. No aspecto visual e de montaxe expositiva, investiga os intersticios que se abren entre o puro documentalismo e o environment ou a instalación. Unha montaxe que pon en escena, por enriba de calquera outra consideración, o estatuto ambiguo do bosquexo: ese ente que camiña cara á obra pero que non é obra aínda... ou se cadra xa si.”

Ángel Cerviño
Alberto González-Alegre

Comisariado

Ángel Cerviño e Alberto González Alegre


Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, artista plástico e crítico de arte respectivamente, ambos os dous cunha dilatada carreira ás súas costas, decidiron hai un par de anos coordinar os seus esforzos e constituírense en unidade indivisa para a acción curatorial. Francisco Mantecón. Paixón e cálculo é o cuarto proxecto expositivo froito da súa colaboración. Con anterioridade produciron Casus belli. Refutación do contexto (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 2011), En plenas facultades. Artistas docentes da facultade de Belas Artes de Pontevedra (Museo de Pontevedra, 2013), O bosquexo do mundo (MARCO, Fundación Luis Seoane, Auditorio de Galicia, 2013) e Carlos León. A orde das primeiras cousas (CGAC, Santiago de Compostela, 2014).

Actividades

O BOSQUEXO DO MUNDO. Exposición bibliográfica e dixital

O BOSQUEXO DO MUNDO. Exposición bibliográfica e dixital

Datas: 
19 abril 2013 - 15 setembro 2013
Horario: 
martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
Lugar: 
Biblioteca-Centro de Documentación


Selección de catálogos individuais e colectivos dos artistas participantes na exposición. En formato dixital, referencias web coas entrevistas, artigos, reportaxes e vídeos máis relevantes.