rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
O Club de Lectura #BiblioMARCO inicia a tempada 2021-22 con tres novos grupos

O Club de Lectura #BiblioMARCO inicia a tempada 2021-22 con tres novos grupos

7 setembro 2021 - 12 maio 2022


Organizado pola Biblioteca-Centro de documentación do MARCO, é unha actividade concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas na relación entre literatura e a arte nas súas múltiples manifestacións.

O xoves 9 de setembro abrirase o prazo de inscrición, gratuíta e con prazas limitadas a 15 participantes por grupo.

INFORMACIÓN e INSCRICIÓNS (a partir do 9 de setembro):

Exclusivamente a través do correo-e centro.documentacion@marcovigo.com

As persoas interesadas indicarán: nome, apelidos, teléfono de contacto, grupo/s nos que lle gustaría participar, por orde de preferencia, e se son membros da AAM (no seu caso). Máximo 1 solicitude de alta por correo-e recibido.

Capacidade máxima de 15 participantes por grupo (reserva 20% para membros AAM)

Club de Lectura #BiblioMARCO

TEMPADA 2021-2022 

A partir do mes de outubro, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO reinicia as actividades do seu Club de Lectura, con tres novos grupos (dous presenciais e un virtual), cada un limitado a 15 participantes. As sesións terán lugar unha vez ao mes, cumprindo co protocolo anti-covide e todas as normas de hixiene e seguridade.

[PRAZAS ESGOTADAS]

Lugar: sala de lectura. Biblioteca–Centro de documentación do MARCO (1º andar)
Horario: de 19.00 a 20.30
Datas:

GRUPO 1 [presencial] = 1º venres de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 1: venres 1 de outubro

GRUPO 2 [presencial] = 2º mércores de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 2: mércores 6 de outubro

GRUPO 3 [virtual] = 2º xoves de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 3: xoves 7 de outubro

LIBROS COMENTADOS 

Olivia Laing. La ciudad solitaria / Alex Michaelides. La paciente silenciosa / Miguelanxo Prado. Ardalén / Paula Bonet. La anguila / Cristina Sánchez-Andrade. Las inviernas 

ACTIVIDADES PARALELAS


Proxección do documental "We live in public"
https://www.marcovigo.com/content/proxecci-n-do-documental-we-live-public  

Proxección do filme "De Profundis", de Miguelanxo Prado e coloquio co director
https://www.marcovigo.com/gl/content/proxecci-n-do-filme-de-profundis-de...

Conversa Cristina Sánchez-Andrade (escritora) e Andrea Costas Lago (artista) 
https://www.marcovigo.com/gl/content/conversa-cristina-s-nchez-andradean...

O Club #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, máis alá da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, música e cinema, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

O obxectivo é constituír un espazo de debate e pensamento crítico en torno aos múltiples temas que aparecen nos libros e achegar, por esta vía, a arte contemporánea a novos públicos.

A iniciativa xorde na tempada 2019-2020, con tres grupos presenciais, e 22 persoas por grupo. En 2020-2021 créanse catro grupos para compensar a redución de aforo debida á crise da Covid: tres presenciais de 9 participantes, e outro virtual, a través da plataforma ZOOM, con 15 participantes.

A organización deste grupo telemático, derivado das restricións sanitarias, revelouse ao mesmo tempo como unha oportunidade que abría novas vías de participación e accesibilidade. Así pois, nesta nova tempada decidiuse manter a modalidade virtual, que permite sumar persoas interesadas dende lugares máis afastados, e superar limitacións físicas, mellorando así as oportunidades de acceso á cultura.

En ocasións, as sesións están acompañadas de actividades paralelas, como a reflexión en torno á creación da man do artista Eduardo Gruber e a súa exposición no MARCO, o encontro artístico-literario entre Celeste Garrido e Arantza Portabales, ou a proxección do documental "Las Sinsombrero", de Tània Balló, en colaboración con RTVE.

Todo iso contribúe a unha sensación de comunidade que fai de #BiblioMARCO un espazo de intercambio e achegamento intelectual e tamén afectivo.

Biblioteca-Centro de Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, inaugurada en 2004 e situada no 1º andar do Museo, é un servizo gratuíto que ten como obxectivo proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea. O fondo bibliográfico ascende a 6.750 publicacións que abranguen áreas como teoría da arte, filosofía, historia, pedagoxía, museología, movementos artísticos ou coleccións. O corpo principal da Biblioteca son monografías, catálogos de artistas e catálogos colectivos, ademais dunha hemeroteca de revistas especializadas.

HORARIO: na actualidade, e ata novo aviso, a Biblioteca está aberta presencialmente soa para investigadores, mediante cita previa e cumprindo todas as medidas de hixiene e seguridade.