rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
O estado das cousas. O obxecto na arte de 1960 aos nosos días

O estado das cousas. O obxecto na arte de 1960 aos nosos días

Ficha

Datas: 
8 outubro 2004 - 9 xaneiro 2005
Lugar: 
Planta Baixa e Primeira Planta
Horario: 
martes a domingo (festivos incluidos), de 11.00 a 21.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / ARTIUM, Centro–Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria


Obras en exposición

A exposición está integrada por un total de 117 pezas, na súa maioría esculturas, pero tamén pinturas, instalacións, obxectos, fotografías e videoproxeccións.

Itinerancia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
    (8 outubro 2004 - 9 xaneiro 2005)
  • ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria
    (2 febreiro - 22 maio 2005)

Síntese do proxecto

A exposición O ESTADO DAS COUSAS. O obxecto na arte de 1960 aos nosos días foi exhibida, na súa primeira versión, no Museo de Belas Artes de Nantes entre o 28 de xuño e o 12 de outubro de 2003, co gallo do evento cultural "Tesouros públicos, 20 anos de creación nos Fondos Rexionais de Arte Contemporánea de Francia", organizado polo Ministerio de Cultura francés. Nesa ocasión a mostra foi comisariada por Jean Marc Prévost.

Logo dun ano, os museos MARCO de Vigo e ARTIUM de Vitoria reproducen esta exposición nas súas sedes respectivas. No caso do MARCO, por vez primeira unha mostra temporal ocupa as dúas plantas do edificio, dado o número e dimensións das pezas expostas.

A exposición consta de 117 obras procedentes das coleccións de dezasete FRAC (Fonds Régionaux d'Art Contemporain), creados en 1983 polo Ministerio de Cultura de Francia e os gobernos rexionais; unha rede de 24 centros destinada a promover a difusión e apoio á creación contemporánea, en liña cunha política de descentralización cultural con magníficos resultados no tocante á adquisición de obras de arte.

A través dunha selección destes fondos, a mostra presenta un percorrido pola evolución da arte contemporánea internacional desde principios dos anos sesenta -momento no que se produce a integración do obxecto cotiá como parte do discurso da arte- ata os nosos días. Deste xeito, preséntase e analízase o status do "obxecto" na arte en todas as súas formas e estados, a través dos diversos movementos artísticos.

Na versión de MARCO e ARTIUM o proxecto orixinal enriquécese coa inclusión de Juan Muñoz e Joan Brossa, dous artistas españois recentemente finados, ben representados nas coleccións dos FRAC, aos que nesta ocasión se adican sendas salas pola importancia da súa traxectoria, e que nos ofrecen dous presentacións diametralmente opostas no tratamento do obxecto.

A partir deste método de análise, unha especie de corte transversal, os obxectos vanse transformando ante os nosos ollos en reflexos da visión contemporánea. Ás veces fálannos da experiencia do contorno inmediato, ou reivindican a súa individualidade e a dos seus creadores; ou fannos reflexionar sobre a súa función e sobre os efectos da sociedade de consumo; ou presentan cuestións como a inutilidade da obra de arte, ou as fronteiras entre arte e deseño; ou convértense en metáforas, en símbolos, en pegadas do seu pasado inmediato, das súas orixes. En suma, funcionan como vía para a mellor comprensión da arte actual.

A exposición non podería empezar doutro xeito que con Duchamp e a súa Boîte en Valise (1966), unha obra que reproduce 83 pezas en miniatura do artista inventor do ready-made, que elevou un urinario á categoría de "obra de arte" incluídoo nunha exposición baixo o título de Fontaine (1917). Un elemento de uso cotiá que por decisión do artista, sacado de contexto e colocado sobre unha peana, pasou a ser considerado obxecto artístico. O resultado foi moito máis aló da provocación, e sentou as bases -aínda hoxe vixentes- dun novo concepto do artista e da súa obra, segundo a cal a idea está por riba da manufactura.

Corenta anos de obxectos acumulados, comprimidos, inventados, recuperados, fabricados, descompostos e pasados por tódalas fases que os artistas imaxinen. Os obxectos do cotián desviados da súa función por Fluxus ou dotados de memoria por Boltanski; os refugados tralo seu uso pola sociedade de consumo e reinventados pola "Nova escultura inglesa"; os desprazados da súa función por Bertrand Lavier ou John Armleder; os inventariados por Claude Closky; os despregados por Christian Marclay; os acumulados por Daniel Firman; os magnificados por Patrick Tosani; os procedentes de encontros efémeros orquestrados por Gabriel Orozco; e tódolos demais obxectos máquina, obxectos vitrina, obxectos cínicos, obxectos vendados... Vasto panorama do que se fixo en arte dende que a arte é contemporánea a través de mostras desenfiadas no tempo, pois nestas exposicións axiña se pasa da cousa ó obxecto, do obxecto ó produto; oscílase sen cesar do un ó outro, entre ironía e cinismo, crítica e demostración, contestación e fascinación estética.

Os artistas do movemento Fluxus (Robert Filliou, Ben), retomaron a herencia dadaísta e duchampiana, descontextualizando os obxectos cotiás para producir imaxes e xogos de linguaxe "poéticos e políticos". Posteriormente, os artistas Pop (Richard Hamilton, Andy Warhol) e os Novos Realistas (César, Raymond Hains) interesáronse polos obxectos de consumo de masas e os incorporaron como elementos integrantes da súa obra, co fin de establecer unha relación directa entre a realidade e as transformacións do mundo contemporáneo.

A partir dos anos setenta, seguindo a estela da arte conceptual, Christian Boltanski concibe unha serie de obxectos íntimos, cheos de memoria, e nos oitenta a "nova escultura inglesa" (Tony Cragg, Bill Woodrow) retoma as formas de arte minimalista e conceptual, para interesarse polas marxes das sociedade de consumo. As descontextualizacións de Richard Artschwager, ou máis tarde de Bertrand Lavier, John Armleder ou Sylvie Fleury, son un xeito de percorrer, de forma crítica, a historia da escultura e da pintura actual.

Na década dos noventa, Claude Closky, traballando coa linguaxe e mailo obxecto, aprópiase e pon en escea "cousas" anodinas, mentres os POF (Prototipos de Obxectos en Funcionamento) de Fabrice Hybert cuestionan os sistemas de produción e de difusión da arte. O obxecto pode tamén entrar nun eido máis narrativo -como no caso de Xavier Veilhan- ou se transformar en produto, como pon en evidencia Jean-Luc Moulène. Pola súa banda, Gabriel Orozco cuestiónase as nocións de "artesanía" e "produto industrial", ao tempo que L'Atelier Van Lieshout, entre outros, reflexiona en torno ao status mesmo de obra de arte, sobre a súa función e as súas formas de presentación, co fin de reformular a economía do obxecto e dos seus desexos.

A incorporación do obxecto á obra de arte, o obxecto artístico e a súa funcionalidade, a arte e a sociedade de consumo; estas e moitas outras cuestións abórdanse en O estado das cousas, unha mostra da particular viaxe dos obxectos a través da historia da arte contemporánea e dos seus creadores.

 

Artistas

    Alain Séchas
    Allan McCollum
    Andy Warhol
    Anne Gardiner
    Atelier Van Lieshout
    Basserode
    Ben
    Bertrand Lavier
    Bill Culbert
    Bill Woodrow
    Bruno Peinado
    Cady Noland
    Céleste Boursier–Mougenot
    César
    Christian Boltanski
    Christian Marclay
    Claude Closky
    Daniel Firman
    Eric Duyckaerts
    Erik Dietman
    Erwin Wurm
    Étienne Bossut
    Fabrice Hybert
    Franz West
    Gabriel Orozco
    George Brecht
    Gotscho
    Hans Haacke
    Hubert Duprat
    Jean–Luc Moulène
    Jean–Luc Vilmouth
    Jean–Michel Sanejouand
    Jean–Pierre Raynaud
    Joan Brossa
    Joe Scanlan
    John M. Armleder
    Juan Muñoz
    Marcel Broodthaers
    Marcel Duchamp
    Martin Tupper
    Michael Craig–Martin
    Mimmo Rotella
    Panamarenko
    Pascal Kern
    Patrick Saytour 
    Patrick Tosani
    Peter Fischli & David Weiss
    Philippe Mayaux
    Philippe Parreno
    Philippe Ramette
    Présence Panchounette
    Raymond Hains
    Richard Artschwager
    Richard Baquié
    Richard Hamilton
    Robert Filliou
    Roman Signer 
    Sylvie Fleury
    Thomas Huber
    Thomas Schütte
    Tobias Rehberger
    Tony Cragg
    Wim Delvoye
    Xavier Veilhan

Texto curatorial

"A exposición O ESTADO DAS COUSAS. O obxecto na arte de 1960 aos nosos días. Colección dos Fondos Rexionais de Arte Contemporánea de Francia que agora presentamos en MARCO, Museo de Arte Contemporáneo de Vigo e en ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria-Gasteiz, é unha desas mostras que deixan pegada, das que saes con enerxías renovadas e cheo de boas intencións para coa arte contemporánea. Polo menos, esa foi a sensación que nos embargou cando visitamos a súa primeira versión, durante o verán de 2003, no Musée des Beaux-Arts de Nantes. Daquela, estaba comisariada por Jean Marc Prévost e formaba parte dos numerosos actos organizados polo Ministerio da Cultura e da Comunicación de Francia con obxecto de conmemorar os vinte anos da creación dos FRAC, Fonds Régionaux d'Art Contemporain (Fondos Rexionais de Arte Contemporánea).

Ese aniversario era, entre outras razóns, un dos motivos da nosa satisfacción: asistir á posta de longo dun proxecto cultural emblemático e de envergadura estatal é algo que non ocorre todos os días, o cal ayuda a reconciliarnos coa profesión e coa xestión cultural. Na nosa opinión, a posta en marcha dos vintecatro FRAC, creados en 1983 por iniciativa conxunta do Ministerio de Cultura de Francia e dos gobernos rexionais, ten sido unha das propostas culturais máis orixinais e mellor resoltas das que se veñen realizando en Europa.

Os seus obxectivos fundacionais foron principalmente dous: a instauración dunha rede de centros de difusión e apoio á creación contemporánea, por medio da adquisición e axuda á produción de obras de arte, e o apuntalamento dunha política real de descentralización cultural. Os resultados saltan á vista, non só pola existencia de múltiples coleccións, con máis de 15.000 obras de artistas internacionais -algunhas delas especializadas en arte e as súas relacións coa arquitectura, o cine ou o deseño- senón polo elevado valor artístico e económico alcanzado polas mesmas -en base aos bos criterios demostrados nas adquisicións-, polo importante apoio ofrecido aos artistas de distintas xeracións e países e, por último, pola impagable e dificultosa labor de sensibilización do público en favor da arte contemporánea levada a cabo polos FRAC, tanto na súa dimensión expositiva como polas múltiples e diversas actividades didácticas que estes xeran. En definitiva, son un excelente exemplo de como abordar proxectos políticos de eido cultural, e de alcance estatal, sen que estean abocados ao fracaso.

O outro motivo do noso entusiasmo por esa mostra foi a calidade das pezas expostas -unha pequenísima selección de obras pertencentes ás coleccións dos devanditos FRAC- que, a través dunha excelente montaxe, relataban a historia da representación do obxecto na arte contemporánea desde os anos sesenta ata os nosos días. As esculturas, instalacións, vídeos, pinturas e fotografías, partindo do pioneiro Marcel Duchamp, e realizando un percorrido polos Fluxus, os artistas pop, os artistas conceptuais, a nova escultura inglesa ou os novos realistas, amosábannos como o obxecto cotiá se veu instalando de xeito permanente no discurso da arte actual. E dicimos relatar porque era como se as propias obras nos falasen.

Para rematar, interesounos a frescura da exposición e a súa innegable carga de sentido do humor. Cando un obxecto cotiá se descontextualiza do ámbito e da función para a que foi creado, inevitablemente se producen equívocos e paradoxos que poden arrincarnos un sorriso. Se a isto lle engadimos a integración do devandito obxecto nunha obra de arte e a súa posterior exhibición nunha estrutura museística, é mais que probable que o equívoco se convirta en discurso e o paradoxo en metáfora. Nisto reside o poder da arte".

Carlota Álvarez Basso, Directora MARCO e Javier González de Durana, Director ARTIUM