rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

O lapis máxico. A ilustración de libros infantís no Reino Unido na actualidade

Ficha

Datas: 
2 xullo 2004 - 26 setembro 2004
Lugar: 
Primeira Planta e Laboratorio das Artes
Horario: 
Martes a domingo (festivos incluídos): de 11.00 a 21.00
Produción: 
The British Council
Comisariado: 
Quentin Blake

Obras na exposición

A exposición consta dunha seleción de 63 litografías e gravados dixitais de importantes ilustradores de libros infantís, así como dunha coleción de libros de contos infantís e xuvenís, e dunha proxeción de vídeo con extractos de varias películas baseadas en libros dalgúns dos ilustradores presentes na exposición.

Itinerancia

A mostra é unha seleción en versión facsímil das obras orixinais contidas na exposición "Magic Pencil", que se exhibiu no Reino Unido durante 2002-2003, na Laing Art Gallery de Newcastle e na British Library de Londres, e que a partir de 2004 iniciou a súa itineranza por distintos países de Europa: 

  •  España: Madrid, Biblioteca Nacional, xaneiro-marzo 2004
  • Italia: Galleria d'Arte Moderna, Bolonia, abril 2004
  •  Holanda: Gemeentemuseum, Helmond, setembro 2004
  •  Polonia: Centrum Kultury, Poznan, outubro-novembro 2004
  •  Bélxica: Musée des Bandes Dessinées, Bruxelas, decembro 2004-febreiro 2005

Pola súa banda, esta seleción facsímil visitará perto de 50 países entre 2003 e 2005.

 

Síntese do proxecto

Por vez primeira no MARCO de Vigo, o espacio do Laboratorio das Artes do primeiro andar, habitualmente adicado ás actividades didácticas e programa educativo para escolares, é ocupado por unha exposición temporal. Cun obxectivo principalmente didáctico, a versión facsímil da mostra “O Lapis Máxico”, producida por The British Council, é o punto de partida para un programa de visitas guiadas e obradoiros infantís que estarán en marcha no MARCO durante os meses de xullo e agosto.

Esta exposición amosa un total de 63 litografías e gravados dixitais de obras dos ilustradores máis salientables e innovadores do Reino Unido, conforme á seleción feita polo coñecido autor e ilustrador de libros infantís Quentin Blake.

A ilustración non precisa de tradución, pero o feito de vela a unha escala diferente, a cotío sen texto, con cores máis vivas e pendurada dunha parede, supón mirala baixo outra lus. En Gran Bretaña existe unha longa tradición no deseño innovador de libros e na ilustración, e a obra de anteriores xeracións de ilustradores é coñecida e apreciada en todo o mundo. O Lapis Máxico amosa como os ilustradores actuais reflicten as preocupacións contemporáneas con idéntica forza e orixinalidade; e demostra tamén, de xeito incuestionable, que vivimos unha segunda idade dourada da ilustración británica.
 
Moitos dos nomes dos artistas incluídos na mostra resultan familiares, como é o caso de Raymond Briggs, Tony Ross, John Burningham ou Michael Foreman. Outros son representativos doutras tendencias máis innovadoras na ilustración de libros, como Lauren Child, que integra o uso da televisión e das colaxes fotográficas, ou Sara Fanelli, que mestura de xeito experimental diferentes técnicas, ou a fusión da observación social e os textos de Posy Simmonds.
 
Algúns autores tratan temas que a miúdo non se consideran propios da literatura infantil. Por exemplo, a obra War Boy, de Michael Foreman, que recolle as súas experienzas de neno en Suffolk durante a Segunda Guerra Mundial. Outras obras son ilustrativas das excelentes habilidades técnicas contemporáneas neste campo da ilustración infantil: é o caso das ilustracións de Quentin Blake, os debuxos de Stephen Biesty, ou a obra de Angela Barrett, unha pre-rafaelita de hoxendía.
 
Un elemento fundamental desta mostra é o seu carácter aberto e participativo. O programa educativo que a acompaña e a complementa –deseñado pola British Library, Kingston University e University of Surrey Roehampton, e coordinado polos educadores do MARCO– está dirixido ao público infantil e aos seus acompañantes adultos, a fin de que podan experimentar con todos os elementos disponibles na exposición: libros, ilustracións, proxecións, actividades didácticas, etc., tendo sempre en conta a idea básica: un lapis é sempre máxico.
 
O Lapis Máxico é unha oportunidade única para explorar a arte e a literatura, para reflexionar sobre o traballo dos ilustradores e sobre a súa interpretación das historias infantís, e para descubrir como é un gran medio de expresión para nenos e adultos de todas as condicións e culturas.

Artistas

    Angela Barrett
    Charlotte Voake
    Emma Chichester-Clark
    John Burningham
    Lauren Child
    Michael Foreman
    Patrick Benson
    Posy Simmonds
    Quentin Blake
    Raymond Briggs
    Sara Fanelli
    Stephen Biesty
    Tony Ross

Comisariado

Quentin Blake

Quentin Blake (Reino Unido, 1932), é un dos máis coñecidos autores e ilustradores de libros infantís. Ilustrou arredor de 250 libros de 80 autores diferentes, ademais das súas propias historias. Os seus traballos de máis sona como ilustrador asócianse cos libros de Roald Dahl. Os seus libros obtiveron numerosos premios e en 2002 gañou o International Hans Christian Andersen Award for Illustration. En 1988 Quentin Blake foi nomeado Cabaleiro do Imperio Británico e en 1999 converteuse no primeiro “Autor Laureado” para nenos.