rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
OBRADOIRO DE DEBUXO NA RÚA. Ignacio Pérez-Jofre

OBRADOIRO DE DEBUXO NA RÚA. Ignacio Pérez-Jofre

Datas: 
11 xuño 2013 - 14 xuño 2013
Horario: 
17.00 a 20.30
Lugar: 
sala perimetral B1 (1º andar) do MARCO, e espazos urbanos


Actividade paralela da exposición ‘O bosquexo do mundo’

Destinado a artistas, estudantes de BBAA e disciplinas afíns, e outras persoas interesadas concoñecementos previos de debuxo.

PREVIA INSCRICIÓN E MATRÍCULA.

Prazas limitadas a 10 participantes

Prezo 20€

Selección de participantes en función do número de solicitudes recibidas e da súa adecuaciónaos contidos e obxectivos do obradoiroPrazo inscrición ata o 6 de xuño

Prazo inscrición ata o 6 de xuño

PRESENTACIÓN

Dirixido polo artista Ignacio Pérez-Jofre, este OBRADOIRO DE DEBUXO NA RÚA formúlase como unha serie de experiencias de captación do espazo urbano por medio do debuxo do natural.

A proposta xorde como actividade paralela da exposición ‘O bosquexo do mundo’, comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, e coproducida polo MARCO, o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane. Dentro desta mostra colectiva, que actualmente ocupa as salas da planta baixa do MARCO, Ignacio Pérez-Jofre está presente con traballos realizados na súa maioría no espazo urbano.

+ info ‘O bosquexo do mundo’ en http://www.marcovigo.com/content/o-bosquexo-do-mundo

OBXECTIVOS

O obxectivo fundamental é estimular nos participantes a observación da vida na cidade, como lugar de confluencia de persoas, construcións, estruturas, actividade económica, relación social, vías de tránsito, sistemas de comunicación, símbolos, canalizacións, redes de enerxía, etc. O debuxo formúlase como unha ferramenta idónea pola súa inmediatez e portabilidade; concretamente, o uso dun debuxo figurativo realizado in situ tende ao desenvolvemento das capacidades de comprensión visual e configuración cognitiva da escena.

CONTIDOS E METODOLOXÍA

O obradoiro formúlase como unha secuencia de catro sesións nas que se propoñen exercicios específicos baseados en diferentes motivos —transeúntes, arquitecturas, vehículos, etc.— ou en condicións de realización da obra (restricións temporais e/ou espaciais, indicacións respecto aos útiles, interacción coa contorna, etc.). Estes exercicios están baseados na propia práctica de Ignacio Pérez-Jofre de pintar e debuxar no espazo urbano, e nútrense tamén das súas experiencias e observacións como profesor de pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cada sesión de traballo práctico na rúa estará precedida dunha breve introdución e seguida dunha posta en común do realizado, que terán lugar nunha sala-taller do MARCO.

Día 1 (martes 11 de xuño)

- Sesión introdutoria a cargo de Ignacio Pérez-Jofre, sobre o sentido do debuxo do natural na actualidade

e os aspectos fundamentais do traballo na rúa

- Traballo práctico na rúa con propostas de exercicios específicos

- Posta en común

Días 2, 3 e 4 (mércores 12, xoves 13 e venres 14 de xuño)

- Breve introdución

- Traballo práctico na rúa con propostas de exercicios específicos

- Posta en común

SOLICITUDES DE INSCRICIÓN

As persoas interesadas deberán enviar a súa ficha de solicitude de inscrición (que se achega), como data límite o xoves 6 de xuño.

A solicitude de inscrición irá acompañada da seguinte documentación:

- Breve texto de motivación para facer o obradoiro (6/8 liñas)

- Presentación/dossier con imaxes de obra relacionada cos contidos do obradoiro

En función do número de solicitudes recibidas, o director do obradoiro fará unha selección tendo en conta a adecuación de cada participante aos contidos e obxectivos do mesmo.

MATERIAIS E NECESIDADES TÉCNICAS

Cada participante deberá achegar os útiles trazadores (lapis, bolígrafo, rotulador, pluma, barras, etc.) que sexan máis convenientes para o seu traballo. No taller terán á súa disposición cadernos de debuxo, e outros útiles que poidan necesitar, ademais dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das sesións.

NOTA BIOGRÁFICA

Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965)

Doutor en Belas Artes. Profesor Titular na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo.

Últimas exposicións individuais: Cuadros de flores, galería Trinta, Santiago de Compostela (2013), Tierra, humo, polvo, sombra, nada, galería PM8, Vigo (2011), Diario, CAI de Zaragoza (2009), La ciudad y los árboles, galería May Moré, Madrid (2008), Las afueras, Espacio BCA, A Coruña (2008), El cielo sobre Vigo, galería Bacelos, Vigo (2007).

Participou en numerosas colectivas, tales como O bosquexo do mundo, MARCO, Vigo (2013), Radiador. Nova figuración en Galicia, Fundación Laxeiro, Vigo (2012), Premi Ciutat de Palma de Artes Plastiques en el Casal Solleric, Palma de Mallorca (2010), Rexistros abertos, Museo Provincial de Lugo (2009), Afinidades selectivas, Casa Galega da Cultura, Vigo (2008), X Bienal Fenosa, MACUF, A Coruña (2008), Novas Peregrinacións, CGAC, Santiago (2007).

Comisariou, entre outros proxectos, a exposición Pintura mutante no MARCO de Vigo (2006) e Os pasos perdidos na Fundación Laxeiro (2010).

Publicou os libros Huellas y sombras (Edicións do Castro, A Coruña, 2002), y Esto lo hace cualquiera (ed.) (Deputación de Pontevedra, 2004).

Impartiu talleres e cursos no MARCO de Vigo, o CGAC de Santiago, o EACC de Castellón e o Colexio de Arquitectos de Lugo, entre outras institucións.