rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Olga Novo. "Intrahistoria dos meus" (Lectura de poemas comentada)

Olga Novo. "Intrahistoria dos meus" (Lectura de poemas comentada)

Datas: 
1 marzo 2014
Horario: 
19.30
Lugar: 
Patio 1 (planta baixa)
Prezo: 
ENTRADA GRATUÍTA. Prazas limitadas ata completar aforo

29 de xaneiro do 2002

Querida mamá: estou aprendendo a
ladrar.
une saison en enfer. repite comigo Une-
Saison-En-Enfer.
trinta xeracións de meu analfabetas Eu
estou aprendendo a ladrar.
marcar un nunca territorio coa epiglote
coma un cadelo coma un can de palleiro
escadelearme ata volver en min en can
entón pronuncio
Walt Walt
Walt Whitman mamá.
estou aprendendo a ladrar.
póñome de cu pró sol agárrome a unha
aixada e
tento imitar o son do cuco do cuco de cu
pró sol entón
a miña gorxa esprémese de dor
e oulan coma nunca os futuros posibles
que nos fan esbombar as veas
coma unha pota de leite na lareira.
os ollos do meu amor levan dentro
o troupeleo dos chocallos uncontrautro
uncontrautro
da novena sinfonía de Gustav Mahler
mamá.
e eu míroche prós ollos prós olliños estás
tan cansa
pero eu non e aquí
é o intre da furia can
escoito con atención a campá de cris
tal dos teus soños incumpridos
coma unha escultura delicada de
Brancusi
de Cons tan tín Brancusi.
unha vez e outra vez o corazón
grandísimo
igual ca unha cerrota andoa o outono es
ti ou ou ou loba
velaquí me tés bailando berrando
choutando
unha mestra gutural un volcanciño
gutural
coma Virginia Woolf coma Virginia
Woolf coma Virginia Woolf.
eu míroche prás mans podería lamberche
as cicatrices das mans
ata que deran luz
e curarche as hernias discais cun só verso
alexandrino
cunha sílaba de centeo cru cun oh-là-là e
despois despois
contar unha por unha as túas canas
enraizadas nas idades do mundo
a túa lingua plantígrada mamá
podería mesmo reestructurarche a
osamenta
co implante dunha canción anarquista.
ás veces sinto a dor sedimentándose
lámina
por
lámina
coma a pizarra:
é un esguince emocional chantado na
caluga
e para ladrar así ás veces é preciso chorar
iodo
abrir os xeonllos cunha gadaña ata ver o
sol tan preto
a tres centímetros do iris
mamá
eu tiña que mamar da túa médula
asombrar o mundo cando che baixa a
compaixón ás caries
e ós peitos
caídos
co cansazo.
para poder ladrar eu tería que rillar
durante anos
a túa alerxia ó pó á peluxe dos chopos
a túa anemia circulando en sentido
inverso polo sangue
tería que ir contigo enterrar ó teu irmán
de vintesete anos e
apretar a meixela para non tronzar a
lingua
coa súa tuberculose mamaíña.
ben sei eu que para poder ladrar
tería que ir contigo á miña infancia
e verme case morrer deshidratada
e pregarlle á virxe na que non cres
que me devolvera á vida de tres meses e
medio
e soldarme no teu colo para sempre
coma unha peza de ferro do teu ventre.
non penses que non sei que para poder
ladrar
tería que ir contigo ás derradeiras horas
da mamá Carmiña agarrada ás catro
puntas do seu pano
e ó teu bazo.
ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco
mil
apañando cozas e garabullos no medio do
monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun
serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.
Querida mamá: estou aprendendo a
ladrar.
alguén me ve abríndome a queixada ata
que a fendo e digo xa
xa ladro ou coma o can non non
coma Camille Claudel coma Camille
Claudel coma Camille Claudel
coma Camille mamá no mármore
coma Camille
coma Walt Whitman Walter Benjamin
vou mamá
vou deica ti
vou eu vou
outa
outa
ouh...

Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, Lugo, 1975) é poeta e ensaísta, licenciada en Filoloxía Galega pola USC. Foi lectora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes e profesora de Literatura na Universidade de Bretaña Sur en Lorient. Como poeta deuse a coñecer a través de tres libros de poemas de grande torrente vivencial, forza expresiva, fondura telúrica e sensualidade erótica. Publicou A teta sobre o sol, Nós nus, A cousa vermella e Cráter (Premio da Crítica 2012). Tamén publicou un libro de arte compartido coa pintora Alexandra Domínguez e o poeta Xoán Abeleira, titulado Magnalia. Premio Losada Diéguez de Creación Literaria polo libro de poemas Nós nus. Premio de Investigación Ánxel Fole polo estudo Uxío Novoneyra. Lingua loaira.

Descarga: