rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Pantoque. Ramón Trigo durante a fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Ramón Trigo durante a fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Imaxe da fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Ramón Trigo durante a fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Imaxe da fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Ramón Trigo durante a fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Pantoque. Imaxe da fase de produción en Astilleros Armada. Foto: Eduardo Armada
Ramón Trigo. Guindastre 3, 2017. Técnica mixta sobre taboleiro. 70 x 100 cm. Foto: Eduardo Armada
Ramón Trigo. Carro 2, 2017. Técnica mixta sobre tea de saco. 240 x 180 cm. Foto: Eduardo Armada
Ramón Trigo. Animal destripado, 2017. Técnica mixta sobre tea de saco. 180 x 240 cm. Foto: Eduardo Armada
Ramón Trigo. Escafandro 4, 2017. Técnica mixta sobre tea de saco. 100 x 100 cm. Foto: Eduardo Armada
Ramón Trigo. Cheminea 2, 2017. Madeira e aceiro. 143 x 70 x 28 cm. Foto: Eduardo Armada

PANTOQUE. Ramón Trigo / Eduardo Armada

Ficha

Datas: 
16 novembro 2018 - 31 marzo 2019
Lugar: 
Salas de exposición da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Eduardo Armada Rodríguez
Comisariado: 
Eduardo Berea Cruz
Comisariado: 
Ramón Trigo Alonso

Pantoque. s. m. Mar. Parte case plana do casco dun barco, que forma o fondo xunto coa quilla.

PANTOQUE é un proxecto creativo multidisciplinar, desenvolvido polo artista plástico Ramón Trigo e o fotógrafo e realizador audiovisual Eduardo Armada.

A idea primixenia de PANTOQUE é a realización dun proxecto artístico de investigación baseado na confluencia de dous modos de narración que parten dunha mesma realidade compartida: explorar coa linguaxe plástica e visual sobre o tanxible, o espazo arquitectónico e o proceso de traballo dun estaleiro. A través da observación da actividade diaria e a relación do ser humano co feito construído e o mar, ambas as dúas linguaxes interrelaciónanse na busca dun lugar común.

O espazo elixido é Astilleros Armada, situado en Bouzas, Vigo, dende os anos vinte, e con case un século de vida tras tres xeracións dunha familia inexorablemente unida ao mar e á historia da cidade. O proxecto parte da experimentación creativa sobre o espazo arquitectónico e o traballo dos operarios no estaleiro. Lugar, Arquitectura, Mar e Factor Humano.

En setembro de 2016, Ramón Trigo traslada o seu taller a Astilleros Armada. Alí, durante doce meses convivirá cos traballadores reinterpretando a actividade do estaleiro peneirada pola súa visión plástica. Ao mesmo tempo Eduardo Armada documenta en vídeo e fotografía toda a acción. O proceso convérteos nun só home. O artista e a súa sombra. Dúas formas visuais de narración onde a pintura suxire e o vídeo e a fotografía documentan.

Tras unha presentación inicial no propio estaleiro, PANTOQUE ábrese ao público o 16 de novembro nos espazos da planta baixa do MARCO. Xunto ás obras en exposición —pintura, debuxo, escultura, fotografía, vídeo—, a mostra inclúe unha intervención de Ramón Trigo nun dos muros. Unha obra en proceso que se prolongará no tempo, con intervencións periódicas por parte do artista, dende a semana inaugural ata a data de clausura.

+ INFO

http://pantoque.com 

Documentación / catálogo


Coincidindo coa apertura ao público de PANTOQUE, a Fundación MARCO editou un libro-catálogo con documentación sobre o proxecto, imaxes das obras en exposición, textos de Eduardo Berea, Ramón Trigo e Eduardo Armada, e acceso a material audiovisual que mostra as fases do proceso de creación en Astilleros Armada.

Proxección documental Pantoque


Como actividade paralela e complementaria da exposición, o salón de actos acollerá, en data por determinar, a proxección do documental Pantoque, realizado por Eduardo Armada, que recolle toda a historia e proceso do proxecto dende o seu inicio.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900/04

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
Do 20 novembro 2018 ao 29 marzo 2019
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/04

Síntese do proxecto

# 1. DA ORIXE DA IDEA

1 de setembro de 2016

De mañá e como un traballador máis, Ramón Trigo entra en Astilleros Armada en Bouzas, Vigo. O antigo taller de carpintaría, aberto sobre o triplo espazo da nave, será o seu lugar de traballo por un tempo indeterminado. Canto? Ninguén o sabe. Mentres, Eduardo Armada será a súa sombra documentando fotograficamente o proceso do que alí aconteza. Todo é indefinición e, á vez, claro coma a auga omnipresente no lugar.

Cal é o propósito? Cal a intención? Basicamente interactuar co lugar e deixarse levar. Explorar, indagar no intrínseco do estaleiro e que o mesmo proceso sexa quen defina a liña de acción do proxecto. Aí radica grande parte do seu interese. Todo nace como crisol de enerxías por descubrir, sinerxías ocultas dunha arquitectura cuxa natureza emociona. Unha acción creativa con maiúsculas.

Ramón Trigo e Eduardo Armada chegan ao estaleiro con puntos coincidentes e referencias comúns de accións previas. Aínda así, as características específicas do proxecto son o suficientemente novas para que se xere a vertixe fundamental que calquera man e mente creadora necesita.

Atrás quedan Transit (2010) ou Cinzas (2014) xurdidos na fábrica conserveira abandonada. Para Ramón Trigo, coma sempre, trátase de empezar outra vez de cero. Renacer, reinventarse. Por outra banda, Eduardo Armada decidiu ser o seu alter ego. Fotografar e quizais documentar en vídeo o proceso será o seu obxectivo por un tempo ilimitado. Mestura explosiva de linguaxes e entre os dous, o estaleiro.

O proxecto está formulado meses antes de setembro de 2016. Só falta un pequeno e fundamental piar: o beneplácito da empresa. Non tería por que ser doado e non custa en exceso ver os problemas. Un estaleiro en actividade non é o lugar ideal para elementos alleos ás dinámicas do día a día. A ninguén lle estrañaría un “non” como resposta, pero finalmente, Astilleros Armada, de forma incriblemente xenerosa, dá luz verde á idea. Os astros alíñanse e os ventos sopran de popa. E a nave vai, empeza a singradura.

# 2. DO ARTISTA OBREIRO

setembro 2016 – agosto 2017

Os meses avanzan e o que naceu como unha idea empeza a tomar forma física e concreta. Curiosamente os procesos do estaleiro e do artista non resultan tan distantes como á primeira vista puidese parecer. Ambos os dous, partindo da súa materia prima e co esforzo humano, loitan pola creación de obxectos únicos que se sustenten por si mesmos. Dalgunha forma, plástica ou fisicamente deben funcionar, manterse a flote. O afundimento é o fracaso e nin se presenta como opción. Non sempre é doado de explicar, o abstracto fronte ao concreto.

Ramón Trigo e Eduardo Armada entran como elementos alleos ao proceso do lugar, pero en cuestión de días xa son parte do equipo. Non hai distinción entre obreiros, xa sexa do metal ou do visual, e o plan non previsto empeza a fluír de forma espontánea. Armada trata de relatar coa cámara mentres Trigo se deixa levar. Os temas van xurdindo con naturalidade e tomando forma en distintos formatos e soportes.

O traballo documental adquire unha forza inesperada que sorprende a todos e o que empezou á sombra do proceso pictórico camiña xa da man nun mesmo plano. A fotografía dá paso ao vídeo na busca da construción dun relato fiel e veraz do proceso. Un diálogo que se complementa, converténdose ambas as dúas linguaxes en imprescindibles na súa lectura conxunta e por momentos partes dun todo único.

A escala do lugar será fundamental ao configurar a estrutura da obra tanto en tamaño coma en cantidade. Como sen se decatar, todo se transforma e adapta ás dimensións das naves. Infinidade de fotografías, horas e horas de documentación en vídeo, así como unha cantidade xa inxente de debuxos e cadros.

O tempo pasa pero non hai présa por abandonar o estaleiro, e iso xoga a favor da obra e do proxecto que xa ten nome: PANTOQUE. As estacións vanse dando o relevo unha a outra e ambos os dous artistas forman xa parte indisoluble do lugar. Os debuxos e bosquexos dan paso á pintura en papel, en taboleiro ou lenzo. Todo se constrúe in situ, dende os bastidores coa tea de saco ata a obra rematada.

Finalmente, e nun proceso de busca inesgotable, xorden os obxectos esquecidos e devoltos polo mar: as esculturas. Estruturas atopadas que Trigo reconstrúe e reinterpreta nun intento de reanimar a súa vida inerte e darlles unha segunda oportunidade alén do seu futuro incerto, mentres PANTOQUE chega á súa primeira etapa final.

# 3. DA EXPOSICIÓN NO LUGAR

setembro 2017

Ramón Trigo e Eduardo Armada abandonan o estaleiro coa obra rematada e unha parte do ciclo pechada. As temáticas fóronse configurando soas na busca dunha narración continua que suxire ser exposta onde se creou, no estaleiro. Dende o humano —factor imprescindible— aos mecanismos, a natureza, a granalla, o taller, e os buques como elemento presente, unha vez máis os temas xurdiron de forma natural. O guión escribiuse practicamente a si mesmo.

Obra pictórica sobre lenzo, taboleiro e papel, escultura, fotografía e vídeo conforman o todo de PANTOQUE. A posibilidade de levar a cabo unha mostra sobre o proxecto adquire unha dimensión inesperada. Un novo reto despois dun ano de traballo.

A idea dunha exposición no estaleiro está latente hai xa algúns meses. PANTOQUE nas súas orixes e como tributo ao lugar, á familia e aos operarios. Non obstante, ninguén dubida da imposibilidade de tal acción. Un estaleiro en pleno proceso de traballo non é un lugar viable para formular unha mostra aberta ao público. Por outro lado, é realmente necesario un público? Quizais non.

A reutilización do estaleiro como taller creativo durante un ano foi un éxito. Atopar o xeito de expoñer a obra no lugar que a viu nacer é un novo desafío que vai tomando forma. A mostra da obra rematada como acto simbólico de despedida e agradecemento ao lugar semella imprescindible.

Finalmente, o formato será un acto íntimo e efémero que —ante a imposibilidade de facelo público— se documentará como unha parte máis da acción PANTOQUE. Un paso previo á exposición pública na cidade. Non obstante, é tal a relación da obra co estaleiro que resulta difícil imaxinala fóra do seu hábitat. Existe un lugar ideal? Debería saír PANTOQUE do estaleiro? Unha vez máis, preguntas na procura de resposta.

# 4. DE “PANTOQUE” NO MARCO

inverno 2017-2018

PANTOQUE, como acción plástica, foi evolucionando, transformándose e adquirindo vida propia ao longo do tempo. Dada a temática e tipoloxía do proxecto, se algo estivo claro dende o principio foi que unha posible exposición debería ter lugar na cidade que a viu nacer. Vigo, o asentamento roubado ao mar, sitúase dende o mesmo inicio como causante e xeradora da idea orixinal. É de xustiza devolver á cidade o que, certamente, é seu.

Da valoración de todas as opcións posibles, xorde a idea de presentar PANTOQUE ao MARCO como proposta expositiva. En principio, dada a escala e alcance do proxecto, o espazo parece o perfecto para a súa exhibición pública. Con todo, unha dúbida sobrevoará de forma constante a idoneidade da decisión. Só o tempo poderá aclarar a infinidade de cuestións formuladas. PANTOQUE avanza e, aínda con máis preguntas ca respostas, e ventos non sempre favorables, finalmente o MARCO resulta ser “o lugar”.

A proposta segue adiante e a sensación de bo rumbo empeza a ser compartida. Un novo proxecto que esixe adecuar a totalidade da obra ao museo e, á vez, un regreso á orixe, procurando que esta obrigada descontextualización permita reler PANTOQUE sen perder a súa esencia. Entornar os ollos para enfocar dende preto e ver de lonxe a un tempo. Todo se reinventa e a idea inicial adquire unha nova vida, revisitada. Tras unha longa e dura travesía, PANTOQUE decidiu tomar o seu propio rumbo.

Artistas

Ramón Trigo


Ramón Trigo
(Vigo, 1965), pintor, escultor e ilustrador, realizou exposicións individuais como Os sinais deixados (Santiago de Compostela, 2016), Transit (Vigo, 2010), Mar de fondo (Bruxelas, 2005) ou Sobre las aguas (Madrid, 2004). É tamén autor de libros ilustrados como Leviatán (Premio Lazarillo, 2012), Yo vivía en el fin del mundo (Premio Cabildo Gran Canaria, 2007) ou Casa Vacía (Premio Ciudad de Alicante, 2005).

Eduardo Armada


Eduardo Armada
(Vigo, 1966) é fotógrafo, realizador audiovisual e deseñador web. Diplomado en Ciencias Empresariais pola Universidade de Vigo. Coautor do proxecto lúdico-educativo Sabidurius. Colaborador habitual nos proxectos fotográficos da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño da Xunta de Galicia. Como realizador audiovisual, é guionista e director das curtametraxes El suicida e Las 2 vidas de Ernesto Pena.

Ramón Trigo, artista plástico
Eduardo Armada, fotógrafo e realizador audiovisual
Pantoque. m. Mar. Parte exterior do casco do barco que, xunto á quilla, forma o fondo.