rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Paperback. Edicións baratas

Paperback. Edicións baratas

Ficha

Datas: 
19 xaneiro 2007 - 11 marzo 2007
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
CGAC, Santiago de Compostela/Fundación Luis Seoane, A Coruña/MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Amanda Cuesta

Obras en exposición

PAPERBACK é un espazo de exhibición, consulta e lectura de edicións impresas, un lugar no que comprobar a potencialidade e vitalidade da edición gráfica como soporte artístico: libros, carteis, adhesivos, revistas, postais, fanzines e demais pezas gráficas, ademais de varias instalacións, agrupados baixo o concepto de edición e organizados en catro seccións: paperworks -que se complementa cunha selección de posters- papergames, paperfiles e newspapers.

Itineranza

CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago de Compostela
Do 14 de setembro ao 10 de decembro de 2006

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Do 19 de xaneiro ao 11 de marzo de 2007

Fundación Luis Seoane, A Coruña
Do 21 de xuño ao 21 de setembro de 2007

Descargar: 

Síntese do proxecto

PAPERBACK é un espazo de exhibición, consulta e lectura de edicións impresas, un lugar no que comprobar a potencialidade e vitalidade da edición gráfica como soporte artístico. Sen pretender ser exhaustiva, esta mostra reúne un conxunto suficientemente amplo e significativo de producións recentes, todas elas económicas e de longa tiraxe, que non encaixan na idea tradicional do libro de artista en tanto que peza única e exclusiva, senón máis ben no concepto de ‘usar e tirar'. As publicacións recollidas en PAPERBACK foron pensadas, entre outras cousas, para unha distribución e consumo da arte alén dos ámbitos institucionais.

A proposta ten o mesmo punto de partida que o Proxecto-Edición no seu conxunto; a importancia da edición, en todas as súas facetas, como ámbito creativo e como medio para a creación artística contemporánea. Dentro da edición impresa, esta relevancia limitouse moitas veces a soportes tradicionais como o ensaio, o manual ou o catálogo, sen ter en conta factores clave como, por exemplo, as posibilidades de reprodución ilimitada que supoñen os avances tecnolóxicos no mundo da edición.

PAPERBACK reúne diferentes propostas agrupadas baixo o mesmo concepto de edición, e organizadas en catro seccións: paperworks, papergames, paperfiles e newspapers.

Instalacións de grande formato asinadas por cinco artistas -Erick Beltrán, Pablo Pérez, Pauline Fondevila, Joan Morey e Julia Montilla- protagonizan a sección titulada Paperworks. Beltrán cubre as paredes coas instrucións dos seus carteis, Pérez presenta a súa particular colección de álbums e cromos, Fondevila realiza un enorme mural en branco e negro, Morey aposta por unha colaxe monumental e Montilla propón unha instalación que lle serve para presentar a publicación www.bioart.net. Este capítulo compleméntase cunha selección de posters, como paradigma da edición impresa de baixo custo e distribución profusa.

Tres seleccións distintas de publicacións se poden atopar noutros tantos espazos de consulta: a parte máis lúdica responde ao nome de Papergames, un lugar para materiais pensados para o consumo e desfrute que se achegan á ficción literaria, ao xogo de rol ou á banda deseñada.

Paperfiles funciona como sala de lectura e consulta que amosa a potencialidade da edición impresa como rexistro, documento ou compilación, tanto visual como de experiencia. Nesta sección hai materiais que documentan accións efémeras, pero tamén exercicios de produción colectiva e operacións de rexistro gráfico.

Pola súa banda, Newspapers conta cunha selección de publicacións que imitan e se apropian das técnicas de impresión da prensa escrita, que parten do referente de periódicos e xornais para achegarnos a outros xeitos de entender a actualidade, a noticia, o titular, ou a cuestións máis complexas como os tempos e ritmos da nosa cotidianeidade.

Artistas

Antoni Abad
Ignasi Aballí
Todd Alden
Steve Ausbury
Carlos Amorales
Xoan Anleo
Martí Anson
Sven Augustijnen
Erick Beltrán
Issa Mª Benítez Dueñas (ed.)
David Bestué e Marc Vives
Bik Van der Pol
Bruno Borges
Cristina Buendía
Teresa Camara Pestana
Albert Cano e Michel Tofahrn
Paco Cao
Bosco Caride
Miguel Carneiro e Marco Mendes
Isabel Carvalho e Pedro Nora
Raimond Chaves
Gilda Mantilla
Collectif La Valise
Octavi Comeron
Alfredo Costa Monteiro
Valerie du Chéné
ferrán El Otro
Jacob Fabricius
Sergi Fäustino e Roger Adam (555)
Iñigo Fernández de Nograro
Elena Ferrer
Pauline Fondevila
David Armengol e Sergio Rubira
Fuera de Registro
David G. Torres
Dora García
Jeleton
Abigail Lazkoz
Ignasi López
Anja Lutz e Anna Gerber
Pierre Malphettes
Mark Manders
Martí Manen
Jordi Mitjà
Julia Montilla
Joan Morey
Marc Nagtzaam
Carme Nogueira e Asier Pérez
Miquel Noguera
Chuso Ordi
Antonio Ortega
Diego Ortiz e Pepe Murciego (ed)
Javier Peñafiel
Àlex Gifreu
Pablo Pérez Sanmartín
Peter Piller
Virxinia Polke
Michael Quistrebert
Tere Recarens
Fernando Renes
Francesc Ruiz
Luis Salaberría
Salão Olímpico
Jorge Satorre
Taller Comic Live!
Mauro Trastoy e Luz Castro
Heidi Vogels
22a

Texto curatorial

"PAPERBACK. Edicións baratas consiste nun espazo de lectura e consulta de edicións impresas: libros, carteis, adhesivos e outras pezas gráficas que responden a formatos ou referentes máis híbridos e contaminados. A selección de materiais parte de e quere evidenciar unha situación de renovación e vitalidade do mundo da edición gráfica como soporte artístico que tivo lugar nos últimos anos. Renovación que se explica por diversos motivos, como as novas tecnoloxías popularizadas nos anos noventa (...) pero que é tamén debedora dun inconformismo co elitismo do mundo da arte (...) que sentou as bases para a tradición das edicións baratas en arte, dende os libros de artista de longa tiraxe, ao mail-art ou ás manifestacións da cultura somerxida como os fanzines e os comic-books. A esta renovación da edición barata, coñecida nos medios editoriais como rústica ou tapa branda (paperback) fai alusión o título da mostra, un anglicismo que permite estabelecer un xogo de ideas entre os dous eixes conceptuais que determinaron a selección dos contidos.

A edición sobre papel, os gravados e libros de artista, movéronse tradicionalmente baixo parámetros comerciais próximos ao do orixinal, distribuíndose en edicións limitadas, numeradas e asinadas. Isto foi un feito xeneralizado malia o desenvolvemento tecnolóxico que favoreceu non só a posibilidade de reprodución case ilimitada, da imprenta á fotocopiadora, senón tamén a unha total autonomía no que respecta aos recursos de edición por parte dos creadores, grazas aos ordenadores persoais e a certos software (...) ao alcance da maioría. Ao longo do século XX disparáronse as opcións de realizar distribucións amplas, masivas incluso, e estas posibilidades técnicas unidas a certas actitudes de rupturismo con respecto ás convencións e tradicións do sistema artístico, marcadas por un espírito anticomercial, permiten falar dunha certa xenealoxía ou tradición alternativa que arranca nos movementos de vangarda como o futurismo ou o dada e que foi pasando polo novo realismo, o situacionismo, o movemento Fluxus ou o punk, até chegar aos nosos días.

Precisamente é no mundo da edición gráfica onde esa xenealoxía se fai máis evidente, sendo a inicios dos anos sesenta, na emerxencia dos artistas underground, onde se poden encontrar as raíces das culturas alternativas de hoxe en día. Os participantes no mail-art, os zines e o punk describiron as súas actividades como ‘Do-It-Yourself' (DIY) [Fágao vostede mesmo], que se caracteriza por unha aposta pola creatividade individual, antes que polo consumo e a contemplación pasiva da cultura dominante. O impacto dos seus xestos culturais radicais é inesperado, frecuentemente incomprendido e subversivamente influínte, tal e como aparece maxistralmente detallado no magnífico ensaio de Greil Marcus ‘Rastros de Carmín'.

Esta é a xenealoxía na que se inscriben boa parte das publicacións seleccionadas en PAPERBACK, unha selección extensa -que non exhaustiva- de edicións baratas, que dan boa conta dos usos actuais da edición impresa e que nos permite situar todas estas producións dentro dun contexto común."


Amanda Cuesta
Comisaria da exposición

Comisariado

Amanda Cuesta

Amanda Cuesta (Barcelona, 1974) é crítica de arte e comisaria independente. Membro da equipa de comisarios Creatures (1996-20002), foi coordinadora dos proxectos Processos Oberts (www.p-oberts.org) e P_O_2_QUEDA LA MARCA (Terrassa, 2004 y 2005). Recentemente dirixiu o proxecto Capital para o Centro de Arte Santa Mónica (Barcelona, 2005) e comisariou SL. Situació Lleida, un proxecto sobre contexto local para o Centre d'Art La Panera (Lleida, 2005). Tamén dirixe as actividades de Catalunya Crea (Generalitat de Catalunya), entre elas as exposicións Paisatge després del parricidi o True Fakes, around Art, Cinema and Misplacement. Ten publicado textos en catálogos e revistas especializadas como Camera Austria, Transversal, ArteContexto, Exit ou Nexus. É vocalista do grupo punk ‘Sonido Comadre’.