rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
PASCUALA CAMPOS DE MICHELENA / ANA GALLEGO PALACIOS. La conversación. [Ciclo PROBLEMÁTICAS: artistas no relato incompleto]

PASCUALA CAMPOS DE MICHELENA / ANA GALLEGO PALACIOS. La conversación. [Ciclo PROBLEMÁTICAS: artistas no relato incompleto]

Ficha

Datas: 
8 xullo 2016 - 11 setembro 2016
Lugar: 
Anexo [vestíbulo principal]
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
Comisariado: 
Chus Martínez Domínguez

Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 8 de xullo ás 19.30 terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público entre as arquitectas Pascuala Campos de Michelena e Ana Gallego Palacios, e a comisaria Chus Martínez Domínguez.

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez
Lugar: Anexo (vestíbulo principal)

O 29 de abril estreouse un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 foi convertido en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Xaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

Programación e calendario


Mónica Cabo
29 abril – 26 xuño 2016

Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios
8 xullo – 11 setembro 2016

Xisela Franco
23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Carolina Bonfim
20 xaneiro 2017– 26 marzo 2017

Información e visitas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Artistas

Pascuala Campos de Michelena


Titulada pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, Pascuala Campos de Michelena (Xaén, 1942) ten compaxinado a súa actividade profesional como arquitecta coa labor docente e investigadora na Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Pioneira na incorporación da perspectiva de xénero á docencia arquitectónica, en 1995 converteuse na primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das escolas de arquitectura españolas cun traballo titulado “Espazo e Xénero”.

Dirixiu e participou en cursos e seminarios, codirixindo o curso NOW 256 (New Oportunities for Women) sendo as outras directoras Ángeles Durán, Adriana Bisquert e Rosa Barba, que tiveron lugar en 1993 en Málaga e en Toledo en 1994 e que foi apoiado pola Iniciativa Europea, o Consello Superior de arquitectos e os colexios de arquitectos de Andalucía occidental e Castela a Mancha e o Instituto Andaluz de la Mujer.

En 1994 participou no 1º Congreso Internacional das Mulleres nas Sociedades Mediterráneas, compartindo mesa con Soledad Sevilla, pintora e artista de instalacións, María Camboni, poetisa, e Concha Galdón, pintora.

Entre os seus traballos destacan: Casa para o párroco de Marín (1968); Casa de País en Sanxenxo (1968); Concello de Pontecesures (1975); actuación en Combarro (1984); Escola de Formación Pesqueira en Arousa (1990), vencedora dun concurso nacional e seleccionada para a mostra “Lugar, Memoria e Proxecto. Galicia: 1974-1994” (Santiago de Compostela, 1995) e para a exposición “Construir desde el interior” (Madrid, 2000); Casa de Fina (1995); Casa de Antolina e, por último, a súa vivenda particular de Pontevedra (1998), situada no casco vello da cidade na que reside.

Ana Gallego Palacios


Ana Gallego Palacios (Cáceres, 1977) é doutora en arquitectura pola Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) na especialidade de urbanismo coa tese “Arquitectura de la vid en la región de Entre-Douro e Minho. Fenomenología y paisaje”. Durante os últimos anos ten realizado diversos cursos de posgrao en Arquitectura efémera “Arquitectura y Artesanía” na Escuela de Arquitectura de la Universidad de Barcelona UPC – TSAB e tamén “Representations of the city” e “Arquitectura en Finlandia” na TKY-TKK University of Technology (Helsinki, Finlandia).

As súas principais liñas de investigación son: Fenomenoloxía e Paisaxe, Arquitectura Vernacular, Natureza e Cidade, Arquitectura e Artesanía, ademais de Educación en Arquitectura para grupos infantís, eido no que ven desenvolvendo numerosos obradoiros con grupos de nenos de altas capacidades intelectuais.

Talleres de arquitectura infantil que tratan de fomentar dende o lúdico a creatividade e a imaxinación, a diversión e a espontaneidade, a empatía e as relacións persoais, dende o corpo como lugar de percepción.

Ten publicado xunto a Pascuala Campos de Michelena e Soledad Bugallo Chouciño, o libro: A Árbore na Cidade: catálogo-proposta para protección do arboredo no casco histórico e proximidades. A Coruña.

Texto curatorial

Pascuala Campos de Michelena | Ana Gallego Palacios
La conversación

As arquitectas Pascuala Campos de Michelena (Xaén, 1942) e Ana Gallego Palacios (Cáceres, 1977) pensan, proxectan e habitan espazos. Nas súas respectivas traxectorias teñen dedicado investigacións e accións a descifrar a natureza das experiencias e as emocións que acontecen nos lugares, a clarificar tamén os seus significados mediante as ferramentas das que dispón a arquitectura, cómplices coa filosofía e coa arte. Na intervención específica que proxectan para o Anexo, formulan un espazo fenomenolóxico para sentir e imaxinar a vulnerabilidade dos espazos que habitamos, para pensar como os experimentamos, lexitimamos e compartimos. Unha intención que no museo opera desde as coincidencias coas artes visuais, activando un novo estadio de existencia, paralelo entre o espazo real e o espazo figurado.

A exposición está organizada para crear un lugar de tránsito e de encontro, ao redor dun volume central, polo que deambular e deixarse levar nos detalles e a atmosfera xerada. Cruzamos o limiar da sala para pisar un chan de area e irremediablemente revivimos a experiencia dunha praia, pero hoxe, máis ca nunca, terreo de exilios, de fuxidas, de dramas vitais e morte. No centro unha construción de lonas de burel acubilla dúas pequenas cadeiras enfrontadas, expectantes ao diálogo. Sobre estas colgan pequenas pinzas de madeira; obxectos feramente cotiáns, sinxelos, pero tamén cargados dunha férrea simboloxía que fala de patróns, de labores domésticas, de muller. Dispositivos case máxicos que actúan como unha sorte de prolongación de mans, de suxeición. O conxunto acompaña a imaxe próxima dunha conversa que non ocorreu e que debera ter existido, para desde ese lugar doloroso e totalmente subxectivo, dar o salto a unha experiencia colectiva; ligando o tempo íntimo a realidades externas levadas por unha necesidade urxente de reflexionar sobre as relacións e os modos de comunicación desde e fronte á nosa realidade cultural, social e política.

As autoras articulan un espazo orgánico, permeable e temporal, fluído e cambiante segundo a percepción de cada visitante. Unha paisaxe proxectada para activar un novo ritmo, emocional e subxectivo, mediante o manexo esencial dos obxectos, materiais e luz. Unha experiencia tamén física, corporal, onde se ofrece un lugar fronteirizo, como tamén o son as palabras, onde reivindicar e comprometerse coa identidade, a memoria e a política, co territorio e o xénero. Traspasar o limiar para intuírse fóra ou dentro, constatar a pertenza ou o desarraigo desde a reflexión sobre os exilios persoais, nunha actualidade especialmente sensible, problemática, cara aos exilios colectivos.

A interacción entre a linguaxe arquitectónica e as artes visuais sucede neste proxecto co desexo de mostrar os dinamismos básicos da propia subxectividade no seu intento de xerar o sentido e, en definitiva, de constituír o mundo que nos rodea, cunha actitude crítica sobre o noso ser no espazo. Colaborar na mobilidade das marxes da invención e da creación. Un resultado realmente suxestivo que nace da fusión do traballo de dúas arquitectas cuxas poéticas diferenciadas conectan na ética do traballo e no sentido intuitivo do espazo. Deste xeito, a sala motiva a creación dun discurso que, sen voz, arma un debate: asumir un sitio onde estar, un lugar onde poder chegar a ser.

Chus Martínez Domínguez

Comisariado

Chus Martínez Domínguez


Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) é especialista en artes visuais contemporáneas. Na súa actividade profesional salienta o seu labor como crítica de arte, sendo colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia do xornal El País e da revista Tempos Novos, ademais de ter colaborado noutras publicacións especializadas galegas e estatais, como ArtNotes, Arte y Parte e Artecontexto. É autora de textos e ensaios de investigación no ámbito da creación contemporánea e da muller no sistema da arte, participando en diferentes proxectos de investigación, catálogos e ensaios de institucións públicas e privadas como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Consello da Cultura Galega, Museo Barjola de Xixón, Deputación de Ourense, Deputación de Lugo, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago ou Universidade da Coruña. Exerce como comisaria independente de exposicións, experiencia que tivo como resultado as mostras no CGAC, Auditorio de Galicia, Sala Alterarte e Casa da Parra, entre outras. Destaca o seu labor como coordinadora do espazo www.espazodocumental.net (CGAC, 2008), un sitio web pioneiro dedicado a artistas galegos e editora da publicación homónima que deu como resultado espazodocumental.net. Pertence desde 2012 á Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.