rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A patria está ao virar na esquina. Fotografía contemporánea de Austria

A patria está ao virar na esquina. Fotografía contemporánea de Austria

Ficha

Datas: 
23 setembro 2005 - 8 xaneiro 2006
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00, Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
Ministerio de Asuntos Exteriores de Austria
Comisariado: 
Andrea Domesle

Obras en exposición

A exposición reúne máis de 80 obras, con perspectivas tan diversas como os materiais empregados: xunto a fotografías en branco e negro ou imaxes a cor de distintos formatos, exhíbense outras pezas como vídeos, pinturas ou postais.

Síntese do proxecto

Non é a primeira vez que o MARCO de Vigo dedica unha exposición á fotografía, nesta ocasión delimitada por un contexto xeográfico que é tamén temático. A atención ao tema da “patria” persegue unha perspectiva e unha estética austríacas: ¿é aínda posible, na era da globalización, identificar unha paisaxe artística por medio das características dun país e da mentalidade dos seus habitantes? A través de obras de 14 artistas, esta mostra analiza as máis diversas visións dun mesmo país, e mantén vivo o debate sobre a relación entre a realidade e a súa imaxe, sobre a cuestión da posibilidade de representación do mundo.

Na exposición están presentes distintas xeracións de artistas. Algúns –Erwin Wurm, Muntean/Rosenblum, Lois Renner, Elke Krystufek– forman parte das xeracións novas e intermedias máis coñecidas no estranxeiro; outros, pola contra, pertencen ao grupo de artistas máis veteranos, ou que teñen influído decisivamente na escena artística interna: Dieter Huber, Leo Kandl, Friedl Kubelka, Eva Schlegel, Margherita Spiluttini, Peter Dressler, Helmut Kandl ou Paul Albert Leitner. Ademais, cóntase coa participación de artistas máis novos aínda por descubrir, como Norbert Becwar ou Martin Krenn.

As perspectivas son tan diversas como os materiais empregados: xunto a fotografías en branco e negro ou imaxes a cor de distintos formatos, exhíbense outras pezas como vídeos, pinturas ou postais. Respecto á selección de obras, unha das características da mostra é a variedade de xéneros e motivos, e a representación das correntes artísticas máis significativas do país.

As áreas temáticas abranguen desde a paisaxe natural e urbana á fotografía de grupo, retratos e autorretratos. Un dos temas máis presentes é a análise de acontecementos políticos recentes ou pasados, así como o catolicismo dominante en Austria, as obsesións sexuais, a imaxe tópica do país, a relación entre natureza e cultura, o turismo, a vida no campo ou a cidade, a rexión alpina, as vellas e novas xeracións, os mundos interiores, e a relación cos bens culturais.

Dentro da paisaxe natural e urbana destacan as imaxes de alta montaña de Margherita Spiluttini, ou as perspectivas a vista de paxaro de Dieter Huber, pioneiro na fotografía por ordenador. Entre a paisaxe e o retrato social sitúase a obra de Paul Albert Leitner, que elixe as viaxes como o seu principio artístico, ou a do novo Martin Krenn, que consegue, coa súa análise sociocrítica da vida do inmigrante, unha mensaxe igual de enfática que Helmut Kandl coa súa serie de postais de intención política.

Un motivo que se repite unha e outra vez na arte austríaca é o de elixir como punto de partida o contorno doméstico. Dous dos artistas da exposición converten en tema o seu propio lugar de traballo: Lois Renner construiu unha maqueta en madeira do seu primeiro taller, que utiliza como base para as súas obras fotográficas; e o seu colega algo máis novo, Norbert Becwar, usa fotografías documentais de guerras actuais e históricas e doutras catástrofes do mundo enteiro, para recrear esas escenas no seu propio estudio.

A parella de artistas Muntean/Rosenblum confirma o culto á mocidade como algo globalmente predeterminado pola publicidade, a moda e as marcas. Outros artistas utilizan o retrato para a análise das persoas coma individuos. É o caso dos estudios psicolóxicos de Friedl Kubelka, ou das dúbidas de Eva Schlegel respecto á posibilidade de representación da individualidade, ou dos retratos de Elke Krystufek, que amosan unha análise crítica do mundo da arte en Austria.

Nas súas series sobre os monxes do Mosteiro de Admont, Erwin Wurm investiga o uso poco ortodoxo dos obxectos e cuestiónase a relación entre estes e os seres humáns, na liña da performance austriaca dos anos sesenta. Pola súa banda, Peter Dressler asume o papel de  coleccionista de arte, actuando como tal ante a colección de pintura da Academia de Belas Artes.

As obras seleccionadas son tamén mostra das distintas visións e usos da arte da fotografía: desde os artistas que interpretan a fotografía como pintura –Renner, Schlegel, Huber– ás imaxes “realistas” de Leo Kandl ou Spiluttini; pasando pola fotografía de performance, cunha posta en escena que integra elementos de crítica social. Outros, como Muntean/Rosenblum, utilizan a fotografía como un máis dos medios artísticos posibles, e Martin Krenn segue a tendencia recente de deixar a autoría nun segundo plano.

Artistas

    Dieter Huber
    Elke Krystufek
    Erwin Wurm
    Eva Schlegel
    Friedl Kubelka
    Helmut Kandl
    Leo Kandl
    Lois Renner
    Margherita Spiluttini
    Markus Muntean/Adi Rosenblum
    Martin Krenn
    Norbert Becwar
    Paul Albert Leitner
    Peter Dressler

Texto curatorial

"De súpeto, coma se soubese en que estou a pensar, me mira e esboza un sorriso burlón, realmente sardónico. Ás veces ten un aspecto terrorífico, coma se posuíse forzas misteriosas, sobrenaturais. Póñome a pensar en se el me agocharía ese tipo de poderes e é evidente que a resposta é SÍ. ‘Walter, es un cabrón', díxome, e devólvolle o sorriso sardónico.

A cervexa está boísima, porque non está demasiado fría e da botella despréndese incluso un lene e reconfortante cheiro-a-a-patria-está-ao-virar-na-esquina".

Denis Mikan, "Das Licht bleibt draußen", en Zum Glück gibt's Österreich [Nova literatura austríaca] Berlín, Ed. Gustav Ernst & Karin Fleischhanderl, 2003

Non resulta doado delimitar os factores do sentimento de apego á patria sobre o que escribe Denis Mikan no seu relato Das Licht bleibt draußen [A luz queda fóra]. Como causa directa, Mikan menciona as botellas de cervexa que se producen nunha fábrica local. Pero as cervexas tamén se poderían conseguir noutra parte. Entón, ¿trátase tal vez do lugar, ese lugar que chamamos cidade natal, ou quizais do bar de toda a vida? A escena ten lugar nun cálido domingo de verán en Viena, na terraza interior do Café Europa, situado na rúa Zollergasse, nun barrio preto da estación de ferrocarril do oeste e da animada zona comercial de Mariahilfer Straße. ¿Ou son as persoas implicadas as que xeran ese sentimento de estar en casa? ¿o narrador en primeira persoa ou o seu amigo Walter? ¿trátase da súa relación amigable, social? ¿dos sorrisos, das sospeitas, a desconfianza, os insultos que -se cadra como algo típico en Viena- se din por detrás? ¿a familiaridade? ¿as vivencias compartidas? Só hai unha cousa certa, e é que ese sentimento de que "a patria está ao virar na esquina" foi desencadeado tanto pola bebida de fabricación local como pola ollada a Walter.

Para obter unha ou máis respostas, analizamos a arte contemporánea que traballa co medio fotográfico. A fotografía, na que se centra esta exposición, é xeralmente considerada como o medio máis próximo á realidade, pero as perspectivas son tan diversas como os materiais empregados (...) Na medida do posible, a través das obras de catorce artistas preséntanse visións de todo o país; non só de Viena, a capital, senón tamén dos distintos estados federados, as persoas, as paisaxes, os edificios e os obxectos.

En relación coa temática austríaca, é interesante constatar que a única vista famosa do país que aparece nesta exposición, a da fortaleza de Hohen Salzburg, só é posible mediante a metódica refracción de Lois Renner e, polo tanto, está reproducida de xeito indirecto. Hoxe en día, os artistas parecen evitar as panorámicas tipo "postal". A maneira na que Renner emprega unha imaxe dese tipo -o castelo xa era un motivo popular entre os pintores románticos de paisaxes- sírvelle para posicionarse como artista e para introducirse con decisión, a través do medio da fotografía, na tradición da pintura. Respecto ao tema "Austria", os outros artistas dirixen a súa atención á vida diaria, á poboación austríaca, a lugares anónimos ou ao propio mundo da arte. Por conseguinte, trátase do ámbito co que se relacionan a diario. Cando aparecen nas imaxes persoeiros da política ou da alta sociedade, preséntanse interpretados a través dos medios de comunicación, como no caso das obras de Elke Krystufek. Así, a arte máis recente ten lugar alén dese ámbito da fama. Desde esa distancia, Helmut Kandl comenta a política actual, ou Norbert Becwar, entre outros, fala do pasado de Austria.

Os motivos de dous dos catorce artistas incluídos na mostra -Muntean/Rosenblum e Eva Schlegel- non se poden atribuír especificamente a Austria. Deste modo abórdase a posibilidade de intercambiar lugares e persoas que se corresponde coa idea da globalización da sociedade. Pola contra, e malia toda a súa internacionalidade, si hai un reflexo da patria na imaxinería dos demais artistas, aínda que, por exemplo, na serie Brothers & Sisters de Erwin Wurm só nos decatemos diso nunha segunda ollada.

Se aceptamos a hipótese de que existe unha arte e unha historia da arte austríacas, distínguense dúas tendencias dentro da tradición, que aínda hoxe inflúe nos artistas: por unha banda, o diálogo co accionismo que se reflicte nas imaxes como accións performativas, e en relación con estas, a concentración no corpo, incluíndo o corpo espido, como na coñecida obra de Elke Krystufek. Por outra, o interese de Friedl Kubelka e Norbert Becwar pola psicoloxía, que se enmarca dentro da tradición de Sigmund Freud.

[Volvendo ao texto introdutorio], non mencionei que nin Walter nin Denis son austríacos de nacemento. Un dos pais de Walter é ruso e Denis procede da antiga Iugoslavia. A inmigración provinte deses países é habitual en Viena -Peter Dressler naceu en Romanía- e, sen embargo, xurde a pregunta de se o sentimento de Austria como patria pode ser auténtico en alguén que non naceu alí. Cando menos, así se explicaría en parte a expresión "cheiro a que a patria está ao virar na esquina".

Aínda queda por responder a pregunta de que se entende por patria. A arte antiga clasifica a historia da arte por paisaxes artísticas que con frecuencia se refiren a rexións ou comarcas. Xustifícase a pertenza a un deles polos motivos e a forma de representación, así como pola composición, pero tamén mediante a cor e o vencellamento estilístico coa historia da arte local. A clasificación baséase, ademais de criterios de contido, en criterios estéticos e científicos. Contra as declaracións -consecuencia da globalización- de que o mundo é unha "aldea global" e a terra un crisol de culturas, a idea que se extrae desta exposición é que o lugar en si exerce unha influencia decisiva. O antigo concepto de paisaxe cultural pode volver a empregarse con propiedade aínda hoxe: a cultura avanza e evoluciona mediante novas inspiracións obtidas das viaxes ou dos estímulos da inmigración. En última instancia, a conclusión é que a mestura actual da cultura austríaca constitúe unha paisaxe cultural con personalidade propia.

 

Comisariado

Andrea Domesle

Andrea Domesle, residente en Viena, estudou Historia da Arte e Literatura Xermánica na Universidade de Munich, na Sorbona IV de París e na Universidade de Friburgo. Entre 1996 e 2001 traballou no Kunsthalle de Mannheim, no Kunstmuseum de Basilea e no Staatliche Museen en Berlín. De 2001 a 2003 foi directora artística da Kunstverein Brotfabrik Galerie en Berlín, e editora xefe da revista internacional de fotografía Eikon na cidade de Viena. Entre 2002 e 2004 realizou estudios de posgrao sobre “Xestión de exposicións e comunicación cultural” na Universidade de Artes Aplicadas de Viena. Na actualidade traballa como comisaria e crítica de arte independente, e é autora de diversas monografías e publicacións sobre a arte dos séculos XIX a XXI.