rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
‘PERMANENT EXPEDITION’ / Expedición Permanente

‘PERMANENT EXPEDITION’ / Expedición Permanente

Ficha

Datas: 
16 xullo 2014 - 31 agosto 2014
Lugar: 
Salon de actos e outros espazos do vestíbulo
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30. Pechado os luns
Produción: 
nomadenetappe/Kunst und Theorie

Susanna Flock, Washer (Andreas Kurz), Enrique Tomás, Sun Obwegeser, Doris Prlic, Jakob Dietrich, ekw 14,90 (Marlies Stöger, Andre Tschinder, Christoph Rath), Leonhard Müllner

FASE 1 / Produción-taller            Do 16 ao 23 de xullo de 2014

FASE 2 / Exposición aberta ao público    Do 23 de xullo ao 31 de agosto de 201

  • Produción: nomadenetappe / Kunst und Theorie
  • Programa ‘LinzEXPOrt’, Linz Kultur, City of Linz, Austria
  • Co apoio de: Bundeskanzleramt Österreich, Section Art (Austria) / Municipal Department of Arts and Culture,  Linz (Austria) / Regional Department of Arts and Culture, Upper Austria / Foro Cultural de Austria en España
  • Colaboran: Sinsalaudio / Escoitar.org

PERMANENT EXPEDITION’ é un proxecto de residencia artística, que se encadra dentro da convocatoria 'LinzEXPOrt' da cidade de Linz (Austria), e que está producido por nomadenetappe / Kunst und Theorie (centro de produción e exhibición de obras de novos artistas fundado en 2009 en Linz).

Neste proxecto participan dez artistas —que traballan no ámbito da arte sonora, radiofónica, instalación, vídeo, e arte conceptual— que crearán obras específicas durante un período de residencia na cidade de Vigo. O salón de actos do MARCO acollerá este proxecto, que se desenvolverá en dúas fases: un primeiro período no que os artistas participantes transformarán o espazo nun taller de produción, e unha segunda fase de exhibición ao público das obras e resultados do taller, en formato de exposición colectiva.

O título do proxecto alude ao seu carácter experimental, similar ao dunha misión de investigación científica. Tal como o nome suxire, ‘Permanent Expedition’ ten que ver coa idea de exploración continua, concibindo a vida diaria do taller e as excursións a lugares do ámbito como espazos de laboratorio e de experimentación.

SOBRE nomadenetappe - Kunst und Theorie


Nomadenetappe -
Kunst und Theorie é unha organización sen ánimo de lucro fundada en 2009, centrada na presentación do traballo de artistas novos, con sede na cidade de Linz, Austria. Esta asociación ofrece aos artistas un espazo de exhibición das súas obras, así como un lugar de intercambio de experiencias e oportunidades para desenvolver a súa práctica artística nun contexto internacional e interdisciplinar. Ademais dos proxectos de exposicións individuais y colectivas, concertos, performances, conferencias e charlas de artistas, ofrece tamén outras oportunidades de cooperación mediante programas de intercambio con socios internacionais, como é o caso deste proxecto realizado dentro da convocatoria ‘Linz Export’, e en colaboración co MARCO de Vigo.

 

Síntese do proxecto

 

OBRAS EN EXPOSICIÓN


MidiMarschMusik-Kapelle
, 2006-2014
Jakob Dietrich, Andreas Kurz, Leon Müllner, Sun Li Lian Obwegeser, Doris Prlić, Marlies Stöger, Enrique Tomás, André Tschinder

Esta banda de música internacional actuou por primeira vez no Festival Ars Electronica en 2006. Nunha coreografía asombrosa e fascinante, un grupo de entre 9 e 12 músicos tocan instrumentos clásicos de forma moi inusual, a xeito de pasacalles, provistos de ordenadores portátiles que levan colgados do corpo e de cascos-megáfonos que funcionan con baterías recargables. Cada compoñente da banda representa un instrumento midi de vento, que dispara unha a unha as notas. A instalación no MARCO mostra un posible lugar de ensaio da banda, que acaba de ser abandonado.

To Cast a Shadow, 2014
ekw14,90
Fotografías, texto

Filme Noir mostra un mundo os habitantes do cal nunca están na casa. Aínda que viven alí, son uns descoñecidos, e deambulan como estraños polas súas propias vidas. Ao mesmo tempo, este mundo resulta confusamente similar —ou cando menos familiar— ao dos espectadores. A Filme-Noir-city [cidade-cinema-negro] é un cosmos onde o estraño constitúe a pedra angular da súa arquitectura. Toda crise se orixina pola alienación dos seus protagonistas, e é individual e psicolóxica. De aí xorden crimes funestos, contratempos e infortunios que o autor atribúe aos seus personaxes. Personaxes dun Filme Noir que son a miúdo complexos, e case sempre personaxes rotos.

[Fonte: www.der-film-noir.de ]

Can One Mark This Sky , 2012-2014
Susanna Flock
15 impresións sobre papel

Can One Mark This Sky é unha obra en proceso que trata sobre a denominación de áreas de “alta presión” e “baixa presión”, e o envío dunha mensaxe encriptada a través dun medio de masas.

O Instituto de Meteoroloxía da Universidade de Berlín asigna nomes ás zonas de formación de altas e baixas presións de Europa Central. Estas denominacións son aceptadas e publicadas polos servizos meteorolóxicos e os medios de comunicación, tal como figuran nas páxinas de moitos xornais, e nas previsións emitidas por radio e televisión. A “Operation Weather Godfather” [Operación apadrina o tempo], lanzada en 2002, permite patrocinar unha zona de formación de presións e asignarlle un nome a cambio dunha achega económica.

Para este proxecto bautizáronse zonas de altas e baixas presións navegando a través de arquivos para buscar material semántico que contase coa aprobación do Instituto de Meteoroloxía da Universidade de Berlín. Os nomes utilizados proceden de diferentes culturas, apareceron entre 2012 e 2014 en mapas de previsións meteorolóxicas, e unha vez reunidos dan como resultado a frase “CAN ONE MARK THIS SKY”.

Beyond Coordinates, 2014
Leonhard Müllner
Impresión sobre papel, selos, sobres

Beyond Coordinates pon en relación catro casos de territorios perdidos e expedicións perdidas utilizando un medio de viaxe en si mesmo: a carta escrita.

Durante centos de anos, debido a distintos bulos ou a erros náuticos, creáronse territorios que só existían nos mapas. En ocasións afundíronse ou demostrouse que eran simples espellismos. Requiriuse un grande esforzo humano e financeiro para descartar estas illas-fantasma. A última desaparecida dos mapas de todo o mundo foi Sandy Island en 2012. Nesta obra, mediante o intento de enviar unha carta a catro deses territorios de ficción, abórdase unha reconstrución da súa existencia dende un punto de vista poético. Ninguén sabe se as cartas serán devoltas ao artista, quen é o emisor, e quen o destinatario nos posibles enderezos das illas.

As cartas serán enviadas unha vez que finalice a exposición.

Co obxectivo de descubrir os poucos lugares aínda inexplorados no mundo coñecido, algúns exploradores esvaecéronse eles mesmos, deixando só vagos signos da súa desaparición, que deron pé a innumerables especulacións. Tras a súa desaparición convertéronse en heroes, e os seus países de orixe emitiron selos impresos cos seus rostros. Os selos, moeda de cambio de palabras e produtos viaxeiros, convertéronse así en vehículos de expedicións falidas.

Going Calypso, 2014
Sun Li Lian Obwegeser, Jakob Dietrich
Impresión fotográfica, branco e negro, 240mm x 300mm

“Dende que nace, o home leva sobre os seus ombros o peso da gravidade. Está suxeito á terra, pero solo ten que afundirse baixo a superficie, e será libre”. Jacques Cousteau

Inspirado nun retrato do explorador, fotógrafo e inventor francés Jacques Cousteau coa súa familia, Going Calypso é resultado da análise de Obwegeser e Dietrich de dúas nocións básicas das expedicións: a liberdade e a incerteza. Ambos os dous embárcanse nun proxecto os parámetros do cal son cuestionables, xa que parten da súa inexperiencia no uso dun evento familiar que se desvía da súa intención orixinal nun ambiente subacuático. A “Tripulación da Expedición Permanente” reuniuse para un retrato de grupo baixo a auga, nas Islas Cíes.

A selfish shellfish sample, 2014
Sun Li Lian Obwegeser
Instalación
Diapositivas, loop de audio

As diapositivas mostran secuencias dunha película didáctica sobre o mexillón en formato de 16 mm.

Ademais da parte visual, compúxose unha banda sonora para a cuncha do mexillón.

Bajo Tierra, 2014
Doris Prlić
Instalación sonora, fotografía

Durante a súa estanza na cidade de Vigo, Doris Prlić centrou a súa investigación nos territorios subterráneos. A súa instalación sonora no MARCO combina esta investigación con informes de proxectos para o uso de espazos subterráneos en diferentes áreas urbanas. Historias de utopías arquitectónicas mestúranse con intentos de utilización práctica de túneles esquecidos. Na instalación Bajo tierra, este mundo de imaxinación subterránea enfróntase a unha fotografía da entrada a un túnel selado en Vigo.

Bouzas 20.07.2014 – 23:32h.
Enrique Tomás
Dispositivo fonográfico D.I.Y. e vídeo

A captura dun momento do barrio de Bouzas en Vigo, creado dende o erro analóxico e dixital de dous dispositivos de captación sonora e visual —un fonógrafo e unha cámara dixital— inventados con máis de cen anos de separación.

INFORMACIÓN SOBRE ARTISTAS PARTICIPANTES


Susanna Flock
http://susannaflock.net

Susanna Flock (1988, Graz) estuda Arte Experimental na Universidade de Linz e Vídeo & Videoinstalación en Viena. En 2010 recibiu o premio Henkel Art Prize e en 2011 a Bolsa ao mellor talento en Belas Artes de Austria. En palabras da artista: "Estou interesada no impacto da dixitalización na produción cultural, no seu alcance e na súa recepción. A través das innovacións en cultura e tecnoloxía estanse a crear continuamente novas etiquetas e xeitos de conversación. Abordo a arte como medio para a comunicación, e traballo sobre o tema da linguaxe e a comunicación en diferentes medios".

Andreas Kurz (Washer)
http://andreaskurz.net

Baixo o pseudónimo WASHER atopamos a Andreas Kurz, artista sonoro alemán establecido en Linz. A súa actividade céntrase na investigación da dimensión sónica dos espazos urbanos. Recibiu numerosos premios como performer e compositor de bandas sonoras para cinema e teatro, nas que utiliza sintetizadores analóxicos e gravacións de campo en busca de zunidos mínimos.

Enrique Tomás
http://ultranoise.es/blog

Enrique Tomás (1981) é un artista sonoro español residente en Linz. É autor de intervencións e performances nas que utiliza texturas inmersivas de sons en rangos extremos de frecuencias e amplitudes. Presentou o seu traballo en numerosos centros de arte e festivais de Europa e América, como Ars Electronica, Sonar, SMAK, KUMU, STEIM, IEM, etc.

Katharina Loidl
http://lllk.at

Katharina Loidl (1978) estudou Arte Experimental en Linz. O seu traballo, conceptual e especulativo, utiliza o que ela chama "irritacións agradables" [nice irritations] para o público. Recibiu numerosos premios e bolsas como Traum-Stipendium de O.K. Center, e o Premio Forum da Universidade de Arte de Linz.

Sun Obwegeser
http://oe1.orf.at/artikel/352063

Desde 2007 Sun Li Lian Obwegeser é estudante de Arte Experimental en Linz. Traballa con metraxe atopada [found footage], animación e instalacións sonoras. Nas súas performances de audio en directo utiliza circuit bending e un conxunto de dispositivos electrónicos. Foi nomeada para o TalentStipendium 2013 de ORF (Radio Nacional de Austria) pola instalación e composición titulada Composition for a Chauffage [Composición para calefacción]

Doris Prlic
http://dorisdisaster.servus.at
http://www.feedbackanddisaster.net

Doris Prlic traballa como artista e comisaria. A súa actividade céntrase no uso do son —xeralmente a través de elementos moi pequenos e sutís— no espazo público. Estudou Arte e Belas Artes en Linz, Amsterdam e Róterdam. É responsable do selo discográfico dixital feedback & disaster.

thus & hence (Jakob Dietrich/Kai Maier-Rothe)
http://thusandhence.com
http://bunostik.org

Jakob Dietrich e Kai Maier-Rothe desenvolven conxuntamente o seu traballo sonoro a través de canles conceptuais, centrándose no cuestionamento continuo da dimensión política do son. Moitas veces as súas composicións pódense interpretar como unha crítica das relacións sociais, que a miúdo se articulan nas nosas sociedades a través do uso do son. Para eles, o espazo acústico non constitúe unha simple reverberación, senón un lugar de forte carga ideolóxica.

ekw14,90 (Marlies Stöger, Andre Tschinder, Moke Klengel, Christopg Rath)
http://ekw1490.mur.at

As primeiras aparicións públicas do colectivo de artistas ekw14,90 —fundado en 2000 en Graz (Austria) por Marlies Stöger, Andre Tschinder, Moke Klengel e Christopg Rath—, foron a través do medio radiofónico. Dende os seus inicios na radio experimental, ekw14,90 axiña expandiu o seu campo de acción cara a outras formas de arte. O seu traballo baséase tanto en proxectos performativos como en instalacións, sen limitar a súa produción a unha certa forma de expresión ou tema en particular, senón que utilizan diferentes medios e materiais para levar a cabo os seus proxectos artísticos, a miúdo site-specific.

Leonhard Müllner
http://kunst.creative.arte.tv/de/gallery/users/180/leonhard-muellner

Leonhard Müllner estudou en Linz e en Leipzig. A súa actividade, de resultados conceptuais e efémeros, céntrase especialmente en investigar o que el chama "a obsesión dos seres humanos por ser antropocéntricos, pechados en si mesmos, obrigando ao mundo a centrarse só nas realidades humanas". Nos últimos anos evolucionou cara aos medios dixitais.