rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Pintura mutante

Pintura mutante

Ficha

Datas: 
29 setembro 2006 - 7 xaneiro 2007
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Ignacio Pérez-Jofre

Obras en exposición

Esta mostra reúne preto de 60 obras entre as que se inclúen pinturas, debuxos e instalacións, coa utilización das máis variadas técnicas ‘pictóricas' -óleos, acrílicos, tintas, vinilos, fotografías, esmaltes, etc.- sobre distintos soportes. Precisamente o título e eixo temático da exposición alude á capacidade de transformación e adaptación da pintura, e á súa contaminación con outras técnicas, procesos e medios artísticos.

Síntese do proxecto

A pintura non morreu. Como un organismo vivo, adáptase ás novas situacións, mestúrase e contamínase con todo aquilo que a rodea —cine, fotografía, deseño, arquitectura, urbanismo, banda deseñada, ilustración, etc.— nútrese de todas as experiencias da cultura circundante e responde a elas, nun permanente proceso de transformación. O termo ‘mutante’ remite á idea de azar e de adaptación ao medio, á capacidade da pintura para se transformar xeneticamente, como unha disciplina en cambio continuo, ligada a circunstancias internas e externas igualmente dinámicas.

PINTURA MUTANTE amosa o traballo de 16 artistas que teñen vivido e viven esa crise e renovación do pictórico. Obsérvase nela un dobre movemento, centrípeto e centrífugo: por unha banda, a incorporación de recursos, temáticas e estéticas procedentes de campos exteriores á pintura e, pola outra, unha expansión espacial e conceptual do pictórico.

Son artistas dunha xeración formada a finais dos anos oitenta e durante os noventa, década na que a maioría iniciou a súa traxectoria creativa. Todos eles conectan cunha determinada sensibilidade contemporánea e comparten, en maior ou menor medida, unha serie de características: a súa falla de prexuízos sobre a estrutura e xerarquía dos xéneros artísticos; a súa apertura e abandono da subxectividade sen concesións en favor dunha vontade comunicativa, de interacción co espectador, que leva a unha renovación de linguaxes formais con grande capacidade de sedución; a súa incorporación de medios, materiais, procesos, imaxes e ideas procedentes doutros campos da arte e doutros eidos culturais; e a súa diversidade e variadas tendencias, incluso dentro da obra dun mesmo artista.

O percorrido por salas ofrece abondosos exemplos destas contaminacións e mutacións. A irrupción do mundo exterior no espazo idealizado do estudo do artista na peza de Pablo Alonso. As investigacións de Toño Barreiro sobre os límites e hibridacións entre xéneros artísticos. A incorporación de materiais procedentes do seu contorno cotiá, dos medios de comunicación ou da arquitectura, na obra de Manu Muniategiandikoetxea. Os cyborgs e aliens como representacións da transformación do humano en Marina Núñez. O uso de obras de arte preexistentes dotadas de novos contidos nas instalacións de Nono Bandera. Os graffiti ou pequenos murais de Eltono & Nuria, nos que conflúe unha tradición de pintura construtivista coa práctica da arte urbana. A ollada fugaz e dinámica nas paisaxes de Juan Rivas, auténticas road movies disfrazadas de cadros de caballete. A irregularidade do trazo manual combinada cunha precisión fotográfica nas escenas urbanas de Bosco Caride. A combinación de materiais de uso industrial en Arancha Goyeneche. A expansión física da pintura na instalación de Daniel Verbis. O carácter escenográfico das pinturas-instalacións de Enrique Marty. O xeito en que Simeón Saiz Ruiz utiliza a pintura como medio para intensifica-la percepción. A técnica minuciosa de Salvador Cidrás, cun equilibrio entre a manualidade do proceso e o mecánico da imaxe orixinal. A tradición da ensamblaxe unida á súa particular visión arquitectónica nas pequenas pezas de Teo Soriano. A aparente frialdade e pulcritude descritiva dos obxectos animados de Teresa Moro. E o impacto na retina das imaxes de Din Matamoro, nadas nunha sala de cine.

Artistas

    Arancha Goyeneche
    Bosco Caride
    Daniel Verbis
    Din Matamoro
    Eltono & Nuria
    Enrique Marty
    Juan Rivas
    Manu Muniategiandikoetxea
    Marina Núñez
    Nono Bandera
    Pablo Alonso
    Salvador Cidrás
    Simeón Saiz Ruiz
    Teo Soriano
    Teresa Moro
    Toño Barreiro

Texto curatorial

“Esta exposición ten que ver cunha forma de entender a pintura baseada na transformación do xénero pictórico. A tese principal parte da constatación de que a pintura deixou de ocupar unha posición central, sólida, na arte contemporánea, sendo desprazada por outras disciplinas máis recentes como a videoarte, a fotografía, a instalación, etc. Mudou vulnerable, fráxil; pero este cuestionamento, lonxe de debilitala, foi para a práctica pictórica un estímulo de cambio e desenvolvemento.

Dende hai aproximadamente un século, a pintura ten sido declarada morta en diferentes momentos e por diversos motivos: por ilusionista, por estar asociada a un sistema de mercado, por non ser soporte de ideas senón tan só ofrecer sensacións... Na pasada década, tras a eclosión das transvangardas pictóricas dos anos oitenta, rexurdiron tales proposicións. Un dos argumentos que contra a pintura se teñen esgrimido é o da súa excesiva carga cultural. Segundo este pensamento, ao provir dunha situación de primacía na xerarquía das artes, non é quen de descargarse das connotacións que tal posición implicaba: autoridade, propiedade; e esta situación delimitaría un campo estético definido, pechado, que semella impor uns límites formais e conceptuais. Estes transmitiríanse de xeito inconsciente e insidioso: sen nos decatar, pintariamos con recursos e estéticas herdadas, o que priva ao medio de capacidade de sorpresa, de posibilidades de renovación. Sendo tal argumentación de orde cultural, e non referíndose ás condicións materiais do pictórico, invalídase no momento en que a pintura se desprende desas connotacións. Para iso, o artista actual ha ser quen de desmontar esa xerarquía, traballando coa pintura nun plano de igualdade cos demais recursos artísticos. Por iso é tan importante o modelo do artista multimedia: porque desfai a estrutura dos xéneros artísticos e a súa potencial xerarquización.

A pintura é, pois, axeitada no momento en que a consideramos un medio máis, non un fin en si mesma. Os artistas que participan nesta exposición non toman a pintura como motivo central do seu pensamento creativo, non traballan nunha esfera do estritamente pictórico, non defenden unha esencialidade do xénero (de feito, a maioría deles traballan simultaneamente noutros territorios da arte). Son artistas que usan a pintura, como a fotografía ou o vídeo, cunha finalidade determinada e en función das súas calidades físicas, visuais e culturais. Por iso, non se trata aquí dun problema de técnicas ou formatos, senón de actitude.

O problema dos medios relaciónase con outro dos cuestionamentos que de xeito recorrente se lle veñen facendo á pintura: critícaselle polo seu estatismo, a súa configuración estable, a súa fisicidade. Segundo esta visión, eses caracteres inherentes á pintura a incapacitan como vehículo de aspectos da realidade contemporánea vencellados ao fragmentario, o cambiante, o virtual, como os medios electrónicos ou as redes de información. A miña proposta rexeita esta polarización dual de conceptos estéticos –material contra virtual, inmediato contra mediado, estático contra temporal– con que de cote se sentencia a un ou outro xénero artístico.
 
Do mesmo xeito que un filme pode transmitir sensacións de estatismo e materialidade –pensemos, por exemplo, nas calidades matéricas e o tempo contemplativo do cine de Tarkovsky– tamén un medio estático e material, como a pintura, pode ser usado para aludir a realidades fugaces e inmateriais. Así, a pintura que aquí se expón non se presenta coma unha alternativa aos medios tecnolóxicos ou ás artes temporais, senón que dialoga con estas e con aqueles, integrándose con todos eles nun espazo interpenetrado de relacións culturais.

Neste sentido, esta exposición pretende, tamén, contribuír á creación dun panorama normalizado, no que a pintura se entende coma unha opción estética e técnica máis dentro dos recursos da arte contemporánea. É por mor disto que a exposición se cingue estritamente ao xénero pictórico (se ben entendendo este no sentido ampliado en que o coloca a contemporaneidade), evitando o recurso habitual de modernizar unha exposición de pintura introducindo algo de vídeo, un pouco de instalación, moita fotografía.

A obra créase, así, nunha transacción, un intercambio coa contorna artística e cultural; non é unha obra ensimesmada, silenciosa, senón máis ben extravertida, ás veces ruidosa. O deseño, a ilustración, a publicidade, a televisión, a fotografía, o cine, a instalación, a arquitectura, etc. están implicitamente presentes nesta exposición, tanto como o propio medio pictórico o está de xeito explícito.

Como consecuencia disto, a heteroxeneidade, a hibridación, a mestura, sendo ideas, actitudes e prácticas culturais características da actualidade, están tamén presentes nesta pintura. Os estilos xustapóñense e superpóñense libremente, as imaxes son axeitadas, manipuladas e devoltas á esfera do público, os conceptos son reutilizados, reciclados, nese proceso continuo de postprodución que describe Nicolas Bourriaud.

Este xeito de entender o pictórico inscríbese nun novo modelo de dinámica artística que propoño, baseado na idea de mutación. A mutación é un proceso azaroso de transformación xenética, que posibilita a evolución das especies grazas á súa adaptación ao medio. A dinámica de avance vangardista chega á súa fin na posmodernidade, momento en que é negada a posibilidade de progreso na arte. Por contraste con este pensamento, a metáfora dunha arte mutante afirma a posibilidade de cambio; pero non un cambio autónomo, de signo idealista e utópico, como o que aparece implícito no proxecto das vangardas, senón unha evolución vencellada á transformación inevitable da sociedade. A pintura, como ente mutante, desenvolve estratexias de adaptación a un contexto igualmente dinámico e é quen, ao mesmo tempo, de cooperar na transformación deste escenario.”

Comisariado

Ignacio Pérez-Jofre

Ignacio Pérez-Jofre Santesmases (Madrid, 1965) é artista e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Como artista, realizou exposicións individuais no Museu de la Universitat d’Alacant, en La Fábrica (Palencia), na Galería Trinta (Santiago de Compostela), e na Galería Bacelos (Vigo), entre outras. Nos últimos anos ten realizado performances en diversos festivais como IFI (Pontevedra, 2004) ou IMÁN (Vilanova de Famalicão, 2005). É autor do libro Huellas e sombras (A Coruña, 2001) e coordinador de Isto faino calquera (Pontevedra, 2004). Ten organizado e impartido ciclos de conferencias e talleres en colaboración con museos e centros de arte, como o MARCO de Vigo, o CGAC de Santiago de Compostela, e a Fundación Laxeiro de Vigo.