rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A poesía non morde, aínda que ás veces debería. Sesións de achegamento á poesía no MARCO

A poesía non morde, aínda que ás veces debería. Sesións de achegamento á poesía no MARCO

Datas: 
23 maio 2017 - 13 xuño 2017
Horario: 
martes 23 e 30 de maio; 6 e 13 de xuño de 19.30 a 20.45
Lugar: 
#SalónDoMARCO (vestíbulo principal)
Prezo: 
Entrada libre e gratuíta

 

A poesía non morde, aínda que ás veces debería
Sesións de achegamento á poesía no MARCO
[Festival PoemaRia]
Organiza: Festival PoemaRia. Diálogos Internacionais de Poesía
Con Elvira Ribeiro, Eduard Velasco, e María Lado

A Poesía é un sofá cheo de cantantes cegos que apartaron os seus bastóns… é o son do verán na choiva e da xente rindo detrás de persianas baixadas nunha rúa estreita.
(Lawrence Ferlinghetti)

Como parte do Festival PoemaRia, o MARCO acolle nas vindeiras semanas varias sesións de achegamento á poesía, da man das escritoras Elvira Ribeiro e María Lado, e do escritor Eduard Velasco. A primeira delas, a cargo deste último, tivo lugar coincidindo coa fin de semana do DIM, o sábado 20 de maio. A partir de aquí, as sesións terán lugar en catro martes consecutivos.

Nestes obradoiros abertos e estimulantes bríndase a oportunidade de descobrir a ledicia, o divertimento e a emoción a través de poemas e poetas diferentes; dende escritoras galegas ata cadáveres exquisitos, versos libres ou poemas para recitar. Unha viaxe polo mundo máxico da poesía, revelando o accesible que é e todo o que importa. Todo o público está convidado ao novo espazo do #Salón do MARCO para esta experiencia compartida, unha vez que descobrimos que a poesía non morde.


Calendario e contidos

1ª SESIÓN / Sábado 20 maio, con Eduard Velasco

A poesía:
Pódese definir? / Que é para nós a poesía? / Escribir unha poética
Dous xogos:
Un acróstico: Quen son? / Un cadáver exquisito

2ª SESIÓN / Martes 23 maio, con Elvira Ribeiro

“As poetas non choran” I
[Arredor da poesía contemporánea galega escrita por mulleres]

Unha achega con vontade de animación á lectura da poesía galega contemporánea escrita por mulleres, en toda a súa gran variedade. Porque se lle tememos á poeta é porque non a coñecemos. Porque hai unha poeta a agardar por cada unha de nós. Porque a poesía é dixestiva e vigorizante. Porque sabe ben e pode ser un potente antidepresivo. Por que non?

3ª SESIÓN / Martes 30 maio, con Eduard Velasco

Métrica ou verso libre?:
Estrofas populares e sonetos / O verso libre
Escribir para recitar?:
Comprender a estrutura / Entoación e exercicio de lectura

4ª SESIÓN / Martes 6 xuño, con María Lado

Unha sesión sobre poetas contemporáneos galegos que falan do mar; poetas mariñeiros e mariñeiras, tanto de oficio –porque son moitos os poetas contemporáneos que son realmente mariñeiros– como de temática. Un pequeno percorrido polo mar, especialmente o da Costa da Morte, e as súas ligazóns poéticas doutros tempos e lugares; xunto cunha análise da repercusión que o desastre do Prestige tivo na lírica galega, como tema, enfoque ou reivindicación.

5ª SESIÓN / Martes 13 xuño, con Elvira Ribeiro

“As poetas non choran” II
[Arredor da poesía universal escrita por mulleres]

Unha achega con vontade de animación á lectura da poesía universal escrita por mulleres, en toda a súa gran variedade. Viaxaremos a diferentes épocas e lugares do mundo á procura das poetas máis fascinantes da historia. Porque se lle tememos á poeta é porque non a coñecemos. Porque hai unha poeta a agardar por cada unha de nós. Porque a poesía é dixestiva e vigorizante. Porque sabe ben e pode ser un potente antidepresivo. Por que non?


Notas bio 

 

Elvira Ribeiro Tobío

Nacín cando soaba na radio “Me and Bobby McGee” da rabuda da Janis Joplin. Desde pequena (eu tamén rabuda) interesoume a literatura, especialmente a poesía, aínda que teño moitos outros intereses (a lingua, as artes plásticas, o cinema, a música, a fotografía, o ser humano, a bioloxía, as cadelas coas que comparto a vida...) Ata o momento publiquei poesía para persoas adultas (Andar ao leu, 2005; Arxilosa, 2005; Biografía da Multitude –en coautoría con Silvia Penas–, 2009; carnia haikai, 2012 e corpos transitivos, 2013) e tamén para crianzas (pAlAbrAs brAncAs, 2008 e As redes de Inés, 2014). Grazas á literatura, voei a algúns lugares polo mundo adiante. Aínda gusto de voar, mais sempre sempre sen que me recorten as ás. Nin remeiras nin temoeiras.

 

Eduard Velasco

Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universidade de Barcelona. Dedicouse á docencia da lingua catalá e da lingua galega, á tradución literaria, á corrección de textos e mais á divulgación cultural.

Traduciu ao galego as novelas Pa negre, de Emili Teixidor, Els sots feréstecs, de Raimon Casellas e Paraules d’Opòton el Vell, de Avel·lí Artís Gener. E, ao galego, os relatos Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, Os europeos en Abrantes e a novela O porco de pé de Vicente Risco. Acadou o primeiro premio no III certame de poesía Leiras Pulpeiro. En novembro dese mesmo ano gañou a XXVII edición do Premio de poesía Pérez Parallé co poemario Ruído de trens, publicado en Espiral Maior. En 2015 gañou o 3º Premio de Narracións Breves Manuel Murguía co relato Taxidermia, publicado no libro A garza insomne (Galaxia, 2016). En febreiro do 2017 gañou o II Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro, convocado polo Concello de Guitiriz, co poemario O filósofo coxo, que verá a luz proximamente en Espiral Maior. Desde xuño do 2016 codirixe, xunto a Alicia Fernández, a libraría especializada en poesía Chan da Pólvora, de Santiago de Compostela, da que é membro fundador.

 

María Lado

María Lado comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio, Rumbo ás illas. Participou en varios volumes colectivos e antoloxías poéticas, e colaborou tamén na prensa co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário. Ademais de poeta, María Lado é narradora. Varios dos seus relatos pódense atopar en revistas e en colaboracións colectivas, como no volume Narradoras, editado por Xerais no ano 2000. Colaborou no disco Finais dous 70s, comezos dous 80s, de Fanny + Alexander, recitando o poema "Berlín", da súa creación. Traduciu ao idioma galego varios libros de literatura infantil, publicados por Edicións de Cumio. Como actriz participou na obra de teatro Oeste solitario (2011), de Martin McDonagh.

+ INFO poemariavigo@gmail.com
https://www.facebook.com/poemariavigo/