rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Premio MARCO/FRAC Lorraine. Novos Comisarios

Premio MARCO/FRAC Lorraine. Novos Comisarios

Datas: 
30 xullo 2009 - 30 outubro 2009
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00

 

1. Obxecto do concurso

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o FRAC Lorraine (Fonds régional d'art contemporain de Lorraine) de Metz, convocan o Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios, concurso para a realización dun proxecto expositivo destinado ao primeiro andar do MARCO e o espacio expositivo do FRAC Lorraine. A proposta atenderá á creación artística contemporánea e contemplará a participación de dous ou máis artistas. Valoraranse as propostas que inclúan algunha obra da Colección FRAC Lorraine no proxecto; a colección pode visitarse na páxina http://collection.fraclorraine.org/

O obxectivo do Premio consiste na realización do proxecto expositivo gañador, para o cal se disporá dun orzamento máximo de 30.000 € para cada unha das sedes. A exposición terá lugar entre os meses de maio e setembro de 2010 no MARCO de Vigo e os meses de outubro de 2010 e xaneiro de 2011 no FRAC Lorraine.

2. Condicións de participación

Poderanse presentar ao concurso os comisarios nados a partir do ano 1970, inclusive. Se a proposta é autoría dun colectivo, haberá de nomearse a un representante que actuará de mediador coas institucións. Os comisarios non poderán participar en calidade de artistas. Os proxectos que concorran deberán ser inéditos, contemplar a participación de dous ou máis artistas e non se poderá presentar máis dun proxecto por autor.

3. Documentación requirida

O comisario deberá presentar, en PDF:
· Datos persoais (nome, enderezo, teléfono e correo-e)
· Curriculum Vitae abreviado.
· Fotocopia do DNI ou pasaporte.
· Dossier do proxecto, no que se incluirá:
Título da exposición.
Síntese do proxecto expositivo.
Listaxe de artistas incluídos na mostra, indicando nacionalidade e data de nacemento.
Ficha técnica e imaxe das obras (en caso de obras preexistentes).
Descrición e bosquexo das obras (en caso de obras producidas especificamente para esta exposición).
Deseño expositivo axustado ás dimensións das salas de ambas sedes. Pódense solicitar os planos detallados en info@marcovigo.com e en fraclorraine.coordination@wanadoo.fr
Orzamento detallado do proxecto, ata un máximo de 30.000 €, impostos incluídos.

4. Elaboración do orzamento

O orzamento SI deberá incluír:
- Gastos derivados da produción das obras e honorarios dos artistas.
- Gastos de seguro, transporte de obras e materiais e itinerancia entre ambas sedes.
- Gastos de viaxes e estancia dos artistas participantes.

O orzamento NON deberá incluír:
- Materiais impresos divulgativos ou promocionais, tales como trípticos, notas de prensa e catálogo da exposición.
- Persoal técnico de montaxe.
- Gastos de montaxe ou acondicionamento da sala.
- Equipamento técnico audiovisual.

5. Prazo de presentación dos proxectos

O prazo de admisión da documentación finaliza ás 19.00 do venres, día 30 de outubro de 2009. Non se aceptarán proxectos recibidos con posterioridade a esta data.

6. Envío da documentación

A documentación entregarase en PDF exclusivamente e ao mesmo tempo nos seguintes e-mails info@marcovigo.com e fraclorraine.coordination@wanadoo.fr especificando no asunto do mail PREMIO COMISARIOS. No caso de que se considere enviar información adicional, esta pode ser enviada ao enderezo do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Rúa Príncipe, 54, 36202, Vigo e a 49 Nord 6 Est-FRAC Lorraine. 1 bis, rue des Trinitaires. 57000 Metz, France. Non será tomada en consideración a información recibida só nunha das sedes. O proxecto deberá ser enviado preferiblemente en inglés, aínda que serán aceptados os proxectos enviados en francés, castelán en galego.

7. Xurado

Un xurado composto por profesionais do mundo da arte seleccionará no mes de novembro o proxecto gañador e dous finalistas. A decisión do xurado será inapelable. Se o xurado así o estimase, o premio poderá ser declarado deserto. Os criterios de valoración das propostas terán en conta a calidade e a adecuación ás características do primeiro andar do MARCO como sala de exposicións e as salas de exposicións do FRAC Lorraine.

O xurado estará integrado por:
Beatrice Josse, directora do FRAC Lorraine
Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO
Kevin Muhlen, director do Casino Luxembourg, Forum d'art contemporain
Agar Ledo Arias, responsable de exposicións do MARCO
Pedro de Llano, crítico de arte e comisario

A resolución do xurado farase pública durante o mes de novembro de 2009 e comunicarase a todos os participantes.

8. Aceptación do premio

Establécese un prazo de 10 días naturais para a aceptación do premio por escrito. No caso de non ser aceptado, o premio concederáselle ao segundo clasificado.

9. Funcións do comisario

O comisario do proxecto gañador asinará un contrato coa Fundación MARCO e o FRAC Lorraine que lle compromete a atender as funcións derivadas do comisariado dunha exposición especificadas no mesmo e referidas, entre outras, á selección e localización das obras, ao deseño e supervisión da montaxe e á redacción de cando menos un dos textos para o catálogo, ademais doutras tarefas implicadas no proceso de traballo dunha exposición.

10. Honorarios

O comisario do proxecto gañador recibirá a cantidade de 7.000 €, impostos incluídos, en concepto de honorarios. Abonaranse en tres prazos: o 40% no momento da firma do contrato da exposición, o 30% na inauguración da mesma no MARCO, e o 30% restante na inauguración no FRAC Lorraine. A Fundación MARCO e o FRAC Lorraine non se farán cargo dos gastos de desprazamento do comisario, que se consideran incluídos nos honorarios. Si se farán cargo dos gastos derivados da estancia en Vigo e Metz, respectivamente.

11. Aceptación das bases

A participación neste certame supón a total aceptación destas bases. A organización resérvase o dereito de resolver, na forma en que considere oportuna, calquera situación non prevista nestas bases.