rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
PREMIO MARCO/FRAC LORRAINE/SFKM PARA NOVOS COMISARIOS 2014

PREMIO MARCO/FRAC LORRAINE/SFKM PARA NOVOS COMISARIOS 2014

Datas: 
19 decembro 2013 - 15 maio 2014


O prazo de presentación de candidaturas finalizou o 14 de marzo, recibiuse un total de 120
propostas, e a decisión do xurado —composto polo director do MARCO, a directora do FRAC
Lorraine e a comisaria do SFKM— farase pública antes do 15 de maio.

O prazo de presentación de candidaturas finalizou o 14 de marzo, recibiuse un total de 120 propostas, e a decisión do xurado —composto polo director do MARCO, a directora do FRACLorraine e a comisaria do SFKM— farase pública antes do 15 de maio.



OBXECTO DO CONCURSO


O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o 49 Nord 6 Est - Frac Lorraine (Fonds régional d’art contemporain de Lorraine) de Metz e o Sogn og Fjordane Kunstmuseum (SFKM) de Førde, convocan o Premio MARCO/Frac Lorraine/SFKM para novos comisarios.

Este premio ofrécelle aos participantes a oportunidade de propor un proxecto centrado nun tema de reflexión persoal, así como a súa realización no MARCO (1º andar), no Frac Lorraine e no SFKM (principalmente nas galerías da planta baixa e do primeiro andar).

A orixinalidade da tese defendida, a pertinencia das referencias propostas e a multidisciplinaridade serán determinantes para a selección do proxecto gañador.

O proxecto seleccionado terá como resultado ben a realización dun único proxecto que se presentará primeiro no Frac Lorraine (Metz, Francia), a continuación no MARCO (Vigo, España) e despois no SFKM (Førde, Noruega) ou pensada como un proxecto triplo presentado simultaneamente nas tres sedes. Non é obrigatorio que o proxecto se formalice nunha exposición. A investigación proposta servirá de base de traballo. A versión definitiva do proxecto seleccionado así como a listaxe de obras e/ou participantes serán elaboradas e formalizadas en estreita colaboración cos directores do MARCO e do Frac Lorraine e a comisaria do SFKM durante as tres residencias de traballo, a fin de que o proxecto teña en consideración as particularidades arquitectónicas, os contextos propios e os usos de cada unha das sedes.

A proposta haberá de se inscribir dentro do campo do pensamento contemporáneo e queda aberta a todas as formas de creación. O proxecto debe incluír ou estar conformado por un programa de actividades co fin de abrir un novo espazo de reflexión relacionado co tema proposto. No caso de que o proxecto —ou unha parte— dea lugar a unha exposición, pódense incluír obras da colección do Frac Lorraine, que se poden visitar na páxina http://collection.fraclorraine.org, e das coleccións do SFKM (que se coñecerán durante a residencia en Førde).

O proxecto gañador disporá dun orzamento máximo de 20.000 € para cada unha das sedes e presentarase no ano 2015.

CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN


Poderanse presentar ao concurso os/as comisarios/as nados a partir do ano 1974, inclusive. Se a proposta é autoría dun colectivo, haberá de nomearse a un representante que actuará de mediador. Os/as comisarios/as non poderán participar en calidade de artistas no proxecto. Non se poderá presentar máis dun proxecto por autor, que deberá ser inédito e contemplar a participación de dous ou máis artistas ou colaboradores.

DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA (en PDF):


Documentación administrativa

- Nome, enderezo, teléfono e correo-e

- Curriculum Vitae abreviado

- Fotocopia do documento de identidade ou pasaporte

Proxecto artístico (5 páxinas máximo)

O proxecto haberá de estar redactado preferiblemente en inglés, aínda que se admiten en francés, galego, noruegués e castelán. En calquera caso, deberá incluír un resumo en lingua inglesa (2 páxinas máximo).

- Título

- Resumo

- Presentación pormenorizada do proxecto (de 1 a 3 páxinas)

- Listaxe de artistas e/ou participantes incluídos (indicando nacionalidade e data de nacemento) ou das obras presentadas

Pódense descargar os planos dos espazos expositivos do primeiro andar do MARCO, do Frac Lorraine e das salas de exposición do SFKM a través das páxinas web das devanditas institucións ou ben solicitalos en: info@marcovigo.com, coordination@fraclorraine.org e curator@misf.no.

Destinarase un orzamento máximo de 20.000 € para cada sede (gastos de transporte, impostos incluídos) para a produción de cada unha das propostas. O/a comisario/a deberá tomar en consideración este marco orzamentario na elaboración do proxecto.

ELABORACIÓN DO ORZAMENTO


O orzamento SI deberá incluír:

- Gastos derivados da produción das obras e honorarios dos artistas e participantes

- Gastos de seguro, transporte de obras e materiais

- Gastos de desprazamento e aloxamento dos participantes

- Gastos de montaxe e acondicionamento das salas

O orzamento NON deberá incluír:

- Deseño e impresión de material promocional de prensa e publicidade

- Persoal técnico de montaxe

- Equipamento técnico audiovisual

- Gastos de aloxamento do/da comisario/a gañador/a durante a súa estadía en Metz, Vigo e Førde

PRAZO LÍMITE DE PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS


Media noite do venres día 14 de marzo de 2014.

Non se aceptarán proxectos recibidos con posterioridade a esta data.

ENVÍO E RECOLLIDA DA DOCUMENTACIÓN


A documentación enviarase en PDF exclusiva e simultaneamente aos seguintes enderezos: info@marcovigo.com, coordination@fraclorraine.org e curator@misf.no, especificando no asunto do e-mail AWARD FOR YOUNG CURATORS. Non será tomada en consideración a información recibida só nunha das sedes. O proxecto deberá ser enviado preferiblemente en inglés, aínda que serán aceptados os proxectos enviados en francés, galego, noruegués ou castelán. En calquera caso, deberá incluír un resumo en lingua inglesa (2 páxinas máximo). Serán proxectos exclusivos para o FRAC, o MARCO e o SFKM.

XURADO


O xurado está composto por: o director do MARCO, a directora do FRAC Lorraine e a comisaria do SFKM.

O xurado seleccionará no mes de maio de 2014 o proxecto gañador e dous finalistas. A decisión do xurado será inapelable. Se o xurado así o estimase, o premio poderá ser declarado deserto. Os criterios de valoración das propostas terán en conta a calidade e a orixinalidade do proxecto de investigación.

A resolución do xurado farase pública antes do 15 de maio de 2014 e comunicarase a todos os participantes por correo electrónico.

ACEPTACIÓN DO PREMIO


Establécese un prazo de 10 días laborables para a aceptación do premio por escrito. Unha vez pasado este prazo, o premio concederáselle ao segundo clasificado.

FUNCIÓNS DO/DA COMISARIO/A


O/a comisario/a do proxecto gañador asinará un contrato coa Fundación MARCO, o Frac Lorraine e o SFKM que lle compromete a atender as obrigas inherentes ao seu labor, e en especial, a execución específica do concepto do proxecto. En función das necesidades do seu proxecto, haberá de indicar, entre outras: a selección e localización das obras, o deseño da proposta, a supervisión das relacións entre os artistas e os prestadores e da produción, a participación na redacción do material de prensa do evento e, no seu caso, a selección de actividades paralelas e a dirección editorial do catálogo (redacción de a lo menos un texto).

O proxecto gañador servirá de base de traballo ao/á comisario/a e aos directores do MARCO, do Frac Lorraine e á comisaria do SFKM co fin de que os proxectos definitivos presentados en Vigo, Metz e Førde sexan o resultado deste intercambio. Para que así sexa, o/a comisario/a gañador/a deberá realizar obrigatoriamente unha residencia principal de traballo en Metz, durante un mínimo dun mes durante o verán de 2014, e viaxar de aí a Vigo e Førde. As datas precisas dependerán da súa dispoñibilidade e de acordo coas tres institucións.

HONORARIOS


O/a comisario/a do proxecto gañador recibirá a cantidade de 6.500 €, impostos incluídos, en concepto de honorarios. Abonaranse en catro prazos: o 40% no momento da sinatura do contrato da exposición, un 20% tras a inauguración no Frac Lorraine, outro 20% tras a inauguración no MARCO e o 20% restante tras a inauguración no SFKM.

A Fundación MARCO, o Frac Lorraine e o SFKM reembolsarán os gastos de desprazamento do/da comisario/a (pola residencia e os períodos de montaxe nas tres institucións), ata un máximo de 5.000 €, impostos incluídos, previa xustificación dos mesmos. As tres institucións faranse cargo directamente dos gastos de aloxamento en Vigo, Metz e Førde, respectivamente.

ACEPTACIÓN DAS BASES


A participación neste certame supón a total aceptación destas bases.

A organización resérvase o dereito de resolver, na forma en que considere oportuna, calquera situación non prevista nestas bases.