rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
encabezado

Presentación

A Biblioteca-Centro de Documentación conta con 32 postos de lectura, onde poden visualizarse as publicacións. A consulta en sala é directa, non é preciso cubrir ficha algunha, pero unha vez rematado o uso dos materiais, estes deberán deixarse nos carros habilitados para tal efecto. Non existe servizo de préstamo domiciliario.

Os fondos audiovisuais e outros materiais especiais terán que ser solicitados ao persoal da Biblioteca-Centro de Documentación, tendo en conta que non se poderá dispoñer de máis de tres obras a un tempo, nin poderán ser consultadas simultaneamente por máis de dúas persoas.

Nos casos permitidos pola Lei poderanse reproducir os fondos mediante fotocopia, que nunca poderá superar o 10% da obra consultada. As fotocopias teñen un custo de 0,10€/copia e son en branco e negro. Antes de utilizar a fotocopiadora terán que poñerse en contacto co persoal da Biblioteca para darlles instrucións precisas sobre o seu funcionamento. Así mesmo, tamén poderá facerse uso de cámaras fotográficas para conseguir unha copia en cor, sempre respectando os límites impostos pola Lei.

Respecto á hemeroteca, o último exemplar de cada revista preséntase nos expositores, xunto co dossier de sumarios de cada publicación. O resto dos números están gardados no interior dos andeis.

En relación aos equipos informáticos, antes de utilizalos é necesario apuntarse na folla de control no mostrador da Biblioteca. Todo usuario pode facer uso do equipo ata o momento no que estean saturados; neste caso, utilizarase a folla de control para deixar baleiros os postos segundo o tempo de uso, tendo total prioridade nas listas aquelas persoas que estean a consultar temas artísticos ou relacionados co fondo bibliográfico.

Está prohibido acceder, crear ou enviar información a páxinas web con contidos que atenten ou vaian en contra dos dereitos humanos, dos dereitos da infancia ou sexan anticonstitucionais, así como aquelas que poidan ferir a sensibilidade de terceiros, dado o carácter público do servizo, tales como o referido á violencia, o sexo, a apoloxía do terrorismo, o racismo, etc. Así mesmo, está prohibido o acceso aos servizos de chat das páxinas web, descargar programas e xogar en liña.

Recomendámoslles que fagan regularmente copias de seguridade da documentación que están a manexar. A Biblioteca-Centro de Documentación non se fará responsable da información que poidan perder ou enviar aos usuarios a través dos equipos informáticos.

Pregámoslles silencio, polo que os ordenadores portátiles e os teléfonos móbiles deberán estar desprovistos de son e non está permitido contestar chamadas telefónicas dentro da sala de lectura.

Non está permitido comer.

A utilización dos servizos da Biblioteca-Centro de Documentación supón a aceptación destas normas e o seu incumprimento dará lugar á perdida de uso do servizo.