rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Proxección audiovisual con motivo do 25º aniversario Maratón Fotográfico Concello de Vigo

Proxección audiovisual con motivo do 25º aniversario Maratón Fotográfico Concello de Vigo

Datas: 
28 outubro 2021 - 15 novembro 2021

Lugar: Sala vestíbulo principal
Organiza: Agrupación Fotográfica Galega

Co gallo do 25º aniversario do Maratón Fotográfico ‘Concello de Vigo’, e da exposición organizada na Casa Galega da Cultura, o MARCO acolle unha peza audiovisual producida para a ocasión, que recolle a traxectoria das diferentes edicións deste certame, e que se proxectará de forma continuada durante todo o horario de apertura ao público. A proxección complétase cunha mostra de material documental e información sobre os 25 anos do Maratón.

O Maratón Fotográfico e a AFG

A Agrupación Fotográfica Galega, fundada en 1946 e aberta a todos os amantes da fotografía e do cinema, foi pioneira en Galicia e veu desenvolvendo dende entón un importante labor, con actividades de formación e divulgación como cursos de fotografía ou encontros sobre foto e cinema. Foi en 1995 cando a AFG organizou o seu primeiro Maratón Fotográfico 'Concello de Vigo', que daquela se incluía dentro das festas da Semana Grande. A partir de aí, o Maratón nunca deixou de celebrarse, se ben cambiou varias veces de espazo de exposición, evolucionou no seu formato e duración, e se adaptou aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa interesada e afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixes: 24 horas de duración, 4 temas propostos pola organización, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.