rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Puntos de Encontro III Carlos Bunga

Ficha

Datas: 
3 xullo 2009 - 18 outubro 2009
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábados de 11.00 a 14.00 y de 17.00 a 21.00; domingos, de 11.00 a 14.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Agar Ledo

O venres 3 de xullo inaugúrase o terceiro proxecto da serie ‘PUNTOS DE ENCONTRO / MEETING POINTS', nesta ocasión co artista Carlos Bunga (O Porto, Portugal, 1976). No contexto deste programa, os cinco artistas invitados -Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e José Dávila- traballan sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo, onde se establecen unha serie de relacións entrecruzadas. Todos eles teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico, e formulan proxectos específicos para o Espazo Anexo do MARCO, directamente relacionados co seu ámbito e coa cidade de Vigo.

Obras en exposición

Neste proxecto, baixo o título ‘Heterotopías', Carlos Bunga realiza unha aproximación á historia recente da cidade de Vigo, á súa arquitectura e urbanismo, aos seus cambios e transformacións. O proxecto desenvolveuse a través dun proceso de investigación, con traballo de campo, visitas a bibliotecas/hemerotecas, realización de fotografías/vídeos, e encontros con cidadáns. A exposición do Anexo, que inclúe varias series de debuxos, fotografías, colaxes, un vídeo e un arquivo sonoro, realizouse a partir dos materiais obtidos na fase de investigación.

Síntese do proxecto

A proposta de Carlos Bunga (O Porto, Portugal, 1976) forma parte do proxecto ‘PUNTOS DE ENCONTRO', que se desenvolve durante todo o ano 2009 e principios de 2010 no Espazo Anexo do MARCO. No contexto deste proxecto, cinco artistas presentan as súas obras co obxectivo de establecer un diálogo entre o lugar de exhibición -a sala de proxectos- e o seu ámbito -a cidade de Vigo. A idea central é converter o Anexo no lugar de conclusión ou formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto. Os artistas invitados elaboran propostas que nacen fóra dos límites do museo, e que modifican as coordenadas lóxicas de percepción.

Carlos Bunga presenta un conxunto de traballos sobre distintos aspectos relacionados co concepto de cidade en xeral, e con Vigo en particular. Consciente de que as cidades participan dos cambios da historia, e de que nelas se producen relacións entrecruzadas, Bunga define as cidades contemporáneas como heterotopías (termo formulado por Michel Foucault en 1967) que, fronte ás utopías, son lugares reais dentro doutros lugares; contra-lugares onde se entrecruzan redefinicións urbanísticas, conflitos sociais e económicos.

Neste proxecto intenta abordar a historia urbanística da cidade de Vigo, marcada polo forte desenvolvemento industrial e a especulación. No seu intento por racionalizar o contexto urbano, o artista superpón e mestura diferentes perspectivas, puntos de vista, relatos locais e periféricos. O proxecto levouse a cabo a través dun proceso de investigación dilatado no tempo (traballo de campo, recollida de documentación, fotografías, vídeos), incluídos varios encontros con cidadáns de Vigo. As series de debuxos, colaxes, fotografías e vídeos achegan reflexións sobre o concepto de produción e moi especialmente sobre o consumo -neste caso a comida-, tan ligado á industrialización da cidade e á súa transformación. Tamén invitan a reflexionar sobre unha evolución urbanística formulada á marxe da cidadanía e en función de necesidades económicas, industriais ou políticas. Non é casual que esta investigación se levase a cabo en Vigo, un exemplo claro dese crecemento que sufriron as cidades na era contemporánea.

A exposición do Anexo reúne máis de cincuenta pezas, consideradas individualmente ou agrupadas en series. Entre elas, Tempo ausente -fotografías fragmentadas de distintas zonas da cidade-, a titulada Stargate, a serie de 24 fotografías How Does Your City Grow? [Como medra a túa cidade?], centrada na relación de Vigo co mar, ou os 20 debuxos sobre papel que reproducen páxinas do Faro de Vigo. Xunto á ampla mostra de fotografías e debuxos que falan da historia recente da cidade -como Una pequeña historia del Hotel Continental [Una pequena historia do Hotel Continental]-, ou do binomio arquitectura-comida, a exposición inclúe tamén o vídeo Maqueta e o arquivo sonoro titulado A cea, que recolle un encontro gastronómico con cidadáns de Vigo.

Artistas

Carlos Bunga

Carlos Bunga (O Porto, Portugal, 1976) deuse a coñecer internacionalmente ao mostrar o seu traballo en Manifesta 5-San Sebastián, 2004. Bunga usa habitualmente materiais como cartón prensado, pintura ou cinta de embalar, para construír cuartos que crecen adheridos a construcións ou arquitecturas xa existentes. O proceso de construción -non totalmente planificado, deixando que algunhas decisións se tomen durante o proceso de produción- é documentado sistemática e coidadosamente por un fotógrafo. O resultado final desta intervención no espazo pode recordar formalmente ao Merzbau de Kurt Schwitters ou á obra de Gordon Matta-Clark. Carlos Bunga formouse no campo da pintura. Os seus primeiros traballos -pintura sobre lenzo- instalábaos en paredes escollidas da cidade, para sometelos aos efectos do ambiente (clima, paso do tempo, contaminación) e para documentar esta influencia. Foi máis tarde cando descubriu as construcións, as paredes, as estruturas, os espazos que rodeaban a esas pinturas.

Tras estudar Belas Artes na Escola Superior de Arte e Design (ESAD) de Caldas da Rainha (Portugal), Carlos Bunga completou a súa formación con apoios como a Bolsa de Artes Plásticas da Fundación Marcelino Botín (ISCP, Nova York, 2006-2007), as Bolsas de Residencia de Aldraba Art en México DF (2007) e da Fundación Ilidio Pinho en Nova York (2008). Realizou exposicións individuais en institucións como Culturgest (Portugal, 2005) ou Milton Keynes Gallery (Reino Unido, 2006); xunto con exposicións colectivas en Artists Space (Nova York, 2005), San Diego Museum of Art (Farsites: Urban Crisis and Domestic Symptoms in Recent Contemporary Art, parte de inSite_05, San Diego, 2005), New Museum (Unmonumental, The Object in the 21st Century, Nova York, 2007), Instituto Valenciano de Arte Moderno-IVAM (Contruir, habitar, pensar, Valencia, 2008) e Fundación Marcelino Botín (Low Key, Santander, 2008). Na edición de Art Basel de 2008, o seu traballo Ruins formou parte da sección de proxectos especiais Art Unlimited.

 

Texto curatorial

"Son incontables as definicións que, da cidade, se fixeron ao longo da historia. Alén da unión de cidadáns que segundo Aristóteles determinaba a aparición dunha urbe, ou do lugar para conversar e discutir que describía Ortega y Gasset ao interpretar a cidade como ágora, Vigo preséntase como un lugar no que conflúen distintas estruturas, onde quizais a tradición se someteu ao proceso de industrialización, dinámica que a converteu na cidade máis poboada de Galicia e nunha das de maior expansión nas últimas décadas.

A singularidade de Vigo e a súa arquitectura ‘descaracterizada' animaron a Carlos Bunga a investigar sobre a forte transformación que sufriu a cidade ao longo do século XX. O traballo realizado polo artista organizouse en distintas fases, durante as cales se reuniu con cidadáns para solicitar opinións e datos que o axudasen a entender a evolución urbanística, e como esta se formula á marxe da cidadanía e en función de necesidades económicas, industriais ou políticas. O resultado do proceso de investigación -debuxos, colaxes, fotografías e vídeos- funciona como documentación, como ‘preludio' dunha conclusión que non existe, e achega reflexións sobre os conceptos de produción e consumo, tan ligados á cidade. Que se leve a cabo esta investigación en Vigo non é casual, xa que se trata dun exemplo claro dese crecemento que sufriron as cidades na era contemporánea.

Consciente de que as cidades participan dos cambios da historia, e de que nelas se van producindo relacións entrecruzadas, Bunga define a cidade contemporánea como heterotopía, termo formulado por Michel Foucault en 1967 para substituír a análise historicista que primaba ata o momento. As heterotopías son, fronte ás utopías, lugares reais dentro doutros lugares; son contra-lugares onde se entrecruzan redefinicións urbanísticas, conflitos sociais ou económicos. En mans do artista, a cidade convértese en moldeable. A deconstrúe. No seu intento por racionalizar a cidade, superpón perspectivas, mestura puntos de vista, relatos locais e periféricos.

* * * * * * * * *

A exposición móstrasenos fragmentada, como metáfora da cidade contemporánea, dividida en series. Un destes episodios é resultado das visitas a bibliotecas e hemerotecas, orixe dos 20 debuxos sobre papel que reproducen páxinas do Faro de Vigo, que nos mostran a evolución da cidade a partir dun dos seus símbolos. A cidade, como arquivo da memoria, aparece vinculada á idea de tempo, e o xornal preséntase como unha heterotopía en si mesmo, superpoñendo perspectivas, puntos de vista e temporalidades. Debuxar eses xornais é, segundo o artista, un intento de reescribir a historia. Debuxadas e borradas, as pezas mostran fragmentos dese tempo ou memoria fráxil, desa presenza-ausencia da arquitectura.

É o tempo, quizais, o parámetro que vertebra os traballos de Carlos Bunga dende as súas primeiras performances, que cuestionaban o concepto de espazo e durabilidade dos obxectos. As accións desenvolvidas en Manifesta 5 (San Sebastián, 2004), no Museu Serralves de Oporto (Premio EDP, 2003) ou na Galería Elba Benítez de Madrid (2005) posúen un mesmo trasfondo: esa reflexión sobre o transitorio e o efémero que no proxecto Heterotopías se converte en leit-motiv. Pero o que de veras interesa a Carlos Bunga é ese baleiro, esa ausencia que permanece, xerando un novo espazo. O propio artista refírese ás construcións Merzbau de Schwitters ou aos Cuttings de Matta-Clark como o principal referente dunhas accións que atopan nese ‘espazo baleiro' a súa singularidade. Na feira Art Basel (2008) presentou na sección ArtUnlimited unha peza para demostrar que se pode traballar dende o centro neurálxico do mercado e cuestionalo. Supuxo un desafío abandonar a espectacularidade e grandilocuencia nun espazo nacido para atraer visualmente o coleccionista de grandes nomes. A obra, baixo o título Ruins, ademais de evocar o espazo dentro do espazo, consistía na recreación da planta dunha estrutura que xa non está, unha estrutura ‘diseccionada'. Desta forma, é o visitante quen completa o significado e quen crea o espazo a partir do baleiro.

* * * * * * * * *

No proxecto do MARCO, a serie Tiempo ausente mostra este grande oco dunha forma máis evidente. O artista parte pola metade fotografías de distintas zonas da cidade e móstranos a realidade xunto á súa proxección imaxinada, que adquire corporeidade no seu encontro co espectador. O ensaísta e arquitecto Fernando Chueca Goitia describe a cidade como frustración: ‘Sempre foi e será, pola índole da súa esencia, artisticamente fragmentaria, tumultuosa e inacabada. Non atopamos nela esa forma definida e redonda que ansía o sentimento estético' (F. Chueca Goitia, Breve historia del urbanismo, p. 37). Esa idea de deixar o resultado da investigación en mans do ambiente, dos habitantes e coñecedores de Vigo, é como inventar unha nova relación entre suxeitos. O artista móstrase como actor implicado no contexto, espacial, social e histórico, interpretando a cidade como laboratorio e o resultado como documentación.

A cidade constrúese e, dado o carácter dinámico que se lle presupón e a necesidade de adaptación constante, toda construción leva aparellada unha destrución. How Does Your City Grow? é unha secuencia narrativa de 24 fotografías intervidas polo artista, que incide na relación da cidade co mar. O rápido crecemento de Vigo fainos presaxiar un futuro de urbanización que invade un territorio máis aló dos seus límites naturais. En Una pequeña historia del Hotel Continental [Unha pequena historia do Hotel Continental], Bunga resume un dos episodios recentes da historia de Vigo. Construído na década de 1870, o Hotel Continental era toda unha referencia. ‘Without any favour, the best in Galicia and one of the principal hotels in Spain', rezaba un anuncio publicado na prensa de 1912. En primeira liña urbana, fronte ao mar, recibía os viaxeiros ata que foi demolido na década de 1960. A desaparición de edificios emblemáticos da cidade, habitual en moitos lugares pero moi acentuada no caso de Vigo, está recollida en Vigo, la ciudad que se perdió, do historiador Jaime Garrido. Esta publicación, así como diversos documentos e libros facilitados polo Instituto de Estudios Vigueses, serviron de guía ao artista na súa investigación.

Texto artista

HETEROTOPÍAS

"O proxecto Heterotopías ten como base de investigación a cidade de Vigo, que puidera ser entendida como unha especie de laboratorio. Son varias as preguntas que nos poderiamos formular ante este proxecto: Cal é a relación entre comida e arquitectura? A arquitectura relacionada coa comida, o acto de comer e as súas simboloxías, e tamén a idea de consumo? En que sentido podemos entender a importancia da arquitectura e a cidade nos seres humanos? A demolición dun edificio, podería ser comparable ao acto de consumir da comida? Trátase de cambios ou transformacións para crear algo novo? Poderían ser vistos os edificios como comida? Como se relacionan entre si os conceptos de comida e refuxio? Podemos entender as cidades do mesmo modo en que entendemos a comida? Poderían ser contemplados os edificios como un banquete, listo para ser comido, vivido, experimentado, consumido?

A arquitectura ten a capacidade de influír no noso cerebro e moldéao de maneira que poidamos crer nunha ‘utopía' inventada e asumida como unha verdade, que pasa a ser parte integrante dos nosos sentidos e das maneiras de adaptarnos a eses lugares. Unha especie de ‘ficcións' que se volven parte integrante das nosas realidades.

O modo como a historia do cinema conseguiu sacar partido da cidade e axudou a que as cidades fosen o palco (centro) da acción do mundo, tivo grande impacto na mente dos individuos, que proxectan nas cidades esa realidade ‘ficcional' de querer formar parte dun mundo onde todo acontecemento parece ser posible, creando unha especie de ‘crise' existencial entre ficción e realidade. A concentración dun grande número de poboación nas cidades tivo consecuencias no pensamento e comportamento dos individuos. Esas proxeccións cinematográficas ou mentais acontecen nas cidades, que funcionan como escenarios para que os individuos poidan interactuar.

As constantes transformacións, movementos e cambios tan fortemente sentidos nas cidades, onde a memoria parece emerxer no tempo, fai que sexan lugares da Historia en constante proceso de (re)invención. As cidades teñen a capacidade de reinventarse; son lugares ‘heteroxéneos' onde se crean cruces de experiencias. Os residuos dunha comida poderían ser unha metáfora dos restos dos edificios que existiron nun lugar específico. Existe esa necesidade biolóxica do acto de comer, así como do acto de construír. Traballos como Economically Desirable [Economicamente desexable], 2009, incluído nesta exposición, fan precisamente unha parodia do carácter efémero implícito nos edificios como algo á vez constante e necesario para o crecemento da economía e dun mercado supostamente sostible".


Carlos Bunga
Vigo, xullo 2009

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012).