rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila
Jose Dávila

Puntos de Encontro V. Jose Dávila

Ficha

Datas: 
5 febreiro 2010 - 31 agosto 2010
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
horario continuo. Obra situada no espazo público, na praza peonil posterior
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Agar Ledo

A proposta de Jose Dávila, Espazo continuo, é unha escultura sen principio nin fin que se caracteriza pola súa espacialidade, e que permite ao espectador moverse dentro da obra mesma para poder captala totalmente. A obra deslízase fóra dos límites arquitectónicos, convertendo o Espazo Anexo nunha extensión da rúa e modificando o contorno ata converterse, por contaminación, en mobiliario urbano.

INFORMACIÓN E VISITAS

Dado que neste caso se trata dunha obra totalmente aberta ao exterior, non existe o habitual horario de apertura e peche da sala de exposición do Espazo Anexo, se ben o persoal do MARCO está, como sempre, a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais.

• Todos os días ás 18.00

• Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Proximamente, unha vez finalizada a serie 'PUNTOS DE ENCONTRO/MEETING POINTS', o MARCO editará un catálogo trilingë (galego-español-inglés) que recollerá a documentación de cada un dos proxectos, biografías dos artistas, imaxes das obras en exposición, texto curatorial, e textos sobre cada un dos artistas, a cargo de Ricardo Nicolau (Pedro Barateiro), María Peña (conversación con Manuel Eirís), Virginia Torrente (conversación con Carlos Bunga), Agar Ledo (conversación con Nicolás Combarro), e Montserrat Albores (Jose Dávila).

Síntese do proxecto

Coa exposición do artista mexicano Jose Dávila (Guadalajara, México, 1974) conclúe o proxecto 'PUNTOS DE ENCONTRO/MEETING POINTS', producido polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, para o Espazo Anexo, e comisariado por Agar Ledo Arias, responsable de exposicións. Durante o ano 2009, cinco artistas —Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e Jose Dávila— foron invitados a traballar in situ coa intención de que establecesen un diálogo entre o espazo de exhibición (a sala de proxectos ou Espazo Anexo) e o seu contorno (a cidade de Vigo).

Os cinco artistas, que teñen en común un interese cara ao contexto social ou arquitectónico, traballaron sobre o concepto de cidade contemporánea como espazo heteroxéneo, onde se establecen relacións entrecruzadas. Todos eles formularon proxectos específicos para o Espazo Anexo do MARCO, que se converteu, así, no lugar das conclusións ou da formalización das experiencias, fronte á consideración tradicional do museo como lugar de exposición do obxecto. O resultado, en moitos casos, foi material de arquivo que se formalizou en formato expositivo. Noutros, adquiriu unha dimensión máis escultórica, como é o caso da proposta de José Dávila, Espazo continuo.

Artistas

Jose Dávila

Jose Dávila (Guadalajara, México, 1974)

As obras de Jose Dávila manifestan unha forte relación coa materia, a estrutura, o detalle arquitectónico dun lugar e o propio espazo; aspectos que revelan a súa formación de arquitecto. Crea fotografías, esculturas, instalacións e intervencións nas que interactúa cos espazos que habitamos, sempre poñendo en escena a representación arquitectónica, creando espazos propios que destacan as calidades intrínsecas das construcións. Así, leva a cabo obras como a realizada en Santiago de Chile en 2002, na que camufla formalmente unha das travesas de soporte do espazo expositivo cunha morea de caixas de cartón usadas, ou o Container realizado en Art Basel en Miami Beach no ano 2008, onde secciona un container en partes de igual tamaño para, posteriormente, substraer algúns anacos, creando unha instalación que nos remite aos clásicos Donald Judd; o container de transporte como obxecto que modifica e articula o espazo. Nas súas propostas para Camden Arts Center (Londres, 2001) e Casa de América (Madrid, 2005) duplica a fachada dos monumentos mediante estruturas de estadas e teas plásticas de revestimento de diversas cores, mediante as cales transforma a relación do transeúnte co edificio ao invitalo a saír polas escaleiras da estada. Trátase de pezas que mostran que a arquitectura e a súa representación constitúen o centro da súa obra, o seu campo de busca e de intervención.

Jose Dávila naceu en Guadalajara (México) en 1974. Tras licenciarse en Arquitectura no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Occidente TESO de Guadalajara, México (1998), completou a súa formación con apoios como a residencia Braziers Intl. Workshop en Oxford, Reino Unido (2000); residencia en Camden Arts Centre (2001) como premio de The Andy Warhol Foundation; residencia en Kunswerke, Berlín, Alemaña (2003-2004); ou a máis recente residencia no MAM de São Paulo, Brasil (2009). A súa traxectoria foi recoñecida con varias bolsas e premios como a selección para a III Bienal Iberoamericana de Arquitectura en Santiago de Chile (2002), Premio Jóvenes Creadores, FONCA, México (2001), selección para a Bienal de Monterrey, membro de Ediciones El Chino (2001), ou a bolsa para participar no seminario ‘Estudios de Arte Contemporáneo’, FARCO A.C., Guadalajara, México (1998). Watch your Step foi a súa primeira exposición individual na Galería NAP, Guadalajara, México (1998), á que seguiron moitas outras como Temporality is a Question of Survival en Camden Arts Centre, Londres, Reino Unido (2001); Erasing Memory, Galería Enrique Guerrero, México (2002); Project Room en ARCO 04, Madrid (2004); Nomadic Platform, Casa de América, Madrid (2005); The Illegal Architect, Studio d’Arte contemporanea D’abbeni, Lugano, Italia (2006); Hechiso, Valenzuela & Klenner, Bogotá, Colombia (2007); Studies for Future Buildings, Renwick Gallery, Nova York (2008); Container, Renwick Gallery Art Positions, Art Basel, Miami Beach, Florida (2008); Flying City, COMMA'03, Bloomberg SPACE, Londres, Reino Unido (2009); Dos más dos igual a cinco, Travesia Cuatro, Madrid (2009). Entre as colectivas destacan Selección Bancomer, Museo de Arte Moderno, México (2003); Light and Atmosphere, Miami Art Museum, Miami, USA (2004); To Build, to Dwell, to Think, IVAM, Valencia (2008); PRETHUNDERDOME comisariada por Matthew Strauss, White Flag Projects, St Louis, USA (2009); Colección Jumex, Bass Museum, Miami (2009); Hecho en casa, comisariada por Osvaldo Sánchez, Museo de Arte Moderno, México (2009); y Panorama, Bienal de Arte Brasileira, comisariada por Adriano Pedrosa, Museo de Arte Moderno de São Paulo, Brasil (2009).

 

Texto curatorial

“Dentro do ciclo 'PUNTOS DE ENCONTRO/MEETING POINTS', o proxecto de Jose Dávila achega novas ideas sobre a relación entre o museo e o contorno urbano. Trátase dunha escultura sen principio nin fin que se caracteriza pola súa espacialidade, ou tridimensionalidade, e que invita ao espectador a moverse dentro da obra mesma para poder captala totalmente. O espazo xerado deslízase fóra dos límites arquitectónicos, convertendo o Espazo Anexo nunha extensión da rúa e viceversa, xerando vida en lugar de referirse a ela.

 

A intervención de Dávila xorde dunha reflexión sobre a falta de continuidade que atopou no urbanismo de Vigo, tras as súas estadías na cidade. Afonda no concepto de site-specific, xa que incorpora elementos propios do Espazo Anexo —as columnas, os muros e teito— como parte mesma da intervención, e se refire á idea de ruína ao simular unha planta dun edificio invisible, que é habitado polo paseante.

Podemos enmarcar esta obra na liña de estruturas modulares que Dávila realiza a partir dos presupostos minimalistas de autores como Sol LeWitt ou Donald Judd (Sen título, 2008, o container cortado para Sculpture Project for Art Positions, Art Miami Basel 08; Sen título, 2007, as caixas de cartón amoreadas como estantes nunha sucesión referida ás metálicas instalacións de Judd, etc.) pero, sobre todo, como unha homenaxe ao concepto de espazo fluído que popularizou Le Corbusier nos baixos dos seus edificios abertos, transparentes, onde confluían o espazo interior e o exterior.

O espazo fluído é un dos fitos da arte e a arquitectura do século XX. A súa orixe sitúase no cubismo, como derivación das modernas consideracións da física de Einstein onde o espazo era concibido en relación a un suxeito en movemento. A Jose Dávila inquiétanlle os logros da arquitectura, as utopías e os descubrimentos, a percepción e os xogos mentais. Recoñece no visionario Buckminster Fuller —un deses arquitectos que constrúen máis coas ideas que cos materiais— unha constante inspiración, e mesmo revisou a famosa cúpula xeodésica que deu fama a Fuller en varias pezas con combinacións de poliedros ou de sólidos platónicos.

As referencias á ‘representación’ do arquitectónico, aos binomios construción/destrución e forma/contido, sempre incorporan o factor temporal, identificado no visitante que completa a obra. Dávila está constantemente xerando situacións, pero esta intervención urbana vai máis alá de cubos e formas platónicas para reflexionar sobre a abstracción dunha ruína, sobre a abstracción do tempo e sobre a reconstrución que se xera coas sombras e a incidencia da luz.

A súa proposta preséntasenos, pois, como a conclusión temporal a algunhas das preocupacións que vén arrastrando na súa obra: a relación co lugar e o espazo; a combinación entre o movemento e as formas estáticas; a reprodución ata o infinito de formas modulares; a funcionalidade dos espazos construídos. Responde á studio-less practice, considerada polo artista como unha forma de produción que converte o estudio nunha oficina —a obra créase dende a oficina pero non nela—, afastándose da consideración tradicional de taller. A obra resultante xera un espazo novo no contorno ao se converter, por contaminación, en mobiliario urbano preparado para ser usado polo cidadán, elemento esencial de toda cidade”.

 

Agar Ledo Arias

Comisaria da exposición

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012).