rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Queres participar?. Chamada á colaboración na instalación Asambled (2015), de Amalia Pica

Queres participar?. Chamada á colaboración na instalación Asambled (2015), de Amalia Pica

Datas: 
20 xuño 2017


Exposición A TIMIDEZ DA COPA DAS ÁRBORES, comisariada por Beatriz Alonso
[Premio MARCO/Frac Lorraine/SFKM para novos comisarios]
Inauguración venres 23 de xuño nas salas do 1º andar 

O venres 23 de xuño ás 20.00 inaugúrase nas salas do 1º andar do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, “A timidez da copa das árbores”, comisariada por Beatriz Alonso, que foi o proxecto gañador da última edición do Premio MARCO/Frac Lorraine/ SFKM para novos comisarios http://bit.ly/2kLV2Kx

Unha das pezas incluídas na exposición é Asambled, da artista arxentina Amalia Pica, que foi realizada por vez primeira no ano 2015. Consiste en recrear nas salas de exposición unha instalación con cadeiras diversas (segundo mostra a fotografía), acompañada da peza audiovisual que exhibe a performance coa que se mostrou orixinalmente.

Para levala a cabo, precisamos da colaboración de persoas que voluntariamente queiran achegar unha cadeira, e así poder seleccionar un número suficiente e variado a fin de compoñer a instalación.

As cadeiras recepcionaranse na taquilla do MARCO en horario de apertura (de martes a sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.30), e identificaranse no momento do depósito co nome de cada persoa colaboradora, que así mesmo figurará nos agradecementos na sala de exposición.

Ao longo destes días farase unha selección das cadeiras reunidas, en función da súa variedade, características, e adecuación ao conxunto da instalación. De entre todas, as que formen parte da peza permanecerán nas salas de exposición ata a clausura da mostra, o 7 de xaneiro de 2018, e poderanse recoller ao longo do mes de xaneiro dese ano. As que non se utilicen finalmente, estarán dispoñibles para a recollida entre o 26 de xuño e o 30 de xullo de 2017.

O prazo límite para entregar as cadeiras será este mércores 20 de xuño ata as 21.00.

Moitas grazas pola vosa colaboración!

+ INFO sobre a obra:

Amalia Pica Nequén (AR), 1978. Vive e traballa en Londres (GB)
Asambled, 2015
Instalación con cadeiras e vídeo
Cortesía: a artista e Kunstverein Freiburg; Herald St. London; Marc Foxx, Los Ángeles; König Galerie, Berlín

A instalación está vinculada a unha peza en vídeo na que un grupo de voluntarios camiña en fila, levando diferentes cadeiras coas que tratan de formar un círculo coma se fosen iniciar unha asemblea, pero sen chegar a logralo. Cada vez que a última persoa da fila inicia o xesto de instalar a súa cadeira para sentar, a primeira persoa que sentara levántase e recomeza a tarefa de realizar un novo círculo próximo ao primeiro.

Unha coreografía coa que Amalia Pica explora que temos en común, nun esforzo por atopar códigos de comunicación que transcendan a linguaxe oral, así como sucede nas prazas públicas cando os corpos se atopan. A performance que dá orixe a esta instalación e vídeo documental interrógase sobre as dinámicas de grupo, os modos de colaboración, a negociación entre os corpos, o que facilita a inclusión ou propicia a exclusión, a partir dunha metáfora sociopolítica que interrompe o ritmo cotián da cidade ou o museo.

Foto de portada (detalle): Amalia Pica. Asambled, 2015. Instalación con cadeiras e vídeo. Vista da instalación en Kunstverein Freiburg, Friburgo, 2016
Cortesía: a artista e Kunstverein Freiburg; Herald St. London; Marc Foxx, Los Ángeles; König Galerie, Berlín
Imaxe: Marc Doradzillo