rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada

RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada

Ficha

Datas: 
17 maio 2019 - 15 setembro 2019
Lugar: 
Patio 1, planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do olvido por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia.

O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun ‘contra NODO’ destinado á cultura galega no exilio.

Síntese do proxecto

RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada.

Duración: 37 min

Equipo de ATLANTIS MULTIMEDIA participante na recuperación da película:

Miguel Piñeiro. Director e produtor do proxecto
Manuel Iglesia. Técnico de dixitalización
Fernando Alfonsín, de Alfonsín Lab. Postprodución
Carme Varela. Contidos e documentación

No ano 1951, Antón Beiras seguía embarcado na súa empresa de crear un arquivo documental do que acontecía en Galicia ao modo do que o NODO era para a España daquela época, consciente de que unha parte importante da nosa historia non quedaría rexistrada por non ser de interese para a oficialidade do momento. Nese contexto, son varias as gravacións que se realizan.

No ano 2016, Miguel Piñeiro atopa no arquivo da Familia Beiras Cal unha película nun estado moi deteriorado e da que se descoñecía o seu contido. Tras varias consultas con laboratorios especializados de Madrid, Lisboa e California, descártase a posibilidade da súa recuperación por atoparse o material “cuarteado” e “avinagrado” —o que impedía calquera proceso automático de escaneado— ou ben polo elevado custo do proceso, dado o estado da película e as escasas garantías de éxito. Nestas circunstancias, só quedaba renunciar, ou intentar unha recuperación cos medios que a produtora Atlantis Multimedia tiña ao seu alcance.

O proceso de recuperación

O proceso de traballo levado a cabo para recuperar o contido do filme requeriu dun intensísimo labor, en catro fases:

  • Preparación do material físico
  • Escaneado do material
  • Procesado de arquivos
  • Inxesta dos fotogramas e montaxe secuencial

16.589 fotogramas individuais e 118 tomas secuenciais permitiron, despois de 1.289 horas de traballo, sacar á luz a película, que xa se daba por perdida, e que non defraudou as expectativas sobre o seu contido.

CONTIDO DAS GRAVACIÓNS

  1. Homenaxe a Perfecto Feijóo en Pontevedra coa participación de representantes do Centro Galego en Bos Aires e a colocación dunha placa. No acto participou, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, que foi o encargado de glosar a figura de Feijoo e a súa achega ao desenvolvemento musical de Galicia. Rexístrase a actuación do Coro Aires da Terra, fundado por Feijóo.

  2. Actos da Real Academia Galega na Coruña en recordo de Curros Enríquez e Emilia Pardo Bazán con colocación dunha placa nos monumentos dos dous escritores. Rexístrase unha xuntanza na Real Academia na que participan, entre outros, Francisco Fernández del Riego, Casás, Calzado, Paulino Pedret, e as intervencións nas descubertas das placas.

  3. Actuación da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra dirixida por Antonio Iglesias Vilarelle e ingreso na Academia de Iglesias Vilarelle. Intervención de Filgueira Valverde e imposición da medalla da Academia por Manuel Casás.

  4. A parte máis sustanciosa da gravación ocúpaa unha peza documental sobre Manuel Gómez Román, a quen podemos ver traballando no seu estudio, cos canteiros nas obras, percorrendo a cidade a pé e en tranvía, ou asistindo á colocación do ramo nalgunha das súas obras.

  5. Ingreso de Manuel Gómez Román na Real Academia Galega, e imaxes da contestación de Ramón Otero Pedrayo.

  6. Visita á Editorial Galaxia, onde Calzado é recibido por, entre outros, Otero Pedrayo, Cabanillas, Gómez Román, Illa Couto, Francisco del Riego, e ao tempo preséntanse as publicacións que a editorial leva xa feitas na súa curta historia.

  7. Xantar de Homenaxe aos membros do Centro Galego que están de visita, na que interveñen, entre outros, Valentín Paz Andrade e Martínez Risco, rematando cunha foto de grupo e unha actuación dun grupo de gaiteiros.