rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Retratos doutro século. Colección fotográfica do Concello de Vigo

Retratos doutro século. Colección fotográfica do Concello de Vigo

Ficha

Datas: 
6 xullo 2007 - 23 setembro 2007
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Departamento de Exposicións do MARCO

Obras en exposición

A exposición RETRATOS DOUTRO SÉCULO é unha selección de 36 fotografías procedentes dos fondos da Colección fotográfica do Concello de Vigo, que dende o ano 2003 se atopa en depósito no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Síntese do proxecto

A Colección Fotográfica do Concello de Vigo supón un importante arquivo que permite analizar algúns dos momentos clave da historia da fotografía. Neste novo achegamento aos fondos da Colección, RETRATOS DOUTRO SÉCULO propón un percorrido polo século XX —xa o século pasado— a partir dunha selección de retratos; un dos primeiros xéneros cos que experimenta a fotografía e que evoluciona paralelamente ao desenvolvemento da técnica.

Cando Manuel Ferrol retrata, en 1957, a partida dos emigrantes cara a América, elixe un fragmento que non só ensina, tamén significa, a realidade política ou social da que formamos parte. Nese encargo, que lle fai a Comisión Católica da Emigración, o punto de vista do fotógrafo únese ao rexistro “obxectivo”. Nas fotografías de Virxilio Vieitez, realizadas na mesma época, atopamos unha Galicia tinguida pola subxectividade. Os escenarios, en plena natureza, substituíndo o tradicional estudo, vense habitados por xentes —se cadra as mesmas que retrataba Manuel Ferrol— que miran frontalmente á cámara, acompañadas de referencias, iconografías, disfraces, que nos suxiren ir máis aló da imaxe.

Nun pequeno ensaio, John Berger recorre reiteradamente á frase “decidín que paga a pena rexistrar o que estou a ver” para descodificar o papel do fotógrafo ante o acontecemento que vai deter coa súa cámara. Ese acontecemento, que se atopa non só na imaxe senón no contexto e no momento no que foi tomada, refírese á ausencia e á presenza, ao contido visual e contextual e ao papel interpretativo do autor. As diferentes visións que se amosan en RETRATOS DOUTRO SÉCULO anímannos a contemplar a fotografía como mediadora e testemuña da nosa realidade histórica, social e política.

Ricard Terré realiza estas fotografías na mesma época que Ferrol ou Vieitez. As súas composicións, os seus planos, o seu punto de vista, fóra de calquera encadramento, afástanse do carácter documental-social daqueles. Achéganse en forma ao William Klein dos contraplanos e grandes angulares ou ao Giacomelli do movemento e a borrosidade. Difiren en forma do humor de Manuel Álvarez Bravo e da súa discípula Graciela Iturbide, que nos arrinca un sorriso co posado dun home travestido, así como do estatismo da indíxena mexicana de Flor Garduño e da mirada desafiante en Antoine D’Agata. O retrato actúa, nesta exposición, como representación e recoñecemento, da nosa historia, das nosas sensacións ou, por que non, dun instante na vida que para sempre quedará impregnado na mirada dun descoñecido que deixa de selo.

Artistas

    Antoine D’Agata
    Archivo Panateca
    Arthur Rothstein
    Claudia Gordillo
    Dorothea Lange
    Federico Fernández
    Flor Garduño
    Graciela Iturbide
    Jack Delano
    Manuel Álvarez Bravo
    Manuel Ferrol
    Mario Giacomelli
    Raúl Corrales
    Ricard Terré
    Rusell Lee
    Virxilio Vieitez
    William Klein

Texto artista

"Hai que estar ao quite. O fotógrafo sérvese da realidade que lle ofrece a ocasión da arte. Pero xamais a domina, xamais a vence. A realidade, o home da rúa, é libre e imprevisible. Dalgún xeito o fotógrafo ten que anticipar os movementos, prevelos. Hai que estar pendente e solto, disposto a cambiar de plans".

Ricard Terré

"Vin aquela nai famenta e desesperada e achegueime como atraída por un imán. Non recordo como lle expliquei a miña presenza ou a da miña cámara, pero si recordo que ela non me preguntou nada. Fixen cinco tomas, traballando cada vez máis preto dende a mesma dirección. Non lle preguntei o seu nome nin pola súa historia. Ela díxome a súa idade, trinta e dous anos. Dixo que estiveran a comer verduras xeadas dos campos próximos, e paxaros que cazaban os nenos. Vendera mesmo as cubertas das rodas do seu coche para comprar comida. Alí estaba, sentada naquela choupana cos seus fillos anicados ao seu arredor, e parecía pensar que as miñas fotos poderían axudala, e así ela axudaríame a min. Había certa equidade naquilo".

Dorothea Lange

"Fotografei a Arthur Coble e os seus fillos Milton e Darrel mentres realizaban as súas tarefas. Pero os fortes ventos dificultaban a visión e a respiración. Cando o po comezou a encher o aire, dirixinme ao meu automóbil e os Coble á súa casa. Ía despedirme cando os Coble comezaron a loitar contra o vento e tomei esta fotografía. Era a última foto do rolo".

Arthur Rothstein

"Sempre se debateu se a fotografía é arte ou non. Eu non pensaba que estaba a crear obras de arte cando estaba a fotografar. A mi non me interesaba producir unha obra de arte para poñela nun museo para que a pouca xente que asiste aos museos a vise. Eu quería producir imaxes da realidade como eu a vía, para que se reproducise en libros, periódicos, revistas e exposicións. Para que o maior número de persoas as visen. Esa foi a nosa actitude, a dos que traballamos nese famoso grupo do Farm Security Administration. Pero resultou que nós, a maioría dos fotógrafos alá, tiñamos sensibilidade artística. Aínda que non tratamos de facer obras de arte, algunhas das obras convertéronse en obras de arte, inevitablemente. Agora valóranse, colecciónanse e exhíbense en museos de arte. Pero esa non foi a intención, a intención foi conseguir a maior difusión posible".

Jack Delano

"[...] As tomas fotográficas son debidas ao azar das situacións, as obsesións seguen a ser as mesmas. Derivas nocturnas, corpos que se abandonan, crueza da carne e da materia fotográfica. Traducir a escisión pola mestura dos corpos e dos sentimentos, nun desprazamento incesante da fronteira entre o fotógrafo e o seu suxeito que desaparecen, rebentados sempre, entre dous encontros efémeros. Unha fotografía lúcida tense que interrogar sobre as condicións turbadoras da súa experiencia entre o ollo e a mirada, a máquina e o inconsciente, a impureza fundamental da súa relación co mundo real e o ficticio.

[...] Non é a nosa mirada sobre o mundo o que importa, senón as nosas relacións máis íntimas con el. Composición, luz, narración, xa non son as preguntas fundamentais. Quedan a perspectiva que xustifica o acto fotográfico, as interferencias da experiencia e a posta en escena, a materia, a función do personaxe, as incoherencias da secuenciación -as imaxes, como as palabras, séntense soas cando están illadas-, a conciencia que eu teño do papel de actor, de autor e de director dos meus propios escenarios. Podo pois, pola reconstrución maníaca de experiencias desordenadas, utilizar o mundo para os meus propios fins e, como experiencia bastante solitaria, remodelalo, transformalo segundo a miña vontade, facer de tal forma que, sen as imaxes, o mundo xa non existe".

Antoine D'Agata

Comisariado

Departamento de Exposicións do MARCO