rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke
Rubén Grilo. Powerpoint Karaoke

Rubén Grilo. PowerPoint Karaoke

Ficha

Datas: 
24 xuño 2011 - 28 agosto 2011
Lugar: 
primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Co apoio de: Rijksakademie van Beeldende Kunsten, Amsterdam. Agradecementos: Michiel Ceulers, Maribel López, Kees Reedijk, Michiel de Wit
Comisariado: 
Agar Ledo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

PRESENTACIÓN


A exposición de Rubén Grilo é a terceira do ciclo ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolve ao longo de varios meses nas salas do primeiro andar, e cuxo título está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.

OBRAS EN EXPOSICIÓN

Rubén Grilo (Lugo, 1981) utiliza estratexias conceptuais e narrativas para cuestionar dende a arte o estatuto dos obxectos e as imaxes, a través de medios tan diversos como o software de presentación gráfica, a proxección láser, os obxectos atopados, a performance ou a instalación.

O título da exposición, ‘PowerPoint Karaoke’, fai referencia a un evento organizado polo colectivo berlinés Zentrale Intelligenz Agentur en 2006. Utilizando esta historia como argumento central, Grilo reverte a idea do museo como espazo oficial de distribución de coñecemento, enfrontando á audiencia a un crebacabezas aparentemente desartellado de imaxes proxectadas, obxectos, citas, documentos, referencias a outros artistas e analoxías formais.


Síntese do proxecto


‘Entrar na obra’

‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se está a desenvolver nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.

O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?

O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.

O ciclo ‘Entrar na obra’, que incluíu proxectos de Loreto Martínez Troncoso e Wilfredo Prieto, continúa agora con Rubén Grilo, ao que seguirán as propostas de Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979), e Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967).

Rubén Grilo

O traballo de Rubén Grilo (Lugo, 1981), que bebe das fontes do conceptual, explora a arte como un instrumento válido para xestionar aquilo que non coñecemos, incorporando o ruído como parte da comunicación co espectador e analizando o xeito en que tecnoloxías da imaxe, códigos culturais, información, display, intuición, representación e cognición, participan positiva e negativamente na construción da realidade.

O título da mostra, ‘PowerPoint Karaoke’, fai referencia a un evento organizado polo colectivo berlinés Zentrale Intelligenz Agentur en 2006, que consistía en presentacións de PowerPoint feitas con material máis ou menos aleatorio, na súa maior parte sacado de Internet, que os participantes non coñecían e que tiñan que explicar á audiencia en tempo real. Baixo unha aparencia divertida, formulábase unha crítica ao PowerPoint como medio estándar de transmisión de ideas, aprendizaxe e factor determinante na toma de decisións.

Orquestradas a partir desta premisa, as pezas de Grilo móvense entre o absurdo e o inevitable recoñecemento de imaxes vinculadas a un contexto cultural particular, intensificando a relación do espectador co medio visual, incorporando capas inesperadas de información, referencias a outros artistas, asociacións de ideas e elementos crípticos que chocan, se entrelazan e se dispersan no momento da súa recepción.

A presentación PowerPoint en bucle, o soporte elixido para a maioría das pezas en exposición, dálle a oportunidade de revisar a idea moderna de autonomía das imaxes a través dun medio cuxos códigos son coñecidos polo público. Outro aspecto interesante do PowerPoint —con relación ao vídeo— é que a pesar da súa dimensión temporal, o contido é modificable por definición, pois a súa integridade non está baseada na fisicidade senón no concepto xeral que agrupa unha serie de textos e imaxes, que son intercambiables. Ten que ver coa oralidade, coa comunicación, coa velocidade á que se transmiten e interpretan as ideas, coas asociacións, e co cognitivo. O xiro respecto a un uso normal do PowerPoint é que neste caso non hai un orador que narre as imaxes, que lles dea sentido e faga as asociacións. A idea de PowerPoint Karaoke explica ben que neste caso é o espectador o performer ou o encargado de tomar esas imaxes e recompoñelas ou interpretalas para que lle sexan útiles.

O uso da tecnoloxía de proxección láser, presente en dúas animacións controladas por ordenador, é outra das liñas de investigación de Grilo. Respecto a estas obras, o artista faise eco da seguinte reflexión: ‘Todo o invariable nunha transformación ofrece información sobre o obxecto, e todo o variable ofrece outra información, como a relación de quen percibe co obxecto. Cando atendemos ás constantes, percibimos obxectos; cando atendemos ás variacións, obtemos sensacións.’

A exposición inclúe a instalación titulada A cuarenta y un metros y cuarenta centímetros de lo mismo, 2011, na que dous obxectos similares pero de tamaño diferente se perciben como iguais ao estar suficientemente separados entre si; e unha colección de obxectos atopados —El beneficio del ignorante, 2009-2011— cuxa particularidade é que, a pesar de estar deseñados con algún propósito evidente, o artista descoñece a súa utilidade.

Finalmente, a obra titulada Un museo alternativo, 2010, que se fai visible máis alá das salas de exposición, consiste en cambiar o logotipo do MARCO e substituír o orixinal nos distintos soportes de comunicación —páxina web do Museo, rotulación, papelería, sinalética— durante o tempo que dure a mostra, como unha especie de ficción dun mundo paralelo condensado no deseño dun logo.

Artistas

Rubén Grilo


Rubén Grilo (Lugo, 1981) vive e traballa en Amsterdam. Expuxo invidualmente en Espai Zer01, Olot, Girona (El beneficio de la ignorancia, 2011) e Maribel López Gallery, Berlín (Here, There, Backward, Forward, Mirror, Hole, Through, Against, 2010). Entre as exposicións colectivas nas que participou, destacan The Circulating Action of Things, CSS Bard - Center for Curatorial Studies and Art in Contemporary Culture, Nova York; Antes que todo, CA2M, Móstoles; En Casa, La Casa Encendida, Madrid; Situación, CGAC, Santiago de Compostela; La historia no es más que cosas pequeñas en un cierto desorden, Instituto Cervantes, Estocolmo; Zweck Gemein Schafft, Micamoca, Berlín; e Try Different Keywords, Galería Estrany de la Mota, Barcelona. Na actualidade é artista residente na Rijksakademie van Beeldende Kunsten de Amsterdam.

Exposicións e proxectos individuais

2011 El beneficio de la ignorancia. Espai Zer01, Olot, Girona, ES 
2010 En casa. La Casa Encendida, Madrid, ES
        Here, There, Backward, Forward, Mirror, Hole, Through, Against. Exposición individual incluíndo                   The Abstract Rug de Maria Loboda. Maribel López Gallery, Berlín, DE

2009 The Close Talker and the Newcomers. Ballhaus Ost, Berlín, DE 
        Solo Project Art-O-Rama. Maribel López Gallery, Marsella, FR

Exposicións colectivas

2011 Belvedere. Galería Estrany de la Mota, Barcelona ES
        The Action of Things. CSS Bard - Centre for Curatorial Studies and Art in Contemporary Culture,             Nova York, USA
        Turku Biennal - Patterns of the Mind, Turku, FIN
        La Cuestión del Paradigma. Genealogías de la emergencia en el arte contemporáneo en                         Cataluña. Centre d'Art La Panera, Lleida, ES
        SON. Auditorio Nacional de Música, Madrid, ES

2010 A Library Project. Midway Contemporary Art, Minneapolis, USA
        Antes que todo. CA2M, Móstoles, Madrid, ES
        Ref. 08001. Galería Nogueras Blanchard, Barcelona, ES
        89 Km. Colección CGAC. MARCO, Vigo, ES
        Try Different Keywords. Galería Estrany de la Mota, Barcelona, ES
        Veu entre línies. Centre d'Art La Panera, Lleida, ES

2009 La història no es més que petites coses en cert desordre. Espai Zer01, Olot, Girona, ES
        Zweck Gemein Schafft. Micamoca, Berlín, DE
        La historia no es más que cosas pequeñas en cierto desorden. Instituto Cervantes, Estocolmo, SE
        Trobades Fortuïtes. Centre Cívic Sant Andreu, Barcelona, ES
        Proxección en Storr Cinema. Storr Cinema, Estocolmo, SE
        Miquel Casablancas. Fabra i Coats, Barcelona, ES

2008 Fuck You Human. Maribel López Gallery, Berlín, DE
        Situación. CGAC, Santiago de Compostela, ES
        Old News México. Museo de Arte Carrillo Gil, México DF, MX
        Old News #4. Midway Contemporary Art, Minneapolis, USA
        BCN Producció'08. La Capella, Barcelona, ES

2007 Información contra información. CGAC, Santiago de Compostela, ES
        P_O_4 Oficina. Sala Muncunill, Terrassa, ES
        Building Societies. Centre d'Art La Panera, Lleida, ES
        Tigres de paper. Sala d'Art Jove, Barcelona, ES 
        Loop'07 Video Art Festival. Hotel Catalonia Ramblas, Barcelona, ES
        Temperatura Ambient. Centre Cívic Sant Andreu, Barcelona, ES

2006 Sense Tìtol. Universitat de Barcelona, Barcelona, ES
        La audiencia disponible. Mediateca – CaixaForum (con The Freesound Project), Barcelona, ES

Publicacións

2010 The Weight of the Words, Stuffinablank (http://www.stuffinablank.com/)
        Texto. Contribución. Autoedición, David Bestué, Daniel Jacoby e Gabriel Pericás Ed., Barcelona, ES
        Ref. 08001. Contribución. Galería Nogueras Blanchard, Barcelona, ES
        Here, There, Backward, Forward, Mirror, Hole, Through, Against. Libro de artista. Maribel López                   Gallery, Berlín, DE

2009 Julio #3 (www.thisisjulio.com)
        The Comedian. Libro de artista. Crani Ed., Barcelona, ES
        Cinco coincidencias entre el museo y el resto. Contribución. Catálogo da exposición Situación.
        CGAC, Santiago de Compostela, ES

2008 I Want To Believe. Texto. Sobre Laia de Alex Reynolds, incluído no catálogo da exposición,      
        Capella de Valls, ES
        La primera vez que me viste. Contribución. Incluído no catálogo da exposición BCN Producció'08,
        Barcelona, ES

2007 Old News #4. Contribución. Proxecto en proceso de Jacob Fabricius
        Un montón de ideas. Poster. Secretaría General de Juventud, Barcelona, ES
        Berta y el factor exógeno. Texto. Sobre Versión Postal de Luz Broto. Public!, Barcelona, ES
        Decir lo que sea pero rápido. Texto incluído no catálogo da exposición Información contra
        información. CGAC, Santiago de Compostela, ES
        Ànim! Libro de artista. Centre d'Art La Panera, Lleida, ES
        Sala 15 nº1. Contribución. Olot Local Museum, Olot, Girona, ES

Charlas e presentacións

2011 Museo d'Arte Contemporanea Donna Regina MADRE, Nápoles, IT

2007 Eleva, expande, resiste. Mediateca Caixaforum, Barcelona, ES
        Facultad de Bellas Artes. UB, Barcelona, ES

Premios e bolsas

2011 Rijksakademie van Beeldende Kunsten / Dutch Ministry of Education, Culture and Science,        
        Amsterdam, NL

2008 Beca d'Arts Visuals Ciutat d'Olot, ES

2007 BCN Producció'08. Institut de Cultura de Barcelona, ES
        Guasch Coranty'07. Fundació Guasch Coranty, Barcelona, ES
        Premi Miquel Casablancas (modalidade proxecto), Districte de Sant Andreu, Barcelona, ES

Texto curatorial

“A forma textual que a arte conceptual reivindicou entre as décadas de 1960 e 1970 e a aceptación da crítica institucional como xénero nesa mesma época, son algunhas das bases sobre as que se asenta o traballo de Rubén Grilo. O uso de soportes visuais como PowerPoint, animación láser ou outros software de presentación gráfica permítenlle elaborar novas traducións ou re-significacións da información. Son formatos técnicos que se combinan coa performance, o debuxo ou a instalación nun intento por cuestionar os procesos de creación e recepción a partir de reflexións sobre o ‘display’ da obra, a súa reproductibilidade ou sobre os novos soportes informáticos que, xunto coas estratexias narrativas ou conceptuais, determinan o significado.

Grilo, que defende a tecnoloxía visual como contido, trata de investigar os procesos de interpretación e o significado que adquiren as pezas en relación con distintos códigos ou estratexias de presentación no marco institucional. Apela a Daniel Buren e ás súas reflexións sobre a función do museo (1970) —o modo de instalar, coleccionar e aportar valor como condición inherente ao obxecto e determinante á hora de atribuírlle significado— e á revisión do concepto de autonomía da arte; unha sentenza que, dende a modernidade, discorre paralela ás relacións múltiples, e ás veces contraditorias, entre os conceptos de alienación, emancipación do suxeito, cultura de masas ou desaparición do espectador. O artista pregúntase: ‘E se en lugar de ser o museo o que explica as obras artísticas, fosen as obras artísticas as que explican o museo? E se o museo non fose o medio, senón a mensaxe?’.

O seu proxecto para o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, reúne unha serie de pezas —algunhas existentes, outras realizadas especificamente para esta exposición— baixo o título ‘PowerPoint Karaoke’. No ano 2006, o colectivo berlinés Zentrale Intelligenz Agentur ‘inventou’ un evento con ese mesmo nome no que os participantes debían improvisar en público unha conferencia mediante o programa de presentación ‘PowerPoint’. Esta forma de teatro improvisado, como o denominaron os seus creadores, consistía na elaboración de distintas presentacións con material seleccionado entre arquivos propios ou colleitado ao chou de Internet. O punto de partida era unha crítica ao programa pola estandarización dos sistemas de transmisión de información, que poden condicionar tomas de decisión a distintos niveis e con graves consecuencias.

A audiencia reacciona no espazo de exposición asociando e relacionando os distintos elementos que se distribúen nas salas. Elementos atopados, imaxes proxectadas, códigos visuais alterados, son obxecto dun desprazamento de significado froito das novas relacións que se establecen entre eles. Así, a instalación Sin título (Total Self), 2011, componse de catro ordenadores portátiles situados no espazo regular, cadrado, en senllas esquinas e adaptados formalmente ao espazo. As referencias formais a Untitled (Corner Piece), 1964, de Robert Morris e á autorreferencialidade minimalista amplíanse aludindo á implicación do espectador que absorbe as experiencias e as filtra para que se volvan conscientes. Baseándose nas teorías de Carl Jung sobre o funcionamento do ego, o artista organiza a peza baseándose nas catro funcións psíquicas que nos permiten formar xuízos ou tomar decisións: pensamento, sentimento, sensación e intuición, nun ‘intento por abordar todos os niveis posibles da experiencia que un espectador pode ter nun espazo’.

O contido dos portátiles organízase en presentacións de PowerPoint, que se suceden ao longo do espazo de exposición mostrando un funcionamento completamente autónomo. Sen un conferenciante que faga avanzar a información, o espectador convértese no único interlocutor e intérprete da mesma.

Así, os PowerPoint proxectados reúnen a parte performativa, visual e textual que Rubén Grilo usa como metáfora das relacións que se establecen e se dislocan —son sistemas abertos, manipulables— entre os elementos confirmando distintas realidades: ‘Interésame a intersección entre visualidade, entendemento e performance, que se explica moi ben coa idea do ‘PowerPoint Karaoke’, e que me parece unha bonita forma de revisar a idea moderna de autonomía das imaxes a través dun medio moi contemporáneo; cuns códigos que a xente coñece, fabricado cunha tecnoloxía á que calquera ten acceso’.

A tecnoloxía láser é un soporte que Grilo utiliza por primeira vez e que lle permite crear formas abstractas, inexistentes, irrecoñecibles e indescritibles e darlles unha autonomía ou entidade propia no mundo real. Dentro da exposición, as Pieza-láser, 2011, comparten espazo con El beneficio del ignorante, 2009-2011, unha colección de obxectos atopados ou comprados en mercados de diferentes países, e que ocultan nas súas formas estrañas e na súa manufactura industrial o segredo da súa funcionalidade. Non é doado saber para que foron deseñados, o cal amplía as súas posibilidades semánticas. ‘O título refírese á idea de que sen coñecer as normas é máis doado transgredilas. É dicir, que para alguén que saiba para que son os obxectos, só serán para unha cousa, mentres que para min terán hipotéticos infinitos usos. Os obxectos desaparecen da colección cando descubro ou alguén me di o que son’, aclara Grilo.

De novo, Rubén Grilo recorre á linguaxe como medio para representar esas relacións, volvendo a Buren —ao alterar o modo de presentación preestablecido— e ao Joseph Kosuth de Art after Philosophy (1969): a natureza de todas as proposicións artísticas é lingüística, pois é o feito de que o artista nomee o obxecto como obra de arte o que o fai arte”.

[Extracto do texto curatorial para o catálogo da exposición]

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012). É membro da IKT-International Association of Curators of Contemporary Art e investigadora no Departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, na que completa a súa tese de doutoramento: unha revisión da escena da arte en Galicia durante os anos setenta, década marcada polos últimos tempos do franquismo e pola Transición.