rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Pacheco. Avenida García Barbón de Vigo, c. 1928 Copia de mediados do século XX asinada. Colección LANDRA, Vigo
Ksado. Rúa do Vilar co estudio do fotógrafo, c. 1925. Copia de época. Colección LANDRA, Vigo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Touriño
Enrique Sarabia. O Berbés en Vigo, c. 1925. Copia de época. Colección LANDRA, Vigo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Vista Alegre. Gorrión. Portugal, c. 1925. Porcelana pintada a man. Colección M&M. Foto: cortesía MARCO Vigo/Touriño
Pintos. Redeiros en Combarro, c. 1925. Copia de época. Colección LANDRA, Vigo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Blanco. Cantón Pequeno da Coruña, c. 1925. Copia de época montada sobre cartón ornamental. Colección LANDRA, Vigo.
Santiago Montes. Abstracción 10, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Santiago Montes. Abstracción 13, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Santiago Montes. Abstracción 18, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Santiago Montes. Abstracción 29, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Santiago Montes. Abstracción 31, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Santiago Montes. Abstracción I, 2018. Acrílico sobre lenzo. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño

SANTIAGO MONTES. Rara avis. [Ciclo METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega]

Ficha

Datas: 
26 outubro 2018 - 3 febreiro 2019
Lugar: 
Salas de exposición do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Rubén Martínez Alonso

METRÓPOLE. Persepctiva urbana da arte galega


O ciclo METRÓPOLE, comisariado por Rubén Martínez Alonso, naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.

O proxecto está concibido en dúas áreas claramente diferenciadas, tanto na montaxe como en contidos, distribuídas nos espazos do primeiro andar: por unha banda, a correspondente ao pasado, representada por unhas salas nas que, a partir da referencia ou homenaxe ao filme Metropolis, se procura recrear o ambiente da cidade de Vigo nesas décadas iniciais do século XX, mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco. Nesta segunda achega do ciclo, a parte xeral céntrase especialmente na fotografía histórica galega, con pezas procedentes na súa totalidade de coleccións particulares.

Por outra, as salas frontais do primeiro andar acolleron, entre os meses de xullo e outubro, a mostra de Xosé Manuel Castro como primeira proposta individual, que dá paso agora á segunda, con Santiago Montes como protagonista.

SANTIAGO MONTES. Rara avis

Baixo o título Rara avis, a individual de Santiago Montes reúne máis de corenta pinturas procedentes da colección do artista, ademais de varias obras producidas para este proxecto, nas que o artista encara o reto do gran formato, acompañadas de material audiovisual a modo de documentación.

Así pois, en liña cos obxectivos e características deste ciclo, a exposición inclúe catro pezas de nova produción —Abstracción (I-IV) realizadas especificamente para esta mostra e para este lugar, co obxectivo de achegar ao público o proceso creativo, e de procurar unha contextualización da obra en función das características, dimensións, iluminación e posibilidades de deambulación no espazo.

MOSTRA BIBLIOGRÁFICA

‘Fotografía histórica galega. O país como escenario’

Durante todo o período da exposición, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica con selección de publicacións de fotografía histórica cuxo escenario principal é Galicia. Ademais poderán consultarse os catálogos de exposicións anteriores no MARCO, nas que a fotografía histórica, cun carácter máis xeral, é eixe fundamental.

INFORMACIÓN E VISITAS GUIADAS

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Artistas

Santiago Montes (Vigo, 1940), diplomado en Maxisterio e con estudos en Enxeñería Técnica Industrial, presenta unha formación artística case autodidacta, descubrindo os grandes mestres nos museos de Madrid e Barcelona, entre outras cidades europeas. Na plástica galega, o pintor iniciarase a través de diferentes xéneros: paisaxe, bodegón, espido e retrato. Pero serán os seus magníficos debuxos a lapis brando os que fagan da cidade gran protagonista: Heidelberg, Núremberg, Rothenburg, Santiago de Compostela e, como non, Vigo, recollidos estes últimos no libro Vigo. Calles y rincones. Numerosas serán as exposicións nas que participe, tanto individuais como colectivas, compatibilizando a práctica artística coa súa vocación docente. Pouco amigo de abandonar o estudio, as súas exposicións sempre se distancian, converténdose logo en históricas, como a celebrada en Madrid no 1991. As obras de Santiago Montes cóntanse entre os fondos de prestixiosos museos galegos e españois, así como de importantes institucións públicas.

Texto curatorial


METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega


“Con motivo do 90º aniversario da estrea do filme Metropolis de Fritz Lang no desaparecido cine Odeón, Vigo volve a vista atrás na procura dun momento clave da súa historia, aquel en que pasado, presente e futuro se deron a man e camiñaron xuntos, fundidos nunha perfecta e elegante harmonía coñecida como art déco, o estilo que soubo combinar, coma ningún outro, o clásico co ultramoderno.

O estilo art déco (abreviatura de arts décoratifs) comeza a abrollar cando murchaba o art nouveau, coincidindo así no tempo o outono dun coa primavera do outro, alá polo 1910. Pero será nos “felices anos vinte” cando o movemento alcance o seu cénit. E, malia a súa denominación francesa, a corrente artística conquista o mundo enteiro, sendo na outra beira do Atlántico, na adiñeirada sociedade norteamericana, onde o estilo logre rañar o ceo.  

De gran poder evocador, o art déco é, aínda hoxe, sinónimo de luxo e esplendor. Capaz de resistir o dramático crac do 29, a devastadora Gran Depresión posterior e unha cruenta e longa Segunda Guerra Mundial, o posmodernismo do último cuarto do século XX arrincouno da súa elegante e sofisticada languidez, vivindo diferentes revisións, algunhas tan hiperbólicas como o neo-déco dos oitenta. E así ata chegar aos nosos días, cando asistimos novamente ao renacer dun estilo que, precisamente por inspirarse nos clásicos, xamais pasará de moda.

FOTOGRAFÍA HISTÓRICA GALEGA


O país como escenario

Galicia e as súas xentes serán escenario e protagonistas, durante os anos vinte e trinta, da mellor e máis emblemática produción dalgúns dos principais fotógrafos históricos, tanto galegos como estranxeiros.

A Galicia urbana e máis a rural, coas súas respectivas actividades económicas e sociais. Documentos históricos e artísticos a partes iguais, que alcanzan a categoría de verdadeiros superviventes cando falamos de copias de época, positivos saídos directamente do primitivo laboratorio fotográfico e que contaron co visto e prace do artista.

Fotografías artísticas de reducidas dimensións, na maioría dos casos, pero cunha gran calidade, que podían ser enviadas como postais ou, simplemente, coleccionadas. Mais tamén atopamos outras de maiores dimensións, que foron concibidas xa como auténticas obras de arte, capaces de competir nos fogares máis acomodados, por exemplo, cos seus tradicionais óleos e acuarelas.

Escenas que ofrecen unha visión romántica da vida no noso país durante o período de entreguerras, non sempre exenta dunha velada crítica social”.

SANTIAGO MONTES. Rara avis

“En perigo de extinción, a coherencia xoga un papel esencial na traxectoria profesional de Montes. Sacrificio, entrega, sufrimento, soidade, incomprensión, abandono, xaxún… son só algúns dos duros retos, das ingratas consecuencias que terá que afrontar quen, dende a súa propia encrucillada, opte por esta angosta senda.

Por iso, a congruencia é hoxe unha espantada rara avis sobrevoando a nosa hedonista e infeliz sociedade. O seu anacrónico espírito de anacoreta semella precisar tamén, como aqueles monxes dos primeiros tempos do cristianismo, o silencio absoluto, a escuridade máis intensa, antes do rompemento de gloria e a música celestial.

Enerxía cohesiva

Da análise cromática das súas pinturas despréndese o equilibrio, a harmonía dunha orquestra ben afinada, onde cada instrumento traballa segundo a súa partitura, aplaudindo o público o traballo cohesivo, a execución sinfónica.

Fragmentos orbitando dentro do seu campo gravitacional, soportes que ilusoriamente delimitan un espazo infinito. Mais, os propios cadros son, á súa vez, retallos sometidos aos designios dun sabio e xusto demiúrgo —en realidade, unha deusa, protectora das artes e a literatura, a mesma que lle agasallou á cidade a súa primeira oliveira, e que goza de criselefantino retiro recluída na cela dun sobrio e impoñente templo dórico, recortado o seu perfil contra un ceo radiante aló, no alto da acrópole.

Universo en expansión

Afeito á manexabilidade do lenzo de pequeno formato e á eficacia do acrílico, as obras de Montes logran, a partir da introspección, converterse en pasos fronteirizos cara a un universo en expansión, ao tempo que revelan esa xestualidade desbocada que sucede á meditación.

Reflexión previa ao transo que multiplica unha enerxía canalizada entón a través da brocha e o pincel. Alternancia de forzas centrípetas e centrífugas na procura dun equilibrio cósmico que transcende o límite dos corpos.

Musicalidade

Melómano empedernido, as abstraccións de Montes poden ser lidas como auténticas partituras cromáticas. Unha harmonía pictórica que agocha esa melodía que só pode ser oída cando a nosa mente prescinde de toda referencia espazo-temporal.

E quizais fose o pánico a perder esa agarradoira, a presenciar a demolición de toda construción mental, a aterradora perpetuidade, o que levou a algún crítico a entrever, na marxe inferior das súas pinturas, o esluído recordo da mesa, recurso espacial e compositivo para a figuración nas súas xa clásicas naturezas mortas.

Dual e bipolar

A dualidade sobre a que se constrúe a produción máis recente de Montes xera no espectador certa atracción desacougante da que non é doado zafarse. Aquela melancólica quietude tan característica que envolvía os seus brumosos bodegóns, o maxistral dominio dunha perspectiva aérea que alcanza a ver o invisible, deu paso hoxe a unha guerra sen cuartel, unha loita titánica que enfronta o artista coas súas propias limitacións físicas e espaciais.

Unha obra que é escenario, campo de batalla desa pugna pola supervivencia, e o lugar ao que se achega o espectador, a modo de forense que recompila as probas incontestables que instruirán o xuízo artístico definitivo.

Dualidade dunha obra escura mais tremendamente transparente, complexa e sumamente evidente. En cada trazo resplandece aínda o gume dun coitelo que enxendra e aniquila. Os berros e salaios, os lamentos, os xemidos e ruxidos, estertores todos sobrevoando o fragor do combate. O rumor antes do silencio. A calma trala tormenta. O campo arrasado. Baleiro. Música. Equilibrio de forzas. A partida de xadrez consigo mesmo. Xaque ao rei. O inimigo atrapado no fondo da súa cabeza. Xaque mate. Asasinato con tintes de suicidio.

Dualidade devorada por unha visceral bipolaridade. Xemelgos metamorfoseando en siameses. Dentro. Moi dentro. Extracción e biopsia. Canibalismo. Destruír para crear. Destrución creadora. Ave fénix. A cinsa dun cigarro. A vida consumíndose lentamente, en solitario. Resurrección e triunfo. Inmortalidade. A obra que nos sobrevive. A proba de vida. Só ela falará de nós cando esteamos mortos. A vida como unha efémera oportunidade para crear transcendencia.

A importancia da cor

A cor na obra de Montes resultará capital. Extraordinario debuxante, o artista abandona progresivamente a liña para conquistar unha liberdade compositiva onde a cor é protagonista. Cores únicas e irrepetibles, soñadas pola infatigable mente do pintor e nacidas na intimidade dun estudio onde a fortuna do privilexiado visitante descobre, como nunha revelación, a verdadeira dimensión deste creador.

Porque, a través do aparente caos, da explosión incontrolada, subxace o rigoroso e calculado estudo arquitectónico, o xogo de pesos e contrapesos, o reparto de forzas e presións que cada cor individualmente exerce. Pois toda gran construción aspira a perdurar, a sobrevivir ao seu artífice, á inmortalidade”.

 

 

Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición

Comisariado

Rubén Martínez Alonso


Rubén Martínez Alonso
(Vigo, 1980) é licenciado en Historia da Arte pola USC Universidade de Santiago de Compostela, cursando posteriormente o programa de doutoramento en Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na UDC Universidade da Coruña. Co inicio da tese de doutoramento As sociedades recreativas na Galicia urbana (1850-1936), simultaneará a investigación coa docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Na actualidade, é profesor de Xeografía e Historia no IES Fin do Camiño de Fisterra. A súa primeira incursión literaria tivo lugar no eido da poesía, da man da revista DORNA. Expresión Poética Galega, na que publicaría ao longo da primeira década deste século. Porén, non será ata 2017, con Camiño de ningures, cando presente o primeiro poemario. A novela iniciática 1980 (ano cero) viu a luz en 2011, á que seguirá A saudade do caracol en 2012. Con As escaleiras do Gran Hotel gaña en 2013 a XIV Edición do Premio Risco de Creación Literaria. A última novela, Vila Suárez, vén de ser publicada neste 2019. No ámbito da investigación, serán varios os estudos publicados: Imaginería lígnea de la iglesia parroquial de Ntra. Sra. del Carmen de Ferrol e El Casino de Vigo. Crónica ilustrada de la histórica sociedad de recreo (1847-1936), en 2006 e 2013 respectivamente. No mundo da arte, ten colaborado en diversas exposicións de pintura, como Paisaxes (Casa de Galicia, Madrid, 2009); Paisagens da Galiza (Casa da Cultura - Casa Barbot, Vila Nova de Gaia, Porto, 2010); El bosque de favilas (Afundación, Vigo, 2011); Post industrial (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2012); Naturezas (Capitanía Marítima de Baiona, Pontevedra, 2012); Mostrarte (Alcaldía, Concello de Vigo, 2012); Xosé Luis Otero (Parlamento Europeo, Bruxelas, 2013); Efímero. The intensity of the ephemeral (AXA, Porto, 2014); Atmosferas (Fundación Vicente Risco, Allariz, Ourense, 2015), entre outras.