rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Santiago Sierra

Ficha

Datas: 
1 maio 2009 - 27 setembro 2009
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 21.00; domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Tras máis de seis anos realizando exclusivamente exposicións colectivas, neste 2009 o MARCO inicia unha nova liña de exposicións individuais, ben de carácter retrospectivo, ou a través de proxectos específicos, como é o caso da proposta de Santiago Sierra, que ocupará todos os espazos da planta baixa do museo.

A exposición, que se inaugura o Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, está precedida por unha "acción laboral" aberta ao público, que se desenvolverá os días 28, 29 e 30 de abril, en horario de 8 da mañá a 11 da noite.

Santiago Sierra (Madrid, 1966) é un dos artistas máis interesantes da escena artística internacional. O seu traballo, vinculado a estruturas sociais ou políticas, pretende cuestionar as relacións de poder establecidas, tanto no ámbito artístico coma no social. Nas súas obras interroga directamente o espectador sobre os límites impostos pola sociedade actual, capitalista e globalizada, sobre temas de grande carga política e social como a explotación laboral e a marxinación.

www.santiago-sierra.com

 

TRADUCCIÓN DE UNA CHARLA from Santiago Sierra on Vimeo.

Artistas

SANTIAGO SIERRA (Madrid, 1966. Vive e traballa.)
www.santiago-sierra.com

EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS (SELECCIÓN)

2009 Los Penetrados [Os penetrados], Galería Helga de Alvear, Madrid
Imperial Buildings, Wellington, Nova Zelanda
Santiago Sierra, Magasin3, Frihamenn, Estocolmo, Suecia
2008 Versión de Grupo de personas cara a la pared [Grupo de persoas cara á parede] e Persona cara a la pared [Persoa cara á parede], Lisson Gallery, Londres, Reino Unido. Outubro de 2002 / Sala de Turbinas, Tate Modern, Londres, Reino Unido
2007 ‘La trampa' [A trampa] e ‘Los adultos' [Os adultos], Centro Cultural Matucana 100, Santiago de Chile, Chile
1549 Crímenes de Estado [Crimes de Estado], Antigo Edificio da Secretaría de Relacións Exteriores da Praza das Tres Culturas, Tlatelolco, Cidade de México, México
Submission, [Submisión] Proyxcto Juárez, Cidade de México, México
Santiago Sierra, Prometeogallery di Ida Pisani, Milán, Italia
2006 Santiago Sierra, CAC, Centro de Arte Contemporáneo de Málaga, Málaga
245m3, Sinagoga de Stommeln, Pulheim, Alemaña
2005 El pasillo de la casa del pueblo [O corredor da casa do pobo], Museo Nacional de Arte Contemporáneo, Bucarest, Romanía
Institución embarrada, Kestnergesellschaft, Hanover, Alemaña
2004 120 horas de lectura continua de una guía de teléfono [120 horas de lectura continuada dunha guía de teléfono], Galería Helga de Alvear, Madrid
Santiago Sierra, Lisson Gallery, Londres
300 toneladas, Kunsthaus Bregenz, Bregenz, Austria
2003 Palabra tapada, La Biennale di Venezia, 50 Esposizione Internazionale d'Arte, Pavillón de España, Venecia, Italia
2002 Contratación y ordenación de 30 trabajadores conforme a su color de piel [Contratación e ordenación de 30 traballadores conforme á cor da súa pel], Kunsthalle Wien, Viena, Austria
3.000 huecos de 180 x 50 x 50 cm cada uno [3.000 ocos de 180 x 70 x 70 cm cada un], Montenmedio Arte Contemporáneo, Vejer de la Frontera, Cádiz
2 maraqueros [2 maraqueiros], Galería Enrique Guerrero, Cidade de México, México
2001 20 trabajadores en la bodega de un barco. 3 intervenciones urbanas [20 traballadores na bodega dun barco. 3 intervencións urbanas], Barcelona Art Report 2001, Barcelona
2000 Trabajadores que no pueden ser pagados, remunerados para permanecer en el interior de cajas de cartón [Traballadores que non poden ser pagados, remunerados para permanecer no interior de caixas de cartón], Kunst-Werke, Berlín, Alemaña
Persona remunerada durante una jornada de 360 horas continuas [Persoa remunerada durante unha xornada de 360 horas continuas], P.S.1 Contemporary Art Center, Nova York, Estados Unidos

Texto curatorial

‘Podo tomar calquera espazo baleiro e chamalo un escenario espido. Un home camiña por este espazo baleiro mentres outro o observa, e isto é todo o que se necesita para realizar un acto teatral'.
Peter Brook, El espacio vacío [O espazo baleiro]

"Así empeza Peter Brook O espazo baleiro, e así atopouse tamén Santiago Sierra un espazo baleiro, un museo baleiro para que empecen a saír os actores a escena, neste caso os traballadores que instalarán as pezas que conformen a exposición e que poderán ser observados polo público mentres fan o seu traballo, mentres realizan a súa acción laboral. O resultado desa acción será a primeira mostra individual realizada no MARCO e que poderá visitarse ata finais do mes de setembro. A exposición titulada Instalación de 54 tetrápodos de cemento para escollera y un epílogo sobre la sensibilidad policial y obrera [Instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique e un epílogo sobre a sensibilidade policial e obreira] é un dos proxectos máis ambiciosos que o artista presentou en España.

Moito escribiuse sobre a obra de Santiago Sierra nos útimos anos, e ‘serialización' e ‘minimalismo' son dous dos termos aos que a crítica recorreu a miúdo para falar do seu traballo. Dende as súas primeiras pezas con colectores e formas xeométricas elementais Sierra supera, non obstante, a herdanza dunha arte minimal que asume nos seus postulados formais pero que cuestiona constantemente no que respecta ao reducionismo conceptual e ao contido semántico. Durante todos estes anos o artista desenvolveu un dos corpos de traballo máis sólidos do panorama internacional, e fíxoo dende a coherencia cara ao seu propio método.

Hai dez anos, en 1999, presentaba en Os Ánxeles a obra titulada 24 bloques de concreto movidos constantemente durante una jornada por obreros remunerados [24 bloques de concreto movidos constantemente durante unha xornada por obreiros remunerados], unha das intervencións que mellor resumen os intereses do artista e que máis se achegan á nova peza creada para o MARCO: Instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique. En ambas as dúas atópase un obxecto de fabricación industrial e a acción de retribuír persoas por realizar un traballo físico. Despois desa xornada na que os obreiros movían os bloques polos espazos da galería, o resultado quedaba exposto ao público durante o período de exposición coas marcas producidas no chan da galería e os restos deixados polos obreiros.

Na proposta que se presenta no MARCO e que ocupa todos os espazos de exposición da planta baixa, os elementos utilizados son tetrápodos, pezas de formigón cun corpo central do que saen catro patas troncocónicas que forman ángulos de 120º entre si, utilizados como bloques de dique en dique e que pola súa forma se ensamblan entre eles ao xirar sobre si mesmos, como pezas de Tetris, conseguindo así unha maior resistencia á ondada que outros modelos prefabricados de formigón. Durante os tres días nos que os traballadores van situando os tetrápodos nas salas de exposición, ao público négaselle entrar ás salas onde propiamente terá lugar a exposición -recurso utilizado polo artista noutras ocasións- pero é invitado a ver como traballan dende a planta superior do museo, no mesmo horario dos traballadores.

De forma intencionada, antes do comezo da acción as salas non foron reparadas tras a desmontaxe da exposición anterior, deixando á vista restos de obras doutros artistas (paredes pintadas, cables, buratos...), e os lugares vense despoxados de todos os engadidos que se foron acumulando ao longo dos anos nas salas do museo, exposición tras exposición -muros de pladur, remendos, engadidos, falsos teitos, mesmo iluminación artificial- para aparecer por primeira vez tal como foran pensadas orixinalmente polos arquitectos, permitindo a circulación por algunhas das salas ata agora inéditas, que se tapiaran para a exposición inaugural do MARCO e que nunca foran abertas. Todos estes elementos non se retiraron senón que quedaron apoiados nos muros ou esparexidos polo chan das salas esperando a instalación dos tetrápodos. Todo o chan se cubriu de plástico branco para unificar visualmente o espazo, evitando a visión dos diferentes pavimentos de madeira, granito e mármore. Jeremy Bentham, o ideólogo da arquitectura panóptica, recomendaba que ‘...o chan das celas se é de pedra ou de ladrillo debe estar cuberto por unha capa de xeso para que non tendo intersticios non encubra inmundicias nin principios de enfermidades...'. Neste caso será o plástico branco o que recolla toda a sucidade acumulada durante os meses que dure a exposición, xa que as salas non se limparán e sobre o plástico quedarán as pegadas dos visitantes.

A repetición da forma, un obxecto industrial fabricado en serie, e a súa colocación nun contexto artístico introducen as coordenadas duchampianas do ready-made, pero resulta ser unha perversión daquelas afirmacións cando engadimos a lectura principal que posúen as obras de Serra ao descubrir a dimensión social do acto performativo. A obra de Santiago Sierra está moi lonxe de Duchamp, e é dunha amplitude que só se aprecia no conxunto da súa traxectoria. O xogo coa palabra, os acenos á semiótica, a ausencia de cor co uso do branco e negro, a repetición, a explicación literal das obras nos seus títulos descritivos, estruturan un corpus de traballo que atopa na condición procesual das accións a parte fundamental da obra ou a obra propiamente dita.
O voyeurismo do espectador, que presenza a acción dende un punto de vista establecido previamente, anímanos a evocar unha vez máis ao Duchamp dos Étant donnés, un assemblage só visible a través duns pequenos orificios furados nunha porta de madeira. Nas accións planificadas por Sierra, o desprazamento dos obxectos convértese na obra, no momento concreto definido polo artista.

Recentemente presentou na Galería Helga de Alvear de Madrid Los penetrados [Os penetrados], unha das obras quizais máis complexas de Santiago Sierra, un vídeo en oito actos que mostra a homes e mulleres contratados de raza branca e de raza negra, mostrando todas as combinacións posibles de penetración anal entre eles. A proxección incidía na repetición dun acto cun coidado formal sorprendente e nada arbitrario. O sórdido da acción camúflase nunha coreografía que nos abstrae da connotación pornográfica ao mostrarnos as parellas copulando nun plano fixo, sen son e en branco e negro, reducíndoas a formas case xeométricas en movemento. A proxección ía acompañada dunha serie de fotografías da acción realizadas dende arriba, do mesmo modo que rexistrará a colocación dos tetrápodos nas salas do MARCO dende o mesmo punto de vista dende o que o público asistirá á acción. Se en Los penetrados a acción era privada, no MARCO faise pública.
A combinación de formas xeométricas e a contratación de traballadores sérvenos de exemplo para ilustrar o respecto cara ao máis puro minimalismo e a connotación social que posúen todos os seus traballos. É quizais 111 construcciones hechas con 10 módulos y 10 trabajadores [111 construcións feitas con 10 módulos e 10 traballadores], presentada na Galerie Peter Kilchmann de Zúric en 2004, o referente máis próximo formalmente. A esta lectura, debemos engadir a que pon en solfa as relacións de poder establecidas, volvendo sobre a estrutura piramidal, a marxinación e os prexuízos culturais. Na documentación de Los penetrados obsérvase como, en función das razas e as combinacións, hai máis ou menos persoas dispostas a ser contratadas para realizar ou non determinados roles sexuais.

Son moi coñecidas as pezas de Santiago Sierra nas que as persoas son retribuídas a cambio dun traballo específico determinado polo artista, sexan prostitutas, indixentes ou sen papeis. No MARCO, a forza do traballo dos operarios encargados de desprazar os 54 tetrápodos de cemento, contratados por unha empresa que habitualmente realiza este tipo de traballos, posúe un valor de cambio determinado pola lei da oferta e a demanda. Aquí estase a falar do traballo nun sistema de produción de mercadorías, fronte a outras pezas nas que o que se cuestiona é o tipo de traballo que se retribúe ou quen o realiza, preferiblemente traballadores en precario.

Na súa intervención no MARCO, son os traballadores os que se mostran ante a audiencia, que é invitada a presenciar a acción. O espectador participa, como voyeur, pero agora establecendo un xogo de relacións coa planta panóptica do museo, recordando o seu pasado como prisión. Mentres observamos o desenvolvemento da acción dende a planta superior do museo, asumimos as funcións de vixilante para, inconscientemente, comprobar que se cumpre coa vontade do poder. ‘É máis rendible vixiar que castigar' escribiu Foucault; unha vixilancia que facilita o panóptico e que Sierra ten en conta cando determina a situación dos 54 tetrápodos, seguindo a disposición radial das salas do edificio. É o público ocioso o que vixía os traballadores e quen pode opinar sobre o modo en que están a realizar o seu traballo, como en calquera escena na rúa en que os obreiros son observados polos transeúntes. Estes traballadores foron contratados polo museo para montar unha exposición cunhas instrucións determinadas, pero é a empresa -e non o artista nin o museo- a que determinou cantos días, en que quendas de traballo e cantos traballadores eran necesarios para distribuír os tetrápodos polo espazo nunha disposición previamente acordada entre o artista e o museo. Tamén teñen instrucións de non recoller nin limpar os restos do seu traballo nin as pegadas que se produzan no chan durante o movemento e manipulación dos tetrápodos polas salas de exposición.

A acción desenvólvese en datas previas ao Primeiro de Maio, día no que se presenta ao público o resultado. Non é casual que o artista escollera o Día Internacional dos Traballadores para mostrar o resultado, como xesto de respecto cara ás estruturas sindicais que se manifestan ese día por todo o mundo dende a súa implantación no Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional (París, 1889). Xa en 2003 utilizara a data do 1 de maio cando documentou, sen público, a obra Mujer con capirote sentada de cara a la pared [Muller con caparucho sentada de cara á parede], no Pavillón español da Bienal de Venecia, unha iconografía que remite ao castigo, á imaxe do verdugo ou ao traballo como penitencia, herdanza directa da opresión moral imposta pola igrexa católica española.

Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos é unha obra que funciona como epílogo, pechando o proceso e ao mesmo tempo prolongándoo no tempo. Durante un ano cederase o salón de actos do MARCO -espazo no que habitualmente se realizan as roldas de prensa, conferencias, concertos, cursos, proxeccións e mesmo presentacións de produtos comerciais- á Policía Nacional para mostrar os decomisos ou os alixos decomisados na cidade. Estas presentacións realizaranse por sorpresa; aquí o artista non pretende modificar os tempos nin o modo en que a Policía Nacional mostra habitualmente os produtos decomisados, recoñecendo a sensibilidade policial ao colocar os obxectos (drogas, falsificacións de roupa ou de documentos, copias de discos, etc.) do mesmo modo en que ordenamos nos museos as obras nunha vitrina ou sobre unha peaña.

Estas presentacións serán fotografadas polo artista e terán como resultado un arquivo da actividade policial na cidade durante o período dun ano. Non é casual que este proceso se leve a cabo no MARCO, un edificio que antes que museo foi ademais de cárcere sede dos xulgados, co que non resulta de todo estraño que sexan agora as forzas da orde as que vaian mostrar as probas do delito nas nosas instalacións. O persoal de comunicación, exposicións, montaxe e seguridade do museo colaborará cos departamentos correspondentes da Policía Nacional para realizar esta serie fotográfica que dependerá directamente da actividade policial durante este período dun ano.

Como segundo epílogo do proxecto, o Primeiro de Maio, coincidindo coa inauguración da exposición, exhíbese no salón de actos un vídeo atopado na rede, da conferencia impartida por José Luis Velasco hai aproximadamente un ano baixo o título ‘Para os traballadores sempre hai Crise'".

Iñaki Martínez Antelo
Comisario da exposición

 

Texto artista

INSTALACIÓN DE 54 TETRÁPODOS DE CEMENTO PARA DIQUE E UN EPÍLOGO SOBRE A SENSIBILIDADE POLICIAL E OBREIRA

INSTALACIÓN DE 54 TETRÁPODOS DE CEMENTO PARA DIQUE
Antigo edificio dos Xulgados e do Cárcere de Vigo, España. Abril 2009
Para este traballo foron empregados tetrápodos de cemento para dique. Estes elementos foron utilizados debido á facilidade da súa ensamblaxe e ao xeito en que "naturalmente" se enganchan entre si formando fortes barreiras de contención das augas nos diques. Sobre os eixes radiais da antiga prisión reconvertida en museo, instalamos os tetrápodos a distancias equidistantes con respecto aos eixes partindo do centro marcado baixo a cúpula. Tamén foron colocados nos lugares onde o espazo se abre en abano, tanto nos antigos patios coma nas antigas galerías. Nestes últimos lugares máis abertos actuamos sobre os sub-eixes converxentes co mesmo ritmo de colocación que nos eixes principais. O número de tetrápodos foi determinado pola dimensión na que finalmente puidemos obtelos; a maior tamaño menos elementos e á inversa. En xeral buscaremos encher o espazo sen sobrecarga de obxectos. Pretendemos dar unha sensación de orde que unifique visualmente o espazo, para que no público quede marcada a estrutura orixinal do edificio, habitualmente supeditada ás necesidades expositivas.

Antes de instalar estes módulos cubrimos o chan con plástico branco groso do comunmente empregado en obras, coa dobre función de protexer o piso e de unificalo, xa que nuns casos o chan é de pedra e noutros de madeira. Retiramos todos os elementos arquitectónicos temporais das salas -paredes falsas de xeso e similares- a obxecto de espir as salas e resaltar a súa disposición orixinal. Deixamos estes elementos en sala xunto ás paredes remarcando que a retirada de elementos foi efectivamente realizada pero procurando que non molesten a disposición xeral dos tetrápodos.

Dende que comezaron as tarefas de instalación ata a clausura da mostra as salas non haberán de ser limpadas, considerando que os restos da actividade laboral constatan o feito de que esta se produciu.

Esta proposta será exhibida en dous momentos: montaxe e exhibición. Baixo o anuncio de "Acción laboral" convocamos o público para asistir á montaxe dende a planta superior. Reproducindo a relación garda-preso como espectador-traballador, o público ocupará o espazo destinado orixinalmente á vixilancia dos reos, polo que retiraremos os elementos que impiden esa visibilidade dende a planta superior. A planta baixa onde se realizarán os traballos estará pechada e a salvo de público. Nada debe molestar aos traballadores durante o proceso de montaxe.

1º EPÍLOGO
CESIÓN DO ESPAZO EXPOSITIVO Á AUTORIDADE PARA O ANUNCIO E MOSTRA DE DECOMISOS
Antigo edificio dos Xulgados e do Cárcere de Vigo, España. Maio 2009 - maio 2010
Cesión durante un ano do salón de actos do museo á Policía Nacional para que mostre os decomisos que normalmente realizan do xeito en que normalmente os realizan. Referímonos a calquera tipo de decomisos, dende armas a roupa falsa, dende drogas a documentos falsificados. Será unha simple cesión do espazo, en ningún caso se pretenderá variar o modo en que anuncien ou mostren os decomisos. Tampouco se deberá exhibir o material máis tempo do que sexa necesario. O museo ofrecerá toda a súa colaboración en facilitarlles os elementos necesarios de exhibición, como mesas ou luces ou a infraestrutura necesaria para acoller a prensa. A cambio a autoridade permitirame fotografar cada decomiso en apropiación conceptual. A cesión anual non suporá unha mingua das actividades no salón de actos. Supoñemos que os devanditos decomisos que haberán de acontecer por sorpresa permanecerán por un breve espazo de tempo. Non obstante o museo deberá ter a mesma axilidade na desmontaxe e montaxe de lendas ou outros elementos que estorben á autoridade.

2º EPÍLOGO
TRADUCIÓN DUNHA CHARLA
Antigo edificio dos Xulgados e do Cárcere de Vigo, España. Primeiro de maio de 2009
Charla de José Luis Velasco baixo o título "PARA OS TRABALLADORES SEMPRE HAI CRISE"
DVD vídeo, b/n, 80'

Santiago Sierra

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.

Actividades

Santiago Sierra: 1º Alixo Policial no MARCO

Santiago Sierra: 1º Alixo Policial no MARCO

Datas: 
14 maio 2009 - 16 maio 2009
Horario: 
11.00 a 21.00
Lugar: 
Salón de actos

Dende o 1 de maio, data de inauguración da exposición de Santiago Sierra no MARCO, comisariada polo seu director, Iñaki Martínez Antelo, os espazos do que fora antiga prisión e xulgados se viron transformados coa instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique polas salas da planta baixa. Tanto a propia forma dos tetrápodos como a súa disposición en liñas converxentes actúan como reflexo da estrutura panóptica radial do edificio.

O ‘Epílogo sobre a sensibilidade policial', titulado ‘Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos', que forma parte do proxecto deste artista no MARCO, está tamén en relación co pasado do edificio como cárcere e xulgados de Vigo. Con esta proposta de Santiago Sierra, o museo cede o espazo do salón de actos á Policía Nacional para anunciar e mostrar os alixos incautados durante un ano na cidade. Máis aló dos vínculos históricos coa actividade do edificio que hoxe acolle o MARCO, o artista pretende establecer un paralelo formal, recoñecendo a sensibilidade policial á hora de clasificar e exhibir os obxectos decomisados dun modo similar ao que os museos mostran habitualmente as obras de arte nos espazos expositivos. Estas presentacións serán fotografadas polo artista, como apropiación, para facer un arquivo da actividade policial durante un ano na nosa cidade.

"1º EPÍLOGO

Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos
Antigo edificio dos Xulgados e do Cárcere de Vigo, España. Maio 2009 - maio 2010

Cesión durante un ano do salón de actos do museo á Policía Nacional para que mostre os decomisos que normalmente realizan do xeito en que normalmente os realizan. Referímonos a calquera tipo de decomisos, dende armas a roupa falsa, dende drogas a documentos falsificados. Será unha simple cesión do espazo, en ningún caso se pretenderá variar o modo en que anuncien ou mostren os decomisos. Tampouco se deberá exhibir o material máis tempo do que sexa necesario. O museo ofrecerá toda a súa colaboración en facilitarlles os elementos necesarios de exhibición, como mesas ou luces ou a infraestrutura necesaria para acoller a prensa. A cambio a autoridade permitirame fotografar cada decomiso en apropiación conceptual. A cesión anual non suporá unha mingua das actividades no salón de actos. Supoñemos que os devanditos decomisos que haberán de acontecer por sorpresa permanecerán por un breve espazo de tempo. Non obstante o museo deberá ter a mesma axilidade na desmontaxe e montaxe de lendas ou outros elementos que estorben á autoridade."

A presentación do primeiro decomiso tivo lugar hoxe xoves 14 de maio ás 12.00, cunha rolda de prensa na que representantes da autoridade policial presentan un conxunto de armas incautadas pola Policía Nacional de Vigo, clasificadas en: armas longas; armas simuladas longas; armas simuladas curtas; utensilios para roubos con forza; gases e bengalas; armas brancas; artes marciais e puños americanos; catanas e armas brandas de grande dimensión; e armas contundentes.

Unha vez presentado, o decomiso quedará exposto no salón de actos do MARCO, aberto ao público, durante toda a fin de semana, dende o venres 15 ata o domingo 17 de maio, no horario habitual de apertura de 11.00 a 21.00.