rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Santiago Sierra: 1º Alixo Policial no MARCO

Santiago Sierra: 1º Alixo Policial no MARCO

Datas: 
14 maio 2009 - 16 maio 2009
Horario: 
11.00 a 21.00
Lugar: 
Salón de actos

Dende o 1 de maio, data de inauguración da exposición de Santiago Sierra no MARCO, comisariada polo seu director, Iñaki Martínez Antelo, os espazos do que fora antiga prisión e xulgados se viron transformados coa instalación de 54 tetrápodos de cemento para dique polas salas da planta baixa. Tanto a propia forma dos tetrápodos como a súa disposición en liñas converxentes actúan como reflexo da estrutura panóptica radial do edificio.

O ‘Epílogo sobre a sensibilidade policial', titulado ‘Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos', que forma parte do proxecto deste artista no MARCO, está tamén en relación co pasado do edificio como cárcere e xulgados de Vigo. Con esta proposta de Santiago Sierra, o museo cede o espazo do salón de actos á Policía Nacional para anunciar e mostrar os alixos incautados durante un ano na cidade. Máis aló dos vínculos históricos coa actividade do edificio que hoxe acolle o MARCO, o artista pretende establecer un paralelo formal, recoñecendo a sensibilidade policial á hora de clasificar e exhibir os obxectos decomisados dun modo similar ao que os museos mostran habitualmente as obras de arte nos espazos expositivos. Estas presentacións serán fotografadas polo artista, como apropiación, para facer un arquivo da actividade policial durante un ano na nosa cidade.

"1º EPÍLOGO

Cesión do espazo expositivo á autoridade para o anuncio e mostra de decomisos
Antigo edificio dos Xulgados e do Cárcere de Vigo, España. Maio 2009 - maio 2010

Cesión durante un ano do salón de actos do museo á Policía Nacional para que mostre os decomisos que normalmente realizan do xeito en que normalmente os realizan. Referímonos a calquera tipo de decomisos, dende armas a roupa falsa, dende drogas a documentos falsificados. Será unha simple cesión do espazo, en ningún caso se pretenderá variar o modo en que anuncien ou mostren os decomisos. Tampouco se deberá exhibir o material máis tempo do que sexa necesario. O museo ofrecerá toda a súa colaboración en facilitarlles os elementos necesarios de exhibición, como mesas ou luces ou a infraestrutura necesaria para acoller a prensa. A cambio a autoridade permitirame fotografar cada decomiso en apropiación conceptual. A cesión anual non suporá unha mingua das actividades no salón de actos. Supoñemos que os devanditos decomisos que haberán de acontecer por sorpresa permanecerán por un breve espazo de tempo. Non obstante o museo deberá ter a mesma axilidade na desmontaxe e montaxe de lendas ou outros elementos que estorben á autoridade."

A presentación do primeiro decomiso tivo lugar hoxe xoves 14 de maio ás 12.00, cunha rolda de prensa na que representantes da autoridade policial presentan un conxunto de armas incautadas pola Policía Nacional de Vigo, clasificadas en: armas longas; armas simuladas longas; armas simuladas curtas; utensilios para roubos con forza; gases e bengalas; armas brancas; artes marciais e puños americanos; catanas e armas brandas de grande dimensión; e armas contundentes.

Unha vez presentado, o decomiso quedará exposto no salón de actos do MARCO, aberto ao público, durante toda a fin de semana, dende o venres 15 ata o domingo 17 de maio, no horario habitual de apertura de 11.00 a 21.00.