rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Martin Arnold. Self Control, 2011
Meris Angioletti. Le Songe Vert – Variation 2, 2014
Guy Ben Ner. Soundtrack, 2013
Manon de Boer. Presto. Perfect Sound, 2006
Tony Conrad. Yellow TV’s, 1973
Douglas Gordon. Feature Film, 1999
Annika Larsson. Animal (in 14 Movements), 2012
Dóra Maurer. Kalah, 1980
Jacopo Miliani. Profondo Rosso – Cinema d’ascolto, 2014
Lis Rhodes. Dresden Dynamo, 1974
Diego Santomé. Cinematógrafo (7 metros 30 centímetros), 2010-2014
ZimmerFrei. Muddy Water, 2009

SCORE. O espazo entre imaxe e son

Ficha

Datas: 
11 xullo 2014 - 11 xaneiro 2015
Lugar: 
Planta baixa
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30. Pechado os luns
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Sarra Brill
Comisariado: 
Anna Cestelli Guidi


SCORE
é unha mostra de produción propia que aborda a relación entre imaxe e son. Dende o cinema experimental a obras conceptuais baseadas no cinema narrativo, e traballos que prestan especial atención á gramática do son e da imaxe en movemento, esta mostra reúne un conxunto de obras de 18 artistas de distintas xeracións, dende os anos setenta ata a actualidade.

Meris Angioletti (Bérgamo, Italia, 1977; vive e traballa en París e Milán)

Martin Arnold (Viena, Austria, 1959; vive e traballa en Viena)

Eugènia Balcells & Eugeni Bonet (Barcelona, 1943; vive e traballa en Nova York e Barcelona / Barcelona, 1954; vive e traballa en Barcelona)

Guy Ben Ner (Ramat Gan, Israel, 1969; vive e traballa en Tel Aviv)

Manon de Boer (Kodaicanal, India, 1966. Artista neerlandesa, vive e traballa en Bruxelas)

Tony Conrad (New Hampshire, Estados Unidos, 1940; vive e traballa en Nova York)

Keren Cytter (Tel Aviv, Israel, 1977; vive e traballa en Nova York)

Anna Franceschini (Pavía, Italia, 1979; vive e traballa en Roma)

Douglas Gordon (Glasgow, Reino Unido, 1966; vive e traballa en Berlín e Glasgow)

Ragnar Kjartansson (Reykjavík, Islandia, 1976; vive e traballa en Reykjavík)

Annika Larsson (Estocolmo, Suecia, 1972; vive e traballa en Berlín)

Christian Marclay (San Rafael, California, EUA, 1955; vive e traballa en Nova York e Londres)

Dóra Maurer (Budapest, Hungría, 1937; vive e traballa en Budapest)

Jacopo Miliani (Florencia, Italia, 1979; vive e traballa en Milán)

Lis Rhodes (Londres, Reino Unido, 1942; vive e traballa en Londres)

Manuel Saiz (Logroño, 1961; vive e traballa en Berlín)

Diego Santomé (Vigo, 1966; vive e traballa en Nigrán, Pontevedra)

ZimmerFrei (colectivo de artistas fundado en Bolonia, Italia, en 2000. Con sede en Bolonia e en Bruxelas)
[Massimo Carozzi (1967, Massa, Italia), Anna de Manincor (1972, Trento, Italia), Anna Rispoli (1974, Bassano del Grappa, Italia)]

ACTIVIDADES PARALELAS


EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA E DIXITAL
‘SCORE. O espazo entre imaxe e son’

Selección de catálogos individuais e colectivos sobre os artistas presentes na mostra e outras publicacións relacionadas sobre arte, imaxe e son. Compleméntase con documentación dixital sobre a presenza dos artistas participantes en web, con selección de artigos, vídeos e outros materiais de interese.

  • Datas: do 11 de xullo de 2014 ao 11 de xaneiro de 2015
  • Lugar: Biblioteca-Centro de documentación (1º andar)
  • + info: descarga dossier dixital

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


SCORE
é un proxecto expositivo que xoga con diferentes significados do termo score como medio para navegar a través dunha serie de obras de cinema, vídeo, e instalacións. Esta mostra pretende dirixir a fascinación polo son e a arte sonora cara ao contexto da imaxe en movemento. Tomar o termo score como marco físico, conceptual e estrutural, axúdanos a observar os fins aparentemente dispares da produción artística no cinema e no vídeo, e o xeito en que estas obras abordan a relación entre imaxe e son.

A relación entre artes visuais e narración, que inspirou e caracterizou en gran medida as obras de cinema e vídeo das dúas últimas décadas, deu paso a un interese pola cuarta dimensión: o tempo. Este desprazamento pode axudar a explicar un papel máis ambiguo do son como expresión temporal nas artes visuais, unha maior atención ao concepto de score na imaxe contemporánea en movemento, e un renovado interese polos traballos históricos.

Os múltiples significados da palabra —score como corte ou rabuño, como banda sonora, e como partitura musical— permiten xustapoñer diversas prácticas artísticas que, dentro do extenso ámbito do cinema, se centran nas relacións entre imaxe e son. O xesto de cortar ou rabuñar está presente nunha morea de formas do cinema experimental —onde o celuloide é manipulado fisicamente— así como no esencial proceso de montaxe, mentres que a idea de score como partitura musical nos pon en relación coa nosa experiencia do cinema e a nosa comprensión da banda sonora: diálogo, son e música.

Fronte ao hábito de considerar imaxe e son como un todo orgánico, as obras presentes nesta exposición poden ser observadas en relación co que Michel Chion denomina “contrato audiovisual”, no que ambas as dúas percepcións —visual e auditiva— están en constante negociación. SCORE presenta un conxunto de instalacións, películas e vídeos que xiran en torno ás distintas acepcións deste termo, dende o cinema máis experimental a obras conceptuais baseadas no cinema narrativo, e traballos que prestan especial atención á gramática do son e da imaxe en movemento.

Texto curatorial


Score
Entre a imaxe e o son

Esta exposición —que non pretende ser enciclopédica, histórica, nin tampouco o correlato visual dunha formulación teórica— constrúese en torno a diversas obras que dialogan sobre prácticas artísticas relacionadas co son e a imaxe en movemento. Trátase dunha composición de límites difusos, de fraseos e variacións, un ámbito libre e interdisciplinar no que son e imaxe se atopan e na que artistas, cineastas e músicos de disciplinas totalmente diferentes producen obras cuxos ecos, tons e notas resoan internamente, e tamén entre si. O título da mostra, SCORE, saca partido das diversas acepcións deste termo como medio para articular diversas prácticas artísticas, e redirixir a fascinación actual polo son cara á relación entre imaxe e son. A palabra score denota tamén o modo en que as obras se distribúen e relacionan entre si. SCORE convértese na idea que compón a exposición, así como no mecanismo lingüístico que describe o seu propio contido.

Somos cada vez máis conscientes da relación entre compoñentes visuais e sonoros nas obras de imaxes en movemento. Exposicións e publicacións recentes puxeron de relevo o uso do son no contexto das artes visuais. Á hora de articular a ontoloxía da arte sonora, normalmente buscamos paralelismos, volvendo a mirada cara a outras formas de arte. Son e imaxe en movemento teñen similitudes estruturais, e a máis importante é que ambos os dous medios están baseados no tempo, nunha dimensión temporal. As prácticas relacionadas co son e a imaxe en movemento dominaron a produción cultural do século XX, como fonte inesgotable de cinema, música e outros medios de cultura de masas, e os seus equivalentes vangardistas, fringe e underground. Ademais, hoxe en día a omnipresencia de dispositivos móbiles e redes dixitais trouxo consigo un fluxo constante destes medios, que inundan a nosa vida cotiá.

O campo do filme experimental, e o máis amplo do cinema experimental, precursor da videoarte e da denominación global máis recente de imaxe en movemento, están cheos de exemplos de como utilizar a propia cinta da película como instrumento en si mesma. Isto reflíctese nun grande abano formal, que vai dende o resgado do celuloide ata a aplicación poética de procesos pictóricos sobre a película, pasando polo cinema estruturalista, entre moitos outros. Estes antecedentes artísticos traen a colación outro significado da palabra score — como “rabuño”, “corte” ou “incisión”— para referirnos a obras que xorden deste canon.

Tony Conrad, cineasta, artista, compositor, músico e performer, realizou a instalación Yellow TV’s (1973) para crear películas e formas fílmicas de duración indefinida, indo máis alá dos seus experimentos anteriores no cinema estruturalista. Conrad crea un espazo meditativo mediante a presenza dun son eléctrico continuo producido pola amplificación da mesma fonte lumínica que mantén en funcionamento os paneis de “televisión”, consistentes en pinturas sensibles á luz. Este uso do material pictórico en Yellow TV’s pódese observar tamén na obra experimental de Lis Rhodes —o filme de 16 mm Dresden Dynamo (1974)— e na instalación de Meris Angioletti Le Songe Vert. Variation 2 (2014). Ambas as dúas traballan manipulando o celuloide. A colorida abstracción de raias, puntos e rombos de cor vermella e azul que bailan pola pantalla está copiada sobre a banda sonora óptica do filme, creando un xogo entre son e imaxe que ten a súa tradución literal na frase “o que ves é o que oes” (e viceversa). Meris Angioletti manipula as propias diapositivas, mesturando xelatinas de cores para crear unha multiproxección, unha orquestración de abstraccións, cor e luz.

Outras tendencias do cinema experimental, como found footage (metraxe atopada), samplings e técnicas de reapropiación, son similares ás da videoarte, o que tamén axuda a situar parte das obras presentes na exposición. O material procede de vinilos antigos, películas de Hollywood, animacións, obras de arte cinematográficas e películas de culto. Na súa obra máis recente en vídeo, Martin Arnold aprópiase de debuxos animados norteamericanos, eliminando todo rastro de imaxe que permita unha continuidade narrativa, e utiliza os seus movementos abstractos e formas desencaixadas como notas nun teclado ou elementos de percusión nunha batería. Os fotogramas do vídeo de Arnold convértense así nunha paleta visual e sónica de ruídos e sons rítmicos e harmoniosos. A hipnótica obra de Christian Marclay —titulada ironicamente Looking for Love (“Buscando o amor”) 2008— consiste nunha gravación de media hora na que o artista, movendo erraticamente a agulla dun tocadiscos, busca literalmente a palabra “amor” en vellos vinilos dos anos cincuenta e sesenta. Neste caso, os sucos do disco teñen unha analoxía directa coa palabra score. Pola súa parte, en Soundtrack (2012), Guy Ben Ner utiliza como readymade un fragmento de once minutos do audio de A guerra dos mundos (2005), de Steven Spielberg, e dobra a banda sonora con imaxes que reinterpretan a acción, nunha gravación do artista cos seus fillos na súa propia cociña. No filme experimental 133 (1979), Eugènia Balcells e Eugeni Bonet vinculan clips de found footage cunha gravación sonora en vinilo que acharon casualmente, reconectando deste modo imaxe e son.

A impactante instalación de Douglas Gordon, Feature Film (1999), utiliza o filme Vértigo, obra mestra de Alfred Hitchcock, como punto de partida para a súa propia película. Gordon pon en escena a banda sonora orixinal de Bernard Hermann, pero mostrando só ao director de orquestra. Inverte así a diexénere ou desenvolvemento narrativo, de modo que banda sonora e película se fusionan nunha única entidade. Jacopo Miliani crea unha experiencia integramente auditiva ao apropiarse da banda sonora de Profondo Rosso (Vermello escuro), o icónico filme de terror de Dario Argento, presentándoa como un experimento de cinéma pour l’oreille para analizar o potencial do audio sobre a imaxe.

Boa parte das obras na exposición resístense a unha definición categórica, e xiran en torno ao concepto de score a través de tendencias poéticas, técnicas, ou procesos de investigación. O filme estruturalista Kalah (1980), de Dóra Maurer, realizado en colaboración co músico Zoltán Jeney, está construído como un contrapunto de formas abstractas e música. Na obra Presto, Perfect Sound (2006), Manon De Boer corta a imaxe dunha gravación dunha sonata de Bartók para violín e adáptaa ao son preeditado, xogando a inverter o tradicional dominio da imaxe sobre o son no cinema. Na instalación titulada God (2007), de Ragnar Kjartansson, o imperfecto “bucle humano” da voz difire da perfección lineal do dispositivo de gravación. Dentro das salas, as imaxes dos intérpretes de ambas as dúas obras resoan entre si, e co director de orquestra no filme de Gordon, como unha espectral orquestra de músicos que nunca coinciden no tempo.

A dobre instalación de Annika Larsson, composta por Animal (in 14 Movements), e A Score for Animal (2012), leva o diálogo de Score máis alá da imaxe proxectada. Larsson engade as súas propias achegas musicais a un enigmático retrato fílmico de persoas disfrazadas de animais antropomórficos, e crea unha abstracta banda sonora de imaxes e textos como potencial banda sonora do filme. En Rose Garden (2014), Keren Cytter xoga coas posibilidades acústicas da estrutura narrativa como vía para converter o diálogo en notas, acordes e complexos arranxos de xogos de palabras multifónicos, con resultados desorientadores.

As obras poéticas, escultóricas e reflexivas de Anna Franceschini, ZimmerFrei e Diego Santomé ofrecen unha reflexión acerca do son mecánico dos dispositivos de proxección. En Nothing Is More Mysterious. A Fact That Is Well Explained, de Anna Franceschini, o movemento circular da cámara ten unha musicalidade propia que nos remite ás gravacións de Marclay, e o scroll vertical do papel perforado da pianola recorda a unha cinta de película incorpórea no espazo. Pola contra, os visores en 3D de ZimmerFrei conxelan a imaxe en movemento e estenden o espazo temporal a través da composición sonora. En Cinematógrafo (7 metros 30 centímetros), de Diego Santomé, a imaxe proxectada é a do propio proxector, e o son é tan só o suave tic da maquinaria, o que nos leva de novo á afirmación de Lis Rhodes sobre o seu propio traballo: “o que ves é o que oes”.

En Specialized Technicians Required: Being Luis Porcar (2005), Manuel Saiz aborda de forma paradoxal as dimensións do cinema e a arte contemporánea, nunha obra na que imaxe e son sincronizado nunca se atopan, devolvendo así o protagonismo a un dos temas centrais de SCORE.

A través das súas afinidades e diverxencias, as obras resoan entre si e constrúen unha xeometría inesperada de relacións que estrutura a propia exposición como unha partitura, na que o ritmo e os tons de imaxe e son sacan á luz todo o potencial da arquitectura panóptica do MARCO.


Sarra Brill e Anna Cestelli Guidi, comisarias da exposición

Comisariado

Sarra Brill


Sarra Brill
é unha cineasta e comisaria de cinema estadounidense afincada en Roma dende o ano 2003. O seu traballo comprende instalacións de cinema e vídeo e a mediación do vídeo nos eventos artísticos en directo. Tanto a súa práctica artística como a súa traxectoria curatorial céntranse no modo no que as convencións do cinema e a súa cultura se descodifican no contexto da arte contemporánea. As súas investigacións afondan nas disparidades e as similitudes entre o cinema e o vídeo de galería con respecto ao cinema experimental. En 2005, cofundou "Open Video Projects", unha ecléctica colección de películas e vídeos de artista, e segue comisariando programas de vídeo para espazos de arte contemporáneo por Italia e Europa. Na actualidade traballa nun documental de longa duración sobre o artista Poul Gernes.

Anna Cestelli Guidi


Anna Cestelli Guidi
formouse como historiadora da arte en Roma e Berlín, e especializouse na transformación da teoría, a práctica expositiva e as estruturas museolóxicas das décadas de 1960 e 1970. En 1997 publicou un traballo sobre documenta, La documenta di Kassel. Percorsi dell'arte contemporanea, que segue sendo o único traballo de investigación histórica sobre a exposición escrito en italiano. Traballou en varias institucións españolas, entre as que destacan o CGAC de Santiago de Compostela, o MACBA e a Fundació Metrònom de Barcelona. Dende 2005 é directora do programa de artes visuais na Fondazione Musica per Roma, Auditorium de Roma. Creou o proxecto "Fluxus Biennial" (2010-2011) e comisariou as series de performances e concertos que acompañaban o ciclo de exposicións. Ademais das numerosas exposicións que ten comisariado no Auditorium, puxo en marcha o proxecto Sound Corner, que se leva a cabo unha vez ao mes, así como o programa de exposicións One Space/One Sound, de periodicidade anual.