rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Suso Fandiño

Suso Fandiño

Ficha

Datas: 
24 outubro 2008 - 4 xaneiro 2009
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coa colaboración de PSA Peugeot Citroën
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo
Comisariado: 
Agar Ledo

Presentación / Obras en exposición

Na súa proposta para o Espazo Anexo do MARCO, Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) traballa a partir do contexto próximo da cidade de Vigo, e dos elementos que os cidadáns identifican co seu ámbito. A fábrica que PSA Peugeot Citroën posúe en Vigo é, sen dúbida, un deses símbolos sen os cales non se entende a cidade. A partir de aquí, Fandiño desenvolve un proxecto baseado na marca Citroën e no modelo C4 Picasso. Un proxecto que se relaciona coa liña apropiacionista que caracteriza o seu traballo, á que el se refire como ‘revisionista' ou ‘transfiguracionista', neste caso baseándose na linguaxe e na imaxe dunha sinatura.

A planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo, que este ano cumpre o seu 50º aniversario, non é só un lugar de produción, senón unha armazón de puntos nos que conflúen intereses de carácter social, político, económico, urbanístico, etc., con múltiples significados. A factoría de PSA Peugeot Citroën converteuse, dalgún modo, en imaxe do Vigo contemporáneo. En termos xerais, o proxecto de Fandiño implica unha reflexión sobre o contexto da obra, do espectador, do espazo do museo e da cidade de Vigo.

 

Síntese do proxecto

En 1917 Marcel Duchamp asinou a que é considerada unha das obras fundamentais da historia da arte de século XX: un urinario de porcelana branca ao que titulou Fonte. A peza, nun contexto expositivo, cuestionaba a arte como algo sagrado e único, e inauguraba unha nova forma de entender a produción artística, a partir da crítica ao sistema e ao fetichismo da obra. Nos ready-made de Duchamp, a función do obxecto desprázase para incitar a unha reflexión sobre o contexto; unha idea que Suso Fandiño pretende reactivar mediante o uso dun obxecto comercial, fabricado en serie e recoñecible: un coche; un ‘obxecto usual ascendido á dignidade de obxecto artístico por simple decisión do artista', como diría Duchamp. Fronte a este desprazamento do significado, Fandiño recorre ao obxecto para pensar sobre a súa re-materialización, e o coche ofrécesenos cargado de referencias, lonxe do Air de Paris dadaísta ou da desmaterialización da arte, tan estendida nas últimas décadas.

Dous coches brancos sustentados nun muro, simétricos, levitando sobre o chan, a un metro de altura e en perfecto estado, forman parte dunha instalación artística, irónica e directa, das que desconcertan e inquietan. Devólvennos a Marcel Duchamp e o desprazamento da función dos obxectos descontextualizados, pero tamén nos falan da paisaxe urbana e do tempo, un instante detido representado e convertido en ficción nun contexto artístico.

O modelo elixido, o C4 Picasso de Citroën, é relevante por tratarse dun modelo fabricado en Vigo que incorpora, ademais, un elemento que amplía o seu significado. Se o urinario de Duchamp incluía a sinatura de R. Mutt -un artista inexistente, froito da imaxinación do artista e do seu gusto polos xogos de palabras-, o C4 Picasso contén a doutro dos autores incuestionables do século XX. A sinatura convértese no leit-motiv dun proxecto que tamén nos invita a reflexionar sobre a recontextualización da obra e do artista, de Duchamp a Picasso, no ámbito do Vigo contemporáneo e industrial.

En obras anteriores, nos seus debuxos, lenzos ou vídeos, nas súas Cajas Brillo ou na instalación Tonto el que lo lea, Suso Fandiño apela á intelixencia do espectador por medio de referencias próximas, de irónicas sentenzas ou de iconografías cargadas de significado. Agora, de novo, fai un aceno cara á autoría -cuestionándoa- e ao proceso de produción da obra, pero sen afastarse das súas habituais referencias á historia da arte e á temporalidade da imaxe. Os coches detéñense no momento de atravesar o espazo institucional, nunha proposta, quizais, máis autónoma que cantas puidera realizar ata o momento, sacando partido do específico do lugar.

A obra enmárcase nun espazo cuxas connotacións enriquecen outro dos significados: o relativo ao espectador e á interrelación entre este, a obra e o lugar. Eses conxuntos de relacións nun espazo-tempo determinados fan que os tres elementos estean en continuo movemento de significación, en constante permutación, estendendo o sentido de ready-made da obra ao visitante e ao propio museo/Espazo Anexo. Rozamentos entre elementos que transmutan sentidos e que evocan cuestións sobre a memoria colectiva, a lexitimación do obxecto no espazo de exhibición, os modos de produción ou a autoría. A seriación dos coches e a súa colocación, integrados no muro da sala de exposición, nunha posición sen dramatismo, achegan un grao de humor sempre presente na obra de Fandiño.

É previsible que o visitante reaccione con empatía ante a marca Citroën, considerada un símbolo na cidade, e ante a imaxe Picasso, que provoca unha sensación de ‘falsa' familiaridade -segundo John Berger, só unha de cada 100 persoas que coñecen a Picasso recoñecerían unha obra súa. Quizais se interrogue sobre o proceso e o desenlace da narración, xa que nun primeiro momento aparece só un fragmento da acción, en ‘pause', dende o espazo público, libre. Suso Fandiño é consciente do xogo múltiple de significados e da confusión que provoca a autoría duns obxectos industriais fabricados en serie asinados por un artista falecido. Un exemplo máis do apropiacionismo que o artista converteu no seu sinal de identidade.

Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo Arias
Comisarios da exposición

Artistas

Suso Fandiño

Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971)

Exposicións individuais (selección)

2007 Album. Zona C, Santiago de Compostela
2007 Little Shepherd's Stories. Galería adhoc, Vigo
2006 Galería Pedro Oliveira, O Porto
2006 A Dazzing Display of Talent. Galería T20, Murcia
2002 Centro Torrente Ballester, Ferrol
2001 Galería adhoc, Vigo

Exposicións colectivas (selección)

2007 O futuro da actualidade. CGAC, Santiago de Compostela
Dibujando Galería. Galería adhoc, Vigo

2006 Destino: Santiago. Instituto Cervantes de Sofía, Bulgaria / Instituto Cervantes de Pekín, China / Instituto Cervantes de Milán, Italia
This box does not contain any artistic work of any kind. Espacio de experimentación artística, A Chocolatería, Santiago de Compostela
Urbanitas. MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Emporios invisibles. Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela

2005 Finalista certame Ingenio 400. Ministerio de Cultura, La Fábrica, Madrid
Salón Europeo de Jóvenes Creadores. París, Barcelona, O Porto, Milán, Viena

2004 En el principio era el viaje. 28ª Bienal internacional de Arte de Pontevedra

2003 Galería adhoc, Vigo
III Premio Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Indisciplinados. MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

2002 El tamaño no importa. Galería T20, Murcia
II Premio Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Trienal de Grabado. Museo Calcográfico Nacional, Madrid
Últimas adquisicións. CGAC, Santiago de Compostela

2000 Galería Bacelos. Vigo
Preposiciones de lugar. Sala de Exposicións da Facultade de Belas Artes, Pontevedra
Autum Show, Galería Trayecto, Vitoria
R-Acción, Nave de Servicios Artísticos, Nasa, Santiago de Compostela

 

 

 

Texto artista

‘En relación á intervención no Espazo Anexo do MARCO de Vigo'

"Un tal R. Mutt, pseudónimo utilizado por Marcel Duchamp, introducía un obxecto de fabricación industrial e de uso común dentro do espazo onde os obxectos carecían de tal uso ou onde, dalgún xeito, a súa función era polo menos máis ambigua. A tan só nove anos de cumprirse un século do xesto realizado polo artista francés, os límites e fronteiras que delimitan tales usos ou desusos se fixeron cada vez máis borrosos, introducindo con maior frecuencia o espectador como elemento activo no funcionamento, determinación e narración final de cada proposta artística.

Os espazos que se articulan como destinatarios para a exhibición de obxectos artísticos engolen toda unha serie de aparellos, en moitos casos provenientes do mundo funcional cotián. Estes obxectos acaban perdendo a súa función orixinaria e sitúanse nos límites entre a arte e a vida. Forman parte dunha serie de obxectos dispostos para ser resoltos, interpretados e finalmente consumidos. Estas fronteiras suxeitas en todo momento polos finos fíos da institución ‘Arte', propoñen na medida do posible un novo ámbito de significación e un diálogo co espectador.

Os xogos de descontextualización e contextualización xeraron boa parte das mellores obras de arte realizadas durante o pasado século. No caso concreto que nos ocupa, os vehículos e o espazo artístico (Espazo Anexo) xeran varias preguntas de cara ao espectador. O binomio obxectos/contextos da arte propón unha situación atopada e unha nova vía pola que se cuestionar como mobles/inmobles lexítimos de si mesmos e das súas funcións. Este paso adiante dentro do xogo formulado pola interrelación e confusión de contextos, conduce a un debate aberto pola aparente contradición entre situación visual e situación ambiental.

Os automóbiles da marca Citroën C4 Picasso, fabricados para todo o mundo na cidade de Vigo, ubícanse nos muros do Espazo Anexo, quedando tal acción conxelada aos ollos do espectador. Este acto de suspensión temporal do simulacro de acción, proponse como unha pausa, como intermedio para un instante de necesaria reflexión sobre a acción en si mesma.

Obxectos a medio camiño entre a arte e a rúa, expostos ao viandante como coches e ao visitante como obxectos descontextualizados. Convenientemente asinados polo artista que se converteu na tipografía de artista contemporáneo por excelencia para a cultura popular. Máis que ante unha apropiación, nos atopamos ante un proceso de re apropiación en tres fases: cultura popular, marca de automóbiles francesa e finalmente a intervención no Anexo.

Esta ocupación temporal da obra no espazo urbano, ao tempo que no espazo do museo, invita o espectador a formar parte do seu desenvolvemento. A proposta aberta dende un espazo de tránsito cidadán propón unha narración cun desenvolvemento inicialmente urbano, e un desenlace final dentro do Espazo Anexo do MARCO. Este relato reflexiona de modo inevitable sobre ambos os dous contextos, configurando todo un novo ámbito de entendemento entre mobles e inmobles. Ambos os dous elementos de actuación convértense en suxeito e verbo dun intercambio entre espectador e espectáculo.

O espazo de relación entre os obxectos, a cidade, e a institución ‘Arte', modifica a obra afastándoa do mundo dos obxectos atopados para entrar no das situacións que se atopan. Así, estes tres factores interactuan, non no sentido ditado pola intervención urbana e o seu pasado recente na dialéctica do monumento, senón dun modo máis democrático. Neste caso a cidade e o museo son tamén obxectos en continua permutación narrativa, abertos á interpretación por parte do espectador.

A cidade de Vigo foi a un tempo testemuña e protagonista dos cambios sufridos pola cultura e a industria durante as últimas décadas. Un foco inesgotable de produtividade e creatividade construtiva en todos os ámbitos. A proposta para o Espazo Anexo pretende modestamente sumar unha pequena achega dende o mundo da arte a un debate e unha reflexión sobre o futuro das cidades e os seus habitantes".

Suso Fandiño, outubro 2008

 

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012).