rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Switch on the power!. Ruido e políticas musicais

Switch on the power!. Ruido e políticas musicais

Ficha

Datas: 
9 xuño 2006 - 17 setembro 2006
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábado (festivos incluidos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo/ CAMM, Centro Atlántico de Arte Moderno, Las Palmas / Centro Cultural Montehermoso, Vitoria
Comisariado: 
Xavier Arakistain

Obras en exposición

SWITCH ON THE POWER! Ruído e políticas musicais reúne nun mesmo espazo expositivo pezas artísticas e/ou documentos videográficos dunha serie de artistas procedentes do mundo da arte e da música.

Itinerancia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (9 xuño - 17 setembro 2006)
  • CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno, As Palmas (17 outubro 06 - 7 xaneiro 07)
  • Centro Cultural Montehermoso, Vitoria (febreiro - abril 2007)

Breve percorrido pola exposición

A partir de que na década de 1960 Andy Warhol colabora co mítico grupo musical The Velvet Underground, se inaugura na arte contemporánea unha vertente de traballos e artistas que relacionan directamente as artes visuais e a música popular. O filme realizado por Warhol en 1966 The Velvet Underground and Nico é un bo exemplo desa relación interdisciplinar. Mais na historia da intersección entre música e artes visuais que analizamos na mostra, outras dúas artistas destacan por seren pioneiras en contemplar a música popular como un terreo no que intervir desde presupostos artísticos. Unha delas é Yoko Ono, de quen presentamos o seu último traballo Onochord, e a outra Laurie Anderson, quen en pezas como Oh Superman de 1981 senta as bases dunhas prácticas artísticas que na actualidade gozan de grande cantidade de seguidores/as. É caso de Chico y Chica, Anat Ben-David, Planningto rock, Begoña Muñoz, Tobías Bersntrup ou Chicks on Speed. Este ultimo grupo, formado integramente por mulleres, desenvolverá unha singular performance nas horas de apertura ao público do MARCO na semana inaugural da exposición. A performance forma parte do proxecto Musical Illustrations, un laboratorio-taller, un traballo en proceso ofrecido en directo que ten como resultado un vídeo que documenta a súa elaboración, que pasará a exhibirse como parte integrante da mostra.

Así mesmo, o fenómeno social e cultural do Rock e o do Pop tamén xerou exemplos significativos de artistas que dende a música utilizaron estratexias estéticas e preformativas de uso común no mundo das artes visuais. Alaska e Nacho Canut, Siouxsie Sioux ou Nina Hagen ofrecen, por vez primeira nun museo, un percorrido detallado polas súas carreiras; Lene Lovich presenta The Power of Performance, unha curta realizada especificamente para esta exposición, e Peaches obséquianos coa estrea mundial do video-clip Fuck the Pain Hawai. Directamente influídos polas linguaxes xeradas en torno ao Rock, preséntase a obra de artistas como Iain Forsyth & Jane Pollard, Jon Mikel Euba ou Jean-Luc Verna, que nos seus traballos destacan a relevancia artística das estratexias preformativas desenvolvidas no campo do Rock. A súa vez, en Un mystique determinado Carles Congost analiza e recrea a cultura adolescente do pop. O éxito deste conxunto de estratexias tamén se pode atopar no grupo vigués Killer Barbies e o seu vídeo Crazy, realizado pola propia Silvia Superstar.

Paralelamente ao fenómeno do Rock, na década dos setenta o grupo alemán Kraftwerk populariza a música electrónica desenvolvendo un traballo único que se revelou fundacional de varios dos acontecementos que tiveron lugar na música e a arte das dúas últimas décadas. A mostra recolle performances do grupo e varios vídeos doutro grupo alemán, DAF (Deutsch Amerikanische Freundschaft), que a principios dos oitenta dirixen o uso da electrónica aos postulados do Punk.

Cuestionando as fronteiras entre disciplinas e contextos artísticos e a cabalo entre a cultura de clube, o Rock, a moda e a arte, sitúanse dous artistas: Leigh Bowery, que tras a súa morte foi obxecto de varias retrospectivas entre as que destaca a da pasada edición da Bienal de Venecia, e da que nesta ocasión presentamos unha selección de performances realizadas nos noventa xunto ao grupo musical Minty. Neste ámbito incluímos tamén á deseñadora de moda e performer británica Pam Hogg, que para este proxecto produciu unha peza que contén unha mini-colección de roupa e varios vídeos nos que interpreta as súas cancións. Como exemplo das novas prácticas no contexto da cultura de clube londinense do presente, o artista Ladypat contribúe cunha selección de vídeos propios ou en colaboración con diferentes artistas da escena.

No tocante á relación entre Arte, Rock e Política -no sentido clásico do termo- a mostra inclúe a obra emblemática de Dan Graham Rock my Religion e o vídeo Save the Planet, Kill Yourself de Chris Korda, que nos convida a afondar nas estratexias que nos noventa fusionaron música e activismo político. Finalmente, é un pracer recuperar -vinte anos despois da súa emisión no programa de TVE La Edad de Oro, dirixido por Paloma Chamorro- o vídeo do artista do Reino Unido Genesis P-Orridge e o seu grupo Psychic TV. Xunto a este vídeo incluímos documentación sobre o proxecto PANDROGENY que Genesis desenvolve na actualidade.

Síntese do proxecto

SWITCH ON THE POWER! Ruído e políticas musicais reúne a unha serie de artistas procedentes do mundo da arte e da música que comparten estratexias preformativas e estéticas. A través de pezas e/ou documentos videográficos, esta exposición pon de relevo e á vez afonda nas interaccións que xorden entre estas disciplinas artísticas.

Renunciando á tentación de amosar a música dos nosos días como un tema máis na arte, neste proxecto centrámonos na singularidade dunhas prácticas discursivas que entendemos son comúns tanto a artistas do pop, do rock e doutros estilos musicais, como a creadores visuais. Artistas que, nalgúns casos, formaron parte de correntes como o happening, Fluxus, Body-Art, as distintas vertentes da performance, etc., ou que noutros seguiron os planeamentos desas correntes artísticas desenvolvidas ao longo do século XX para reinventalas con achegas propias, construíndo discursos que, a miúdo, transmiten valores alternativos ou contidos políticos críticos.

En calquera caso, todos estes discursos centráronse no emprego do corpo, reconstruído dende parámetros particulares, como símbolo estético para a súa presentación pública. Un corpo que creou unha linguaxe que a miúdo utilizou especificamente a voz, e que se caracterizou por relacionar diversas disciplinas como as artes escénicas, as visuais, a danza e/ou diversos rituais do movemento corporal, o cine, a literatura e o deseño. Pero sobre todo, un corpo que se move ás ordes do son que el mesmo xera, de propostas musicais que conseguiron facerse un oco no panorama da música contemporánea, e que ademais tiveron en conta contextos como a denominada cultura de clube, ou os fenómenos do pop, do rock e da música electrónica.

O título da mostra –Switch on the Power!– xoga coa polisemia da frase en inglés (conecta a corrente/activa o poder), e alude ao espírito de inmediatez e autonomía que con frecuencia caracterizou estes movementos musicais e artísticos. O subtítulo –Ruído e Políticas Musicais– incide no carácter subversivo destas prácticas, no ruído entendido coma elemento perturbador que se introduce nun sistema coa pretensión de modificalo, e na necesidade de contemplar esas prácticas coma políticas que presentan estruturas e linguaxes propias.

Dadas as peculiares características desta exposición, prestouse especial atención ao deseño da montaxe. En lugar de construír muros para illar as proxeccións nas salas de visionado, optouse por escurecer as salas e pintalas de negro na súa totalidade, con proxeccións en pantallas e sistema de son discriminatorio, isto é: os visitantes poden ver as proxeccións simultaneamente, pero só escoitan o son da que teñen enfronte. Deste xeito conséguese crear a ilusión de sermos espectadores directos de cada unha das pezas e, ao mesmo tempo, a sensación de percibilas conxuntamente ao primeiro golpe de vista

Artistas

    Alaska & Nacho Canut
    Anat Ben-David
    Andy Warhol
    Begoña Muñoz
    Carles Congost
    Chicks on Speed
    Chico y Chica
    Chris Korda
    DAF
    Dan Graham
    Genesis P-Orridge
    Iain Forsyth & Jane Pollard
    Jean-Luc Verna
    Jon Mikel Euba
    Killer Barbies
    Kraftwerk
    Ladypat
    Laurie Anderson
    Leigh Bowery
    Lene Lovich
    Nina Hagen
    Pam Hogg
    Peaches
    Planningtorock
    Siouxsie Sioux
    Tobias Bernstrup
    Yoko Ono

Texto curatorial

“Dende principios do século XX, varias correntes artísticas están a redefinir dende diversas frontes os conceptos de Arte e Artista, forzando, entre outras cuestións, os territorios limítrofes entre as artes visuais e outras disciplinas que se consideraron e se consideran “menores”, como a publicidade, a moda, a música popular, etc.

Namentres, á par que no campo da arte esas pugnas se foron sucedendo con maior ou menor fortuna, no campo da música popular tiveron lugar serias transformacións. Transformacións que se foron materializando a medida que, cunha decidida ausencia de prexuízos, se ían mesturando diferentes estilos e influenzas musicais que fixeron posible a aparición de novos fenómenos culturais e sociais, entre os que destaca o peculiar universo do pop-rock, onde se combinaron, ademais, elementos da moda, a publicidade e as artes escénicas. Máis aínda: moitos destes procesos leváronse a cabo practicamente á marxe da opinión de críticos, institucións e outros organismos de control, e non obstante no transcurso deses procesos asistimos tamén ao nacemento de figuras carismáticas que adquiriron relevancia social: as estrelas do pop e do rock. Estrelas que se converteron en tales recorrendo a tácticas da arte para distinguir os seus produtos e personaxes públicos, elixindo explicarse en termos elaborados e despregando un discurso hiperreflexivo no que asignaron un papel fundamental ás cuestións estéticas.

Todas estas cuestións que acontecen no campo da música están relacionadas coa atención que o fenómeno do pop-rock e outros estilos musicais contemporáneos están acaparando nos últimos anos entre toda unha nova xeración de artistas visuais, do que resulta que a intersección entre estes dous campos –a música e a arte– constitúa unha das liñas de investigación máis interesantes do panorama artístico actual.

[...] En cada un destes campos –a música e as artes visuais– tiveron e teñen lugar procesos significativos que tamén son relevantes para a exposición.

Por unha banda, a partir da década dos sesenta un sector de artistas do pop e do rock comezaron a producir imaxes estáticas e en movemento que servían para publicitar as súas cancións e os seus personaxes estelares. Estas imaxes facían referencia ás súas estratexias preformativas para presentar a súa música e para construír os seus personaxes públicos dende parámetros que a miúdo asimilaban as premisas de movementos artísticos de vangarda. Máis aínda, unha boa parte deste colectivo colaborou con profesionais da dirección de cine ou con artistas visuais para crearen o que resultou un novo produto e formato que se pasou a denominar videoclip. Este conxunto de estratexias preformativas e estéticas desembocou na formación dun discurso complexo que proxectaba todo un estilo de vida, que rapidamente se convertía nun fenómeno cultural e social, que tivo unha importancia crucial na cimentación e difusión do que hoxe entendemos coma movementos xuvenís, e que deu lugar ás tribos urbanas.

Unha parte esencial do éxito destas estratexias baseouse no potencial que os mundos do pop e do rock presentaron historicamente como instrumento de resistencia e rebelión xuvenil, e a súa excelencia para funcionar coma vehículo de contidos sociais e políticos. De feito, o pop e o rock xeraron algúns traballos fascinantes que afirmaban valores socialmente alternativos, e aínda que estes produtos non alcanzasen o éxito masivo con demasiada frecuencia, publicacións recentes e autores como Jeremy Gilbert e Ewan Pearson coinciden en destacar a singularidade destes estilos musicais e as súas políticas de representación. Para eles “o fenómeno da música pop e rock dende os anos sesenta centrada nos/as cantantes funciona conforme á lóxica fonologocéntrica, coa voz, ou logos, como lugar da verdade que invoca unha idea do grupo social formado polo grupo musical e a súa audiencia. En canto impulsores e impulsoras da protesta, os/as cantantes ían ser os/as representantes político-culturais do seu público respondendo á crenza de que a música podía e debía ser portavoz do seu público”.

Por outra banda, no mundo da arte toda unha xeración de artistas que conviviu ou medrou con produtos provenientes do mundo da música incorporaron esas linguaxes ás súas obras artísticas sen esqueceren a súa vertente preformativa. Artistas que se serven de prácticas comúns no campo da música como o culto á personalidade, a insistente busca dun elemento xeracional, con problemáticas concretas, a utilización dunha produción en serie e un especial interese pola idea de creación colectiva e de que a creación non se esgota no disco, senón que se estende no concerto preformativo. Neste sentido, como no terreo da música, teñen unha total falta de prexuízos á hora de combinar estilos e disciplinas, á vez que manifestan un renovado rexeitamento polo elitismo na arte e unha preocupación por se achegar aos intereses das clases medias, obreiras, etc., o que constitúe unha das últimas formas de popularizar a arte.

Así mesmo, actualmente no campo da arte asistimos a unha revisión sistemática da década de 1970, revisión sen dúbida influída polo alto contido político e social da arte desa época, e que reaviva a preocupación polas prácticas artísticas como a performance ou o body-art. Todas estas cuestións fan que nos últimos tempos sexan moi numerosos os proxectos artísticos que desembocan nun “produto” discográfico. Estes produtos son o resultado da aplicación da lóxica multi e interdisciplinar, convertida en síntoma xeracional, que se presenta como solución ante novas necesidades e inquedanzas comunicativas dese e desa “novo” ou “nova” artista visual, que ademais proxecta unha sorte de inconformismo cara os mecanismos que moven o campo da arte. Ademais, as obras de arte que se están a xerar segundo estas premisas, a miúdo atentan contra o concepto hexemónico do mercado da arte, á vez que cuestionan a ríxida división entre disciplinas.”

Xabier Arakistain
Comisario da exposición

Comisariado

Xavier Arakistain

Xabier Arakistain é director do Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, o primeiro centro de arte e pensamento contemporáneo do estado que está a desenvolver e a aplicar políticas de igualdade entre os sexos nos ámbitos da arte e a cultura. Previamente, Arakistain foi comisario independente dende que en 1999 inaugurara Trans Sexual Express, exposición na que incorporaba a cota de sexos como criterio curatorial. De 2001 a 2003 foi responsable de programación da Sala de Exposicións da Fundación Bilbao Arte Fundazioa, e de 2003 a 2006 dirixiu as mesas de debate sobre arte e feminismo na feira ARCO, dende onde impulsou o Manifiesto Arco 2005. Ten sido tamén comisario de varias retrospectivas de Leigh Bowery e das colectivas Para todos os públicos/For all audiences, Kiss Kiss Bang Bang, 45 anos de arte e feminismo, Switch on the Power. Ruído e políticas musicais, e, a carón de Maura Reilly, de A Mirada Iracunda/The Furious Gaze.