rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Teresa Margolles

(Culiacán, México, 1963; vive e traballa en México D.F.)

Durante 15 anos Teresa Margolles ocupouse do que ela chama 'o seguimento do corpo despois da vida, e a apropiación dos elementos inertes do ser humano para entender a morte na súa dimensión social'. Perseguiu o devandito obxectivo investigando 'a vida do cadáver', isto é, a transformación física e social do que poderiamos chamar o corpo-despois e o seu poder metafórico. O seu traballo baséase sempre nun peculiar uso artístico dos vestixios da morte humana, ou do que con eles se asocia. Como dixeron Klaus Görner e Udo Kittelmann, 'a morte e as circunstancias que a acompañan non se representan, senón que se presentan'. Non obstante, para Margolles a morte non é o seu propósito senón o instrumento que utiliza para provocar unha resposta social: o seu obxectivo principal non é antropolóxico nin macabro: é político. O seu traballo é unha reacción á crecente violencia en todo o mundo, presente todos os días nos medios de comunicación. E máis concretamente, aos efectos da criminalidade en cidades do terceiro mundo, especialmente en México, onde polo xeral está vinculada ao tráfico de drogas e de seres humanos.

Neste sentido, a arte de Margolles fala das historias que están tras os corpos mortos, non da morte en abstracto, nin de cadáveres 'neutrais'. Historias de violencia e pobreza, cheas de trasfondo social. A súa investigación sistemática levouna dende unha aproximación directa, barroca e repulsiva, ao principio da súa carreira, ata unha maior sobriedade conceptual que caracteriza o seu traballo hoxe en día. Quere facernos conscientes de como a morte e a violencia forman parte da nosa vida diaria. As súas instalacións, vídeos e pezas sonoras son fermosos, limpas, elegantes, e a súa arte baséase cada vez máis no contraste entre beleza e terror, entre a estilización 'de cubo branco' e o horror.