rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Thomas Hirschhorn

(Berna, Suíza, 1957; vive e traballa en París, Francia)

Thomas Hirschhorn é o artista máis veterano e de maior proxección internacional de entre os que integran esta exposición. Formouse como artista na Schule für Gestaltung de Zúric, e nos anos oitenta traballou en París como artista gráfico. Foi parte do grupo de deseñadores gráficos coñecido como Grapus, cunha grande implicación en temas políticos, sociais e culturais; as súas creacións e carteis publicitarios mostrábanse maioritariamente na rúa. Posteriormente abandonou o grupo e comezou a crear o tipo de instalacións polas que é coñecido, na súa maioría obras site-specific. As obras de Hirschhorn están concibidas en función do espazo ás que están destinadas, xa sexa o museo, a rúa ou un lugar concreto. As referencias á moda, a arte, a política e a filosofía entrelázanse no seu traballo, e destacan especialmente as homenaxes efémeras aos seus artistas e escritores favoritos do século XX, como os dedicados a Spinoza (Amsterdam, 1999), Deleuze (Avignon, 2000) ou Bataille (Kassel, 2002). Expuxo en centros de todo o mundo como a Kunsthalle de Berna (1998), o Centre Georges Pompidou de París (2001), o MACBA de Barcelona (2001) ou o Chicago Art Institute (2000). Recibiu o Premio Marcel Duchamp e o Premio Joseph Beuys en 2000-2001 e 2004, respectivamente. As súas obras están presentes en coleccións como as do Museum of Modern Art de Nova York, o Walker Art Center de Minneapolis e a Tate Modern de Londres.