rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Lara Almarcegui. Un café al aire libre para los hortelanos. Foto: cortesía da artista
Helena Almeida. Sen título, 2010. © Helena Almeida
Kader Attia. Resistir es permanecer invisible. © Kader Attia / ADAGP, París 2017 Foto: Eric Chénal
Jeremy Deller. Speak To The Earth and It Would Tell You (Münster). Foto: cortesía do artista
Marta Fernández Calvo. 484 Pulsaciones, 2017. Foto: Enric Chénal
Dora García. The Joycean Society, 2013. © The Joycean Society, Dora García
Jiří Kovanda. Kissing Through Glass. Cortesía do artista e gb agency, París Foto: Iván García Fdez
Amalia Pica. Asambled, 2015. Foto: Marc Doradzillo
Amalia Pica. Asambled, 2015. Foto: Marc Doradzillo
Rita Ponce de León Mesa de centro bajo, 2017. Foto: Iván García Fernández.
Alex Reynolds. Le buisson St. Louis, 2007. Foto: cortesía da artista
Cecilia Vicuña. Parti si Pasión, New-York, 1981 © Cecilia Vicuña

A timidez da copa das árbores. Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para Novos Comisarios 2016

Ficha

Datas: 
23 xuño 2017 - 7 xaneiro 2018
Lugar: 
Salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / 49 Nord 6 Est – Frac Lorraine, Metz, Francia / Sogn og Fjordane Kunstmuseum (SFKM), Førde, Noruega
Comisariado: 
Beatriz Alonso


Unha exposición coproducida por MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 49 Nord 6 Est - FRAC Lorraine, e SFKM Sogn og Fjordane Kunstmuseum 

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
23 xuño 2017 - 7 xaneiro 2018

49 Nord 6 Est - FRAC Lorraine
17 marzo – 4 xuño 2017

Sogn og Fjordane Kunstmuseum – SFKM
17 febreiro – 3 xuño 2018 

Comisariada por Beatriz Alonso, gañadora do Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios 2016

Lara Almarcegui, Helena Almeida, Kader Attia, Jeremy Deller, Marta Fernández Calvo, Dora García, Jiří Kovanda, Amalia Pica, Rita Ponce de León, Alex Reynolds, Cecilia Vicuña

Publicación /Guía da exposición


Con ocasión desta mostra, editouse unha publicación bilingüe (versión galego/castelán e versión francés/inglés, ambas as dúas dispoñibles) como dispositivo de acompañamento á visita, que inclúe texto curatorial, imaxes e información sobre as obras en exposición. Esta publicación forma parte dun proxecto editorial en proceso que culminará nun catálogo multilingüe.

A timidez da copa das árbores = La timidez de la copa de los árboles =  La timidité des cimes = The Shyness of The Crowns, 2017. 33 p., 21 x 15 cm. 

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


A timidez da copa das árbores
, comisariada por Beatriz Alonso (Madrid, 1981), foi a proposta gañadora da máis recente convocatoria do Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios 2016. Dende a súa primeira edición, o Premio ofrece aos participantes a oportunidade de propoñer un proxecto centrado nun tema de investigación e reflexión persoal, así como a súa realización nos espazos do MARCO, o FRAC Lorraine (Fonds régional d'art contemporain de Lorraine) de Metz, Francia, e o SFKM (Sogn og Fjordane Kunstmuseum) de Førde, Noruega, as tres institucións convocantes.

Tras a súa presentación o 17 de marzo no FRAC Lorraine de Metz, onde permaneceu ata o 4 de xuño, a exposición chega agora ao MARCO no que sería un segundo capítulo ou versión desta mostra, adaptada aos espazos do primeiro andar do Museo, e con variantes no formato e modo de exhibición dalgunhas das pezas.

A timidez da copa das árbores é un fenómeno botánico mediante o cal cada árbore define un límite no seu crecemento, facilitando unha coexistencia no dosel forestal alén da competencia entre especies. Tomando como punto de partida este feito científico e as súas connotacións, o proxecto formula unha reflexión sobre a nosa sociedade contemporánea, reunindo nun mesmo espazo obras de once artistas de distintas procedencias e en diversos formatos —vídeo, instalación, fotografía, performance, proxección, que nalgúns casos funcionan como documentación e rexistro de accións realizadas— en torno a este fío condutor.

A observación poética deste fenómeno, desta intelixencia colectiva, deste coidado polo conxunto, ofrécenos un diálogo coa nosa contemporaneidade e a urxencia de reaccionar como sociedade cara á creación de novos escenarios heteroxéneos para a convivencia cotiá dende a alteridade e a diferenza.

Artistas

Artistas e obras en exposición


LARA ALMARCEGUI
Zaragoza (ES), 1972. Vive e traballa en Róterdam (NL). 

Un café al aire libre para los hortelanos. Asociación de huertas Van Houten, Weesp (Ámsterdam), 2003
[Un café ao aire libre para os horteláns. Asociación de hortas Van Houten, Weesp (Amsterdam)]
Proxección de diapositivas e texto
Cortesía da artista

HELENA ALMEIDA
Lisboa (PT), 1934. Vive e traballa en Lisboa (PT). 

Sen título, 2010
Vídeo 18’ 03’’
Colección 49 Nord 6 Est – Frac Lorraine

KADER ATTIA
Dugny, Seine-Saint-Denis (FR), 1970. Vive e traballa entre Berlín (DE) e París (FR). 

Resistir es permanecer invisible [Resistir é permanecer invisible], 2011
Xiz branco sobre muro branco
Colección 49 Nord 6 Est – Frac Lorraine

JEREMY DELLER
Londres (GB), 1966. Vive e traballa en Londres (GB). 

Speak To The Earth and It Would Tell You (Münster) [Fálalle á Terra e ela che dirá (Münster)], 2007-2017
10 fotografías, 31 x 31 x 3 cm (enmarcadas) c/u
Edición 10 + 1 proba de artista
Cortesía do artista e The Modern Institute, Toby Webster Ltd, Glasgow

MARTA FERNÁNDEZ CALVO
Logroño (ES), 1978. Vive e traballa en Madrid (ES). 

532 Pulsaciones [532 Pulsacións], 2017
Pezas sonoras e performance na inauguración
Cortesía da artista

Performers: Marta Díaz Marcos, Brais Fernández Pombo, Susana Garrido Pombo, Miguel Solís Cañizal, Martín Vicente Fábregas

DORA GARCÍA
Valladolid (ES), 1965. Vive e traballa en Barcelona (ES). 

The Joycean Society [A Sociedade Joyceá], 2013
Vídeo, cor, 16:9, 53’
Cortesía da artista

JIŘÍ KOVANDA
Praga (CZ), 1953. Vive e traballa en Praga (CZ). 

Kissing Through Glass [Bicos a través do cristal]
10 de marzo, 2007
Tate Modern, Londres
Documentación A4
Fotografía B/N e texto en papel
Cortesía do artista e gb agency, París

AMALIA PICA
Nequén (AR), 1978. Vive e traballa en Londres (GB). 

Asambled, 2015
Instalación con cadeiras e vídeo
Cortesía da artista e de Kunstverein Freiburg, Friburgo; Herald St., Londres; Marc Foxx, Os Ánxeles; König Galerie, Berlín

RITA PONCE DE LEÓN
Lima (PE), 1982. Vive e traballa en México DF (MX). 

Hutzin, Elvia, Lisbeth, Clemente, Porfirio, Irene, Gustavo, Erika, Yaxché, Ester, Martin, Patricia, Irene, Óscar, Laura, Toni, Maia, Rita, 2015
Vídeo, 11’
Cortesía da artista e da Galería 80m2 Livia Benavides

Mesa de centro bajo [Mesa de centro baixo], 2017
Mesa en madeira e catro coxíns
Cortesía da artista e da Galería Ignacio Liprandi

ALEX REYNOLDS
Bilbao (ES), 1978. Vive e traballa entre Bruxelas (BE) e Berlín (DE). 

Le buisson St. Louis, 2007
Videoinstalación, 5 pantallas
Clément: 28’ / Jeanne: 48’ 42’’ / Maud: 22’ 30’’ / Dominique: 41’ 02’’ / Benoit: 30’ 54’’
Cortesía da artista

CECILIA VICUÑA
Santiago (CL), 1948. Vive e traballa en Nova York (US). 

Parti si Pasión, New-York, 1981
4 fotografías
Colección 49 Nord 6 Est – Frac Lorraine

Texto curatorial


É posible promover novas formas de vivir xuntos alén do individualismo e a competitividade globais, mesmo cando este obxectivo nos parece imposible de alcanzar? Somos quen de establecer relacións baseadas na negociación, o compromiso e a cooperación sen renunciar ao disenso e ás diferenzas que nos conforman? Que axencias prácticas, teóricas e simbólicas podemos imaxinar no medio dun contexto sociopolítico rexido pola rivalidade e a separación?

A timidez da copa das árbores é un fenómeno botánico mediante o cal cada árbore define un límite no seu crecemento, facilitando unha coexistencia no dosel forestal máis aló da competencia entre especies. De entre as posibles respostas arredor desta consciencia das árbores, tomamos como referencia a súa capacidade para o intercambio de sinais químicos que lles permite alertarse sobre a presenza de pragas, enfermidades, estrés ambiental, ou delimitar o espazo de desenvolvemento propio en harmonía co dos demais. Estas infraestruturas vexetais provocan o que se coñece como rañuras da timidez: baleiros entre as copas, que non chegan a tocarse ou o fan discretamente; fendas que aquí se len como espazos de posibilidade.

A observación poética deste fenómeno, ademais de cuestionar algunhas lecturas hexemónicas arredor da natureza nas que prevalece a loita pola supervivencia do máis forte, pon en dúbida calquera xustificación da competitividade salvaxe dentro do actual marco socioeconómico. Ben ao contrario, esta intelixencia colectiva, este coidado polo conxunto, ofrécenos un diálogo coa nosa contemporaneidade e a urxencia de reaccionar como sociedade cara á creación dun ecosistema onde as relacións, os encontros e os intercambios poidan darse aínda a partir de sinerxías.

Tomando como punto de partida o potencial da metáfora, esta exposición reúne prácticas artísticas que promoven ou visibilizan novos escenarios heteroxéneos para vivir xuntos e aprender os uns dos outros dende a alteridade e a diferenza. Trátase de repensar que pode significar e implicar unha comunidade a día de hoxe a través de obras que contribúen a unha comprensión máis ampla do termo, sen negar a existencia de conflitos, a inestabilidade ou a fraxilidade. Propoñemos atopar posibilidades no medio das complexidades e contradicións contemporáneas que nos permitan cohabitar e xerar vínculos máis sutís e flexibles co outro; compartir debilidades para facernos máis fortes. Para iso, proponse un achegamento á natureza máis aberto e distorsionado, poñendo en valor metodoloxías de investigación e aprendizaxe intuitivas e poéticas. 

As pezas expostas no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, convidan a sentir o outro, a tomar consciencia do propio corpo con relación ao dos demais nun espazo-tempo concreto non alleo ás vicisitudes propias das relacións humanas. O conxunto dá forma a unha escultura social que apela a ese sentimento que se dá nas rúas e prazas durante as mobilizacións cidadás, onde a comunicación co outro transcende as barreiras verbais en favor do poder dos corpos en conxunción. Árbores e individuos que emerxen, que expoñen o corpo a diario, aínda que non sempre resulte visible. O reto agora reside en soñar e construír colectivamente espazos reais para a crítica, o desexo e a transformación que se conformen dende o que nos achega e o que nos afasta. Por que non activar unha imaxinación radical, ou facer uso dunha fábula, se iso nos leva a lograr os nosos fins?

Beatriz Alonso

Comisariado

Beatriz Alonso

Foto: Iván García Fernández

Beatriz Alonso (Madrid, 1981) é comisaria e investigadora independente con base en Madrid. Recentemente ven de comisariar No siempre que estuvimos/estuvimos, un ciclo de propostas específicas para Casa Museo Lope de Vega, Museo Casa Natal de Cervantes, Centro de interpretación de Nuevo Baztán e Museo Picasso Colección Eugenio Arias (Madrid). Anteriormente, ten comisariado proxectos de distinta natureza en 49 Nord 6 Est – Frac Lorraine (Metz, FR), CA2M, La Casa Encendida, Sala de Arte Joven, Salón (Madrid), MACBA (Barcelona), La Regenta (Las Palmas de Gran Canaria). Así mesmo, foi comisaria en residencia en Lugar a dudas (Cali, CO), e investigadora e comisaria asistente no Centre Pompidou e o Musée du Louvre (París, FR). Recentemente, ten participado nun intercambio curatorial europeo en Viena, Budapest e Zagreb organizado por Obra Social “la Caixa” e ERSTE Foundation no marco do programa Comisart. Foi premiada, entre outras, nas convocatorias de comisariado de Se busca comisario 2013 da Sala de Arte Joven de Madrid e en Inéditos 2009 de La Casa Encendida. É licenciada en Historia del Arte pola Universidad Complutense de Madrid e ten un mestrado en Arte Contemporánea pola Universidad Europea de Madrid.