rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A Viaxe Dislocada. Videoviaxes e turismo

A Viaxe Dislocada. Videoviaxes e turismo

Ficha

Datas: 
6 xullo 2007 - 9 setembro 2007
Lugar: 
Salón de Actos
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Susana Blas

Obras en exposición

A exposición A VIAXE DISLOCADA. Videoviaxes e turismo é unha compilación de 12 traballos en vídeo de 10 artistas, ao redor do tema da viaxe e as súas metáforas. Todas as obras -agás a peza de Eder Santos- foron producidas nos últimos anos, dende 2001 ata a máis recente de Daniel Cuberta, que se presenta por primeira vez nesta mostra.

Programa

Susan Black, Heaven on Earth (2001) 3'
Elena Näsänen, Photograph of the Sea (2002) 4'
Ximena Cuevas, Turistas (2002) 5'
Ingrid Buchwald Eguia, Capri c'est fini (2005) 40'' e La temporada baja es para hibernar (2005) 1'
Sally Gutiérrez, Song Lines (2005) 10'
Tere Recarens, Etc. (2002) 5'40'' e Besenrein (2003) 1' 35''
Eder Santos, A Europa em 5 Minutos (1986) 13' 57''
Fernando Llanos, 360° (videoviaje) (2001) 6' 59''
Xoán Anleo, Paisaxes para o olvido (Viraxe) (2006) 3' 30''
Daniel Cuberta, ¿Qué hago yo aquí? (2007)10' 50''

Síntese do proxecto

Notas sobre artistas e obras en exposición

Susan Black. Heaven on Earth, 2001
A través da poesía da arquitectura dos suburbios americanos, a autora desprega a súa propia ollada sobre a paisaxe urbana californiana. Unha reinterpretación sensorial dos bungalows de Palm Spring. As casas invértense, e forma e volume adquiren unha nova densidade, unha desacougante tridimensionalidade. O ceo pasa á terra e a terra ocupa o ceo. A inversión provócanos sensacións de viaxe onírica, hiperreal... mental.

Elena Näsänen. Photograph of the Sea, 2002
Fotos de lembranzas dunha viaxe, un vaso roto e unha saída desesperada da casa. Unha respiración forzada. Unha carreira pola praia para se liberar dun afogo interior. A natureza salvaxe. A forza das ondas. Unha fuxida vital cara adiante. A memoria transfórmase no que semella unha "viaxe interior".

Ximena Cuevas. Turistas, 2002
A ollada de Ximena Cuevas adoita fundir crítica, ironía e humor para abordar experiencias cotiás na trama social. Os seus ollos pósanse esta vez na figura do "viaxeiro" e na súa evolución, dende as épocas gloriosas do XIX ata o inicio do século XXI que hoxe vivimos, no que o turismo masivo vive o seu momento álxido e incluso está en plena transformación impulsado polo novo mapa de mobilidade tecnolóxica e global.

Ingrid Buchwald Eguia. Capri c'est fini, 2005 / La temporada baja es para hibernar, 2005
Dúas sutís e intensas animacións dixitais desta nova creadora que debuxa co vídeo. En Capri c'est fini, un quiosco de xeados remata de pechar e o vento bate o toldo. É un remolque varado no cabo máis occidental de Europa, na costa portuguesa. O rótulo en varios idiomas, reclamo optimista para o turismo de masas, semella ser a testemuña melancólica dunha época xa pasada.

La temporada baja es para hibernar amósanos o edificio Tarik, construído na cidade portuguesa de Portimão, que posúe un ciclo vital comparable ao dun oso: baleiro e inerte durante gran parte do ano, revive en primavera para albergar o turismo masivo de tempada. Durante este breve período de tempo vístese coas cores de toldos e toallas, para recuperar o seu aspecto anódino durante o resto do ano.

Sally Gutiérrez. Song Lines, 2005
Unha viaxe en tren xustaponse cunha viaxe en autobús. Fílmase a persoas detidas e en movemento, inmersas no ritmo da cidade. As anécdotas visuais e impresións crean unha densa trama urbana global e íntima ao tempo, visto dende a distancia que marca o cristal da xanela. Un soberbio proxecto audiovisual baseado no concepto de movemento e tránsito continuo do individuo na contorna urbana. O proxecto completo consta dunha videoinstalación, vídeos documentais, debuxos e fotografías.

Tere Recarens. Etc., 2002 / Besenrein, 2003
Na súa primeira noite en Berlín a artista descubre nunha festa, a través dun coñecido, que o seu nome, "Tere", significa "Hola" en estoniano. Este descubrimento sérvelle de pulo para emprender unha viaxe a Estonia na que tentará interactuar cos habitantes do país. A peza, aderezada cun intelixente sentido do humor, fálanos da comunicación intercultural, e das tensións entre os conceptos de "viaxeiro" e "turista".

Quen non ten soñado, meditando dende a xanela do avión, con sentar nunha nube? E con varrer as nubes? Na videoacción titulada Besenrein, a artista desenvolverá esta poética operación.

Eder Santos. A Europa em 5 Minutos, 1986
Partindo de anacos de gravacións de viaxes dun turista real, neste documental-ficción Santos reflexiona sobre a "linguaxe domestica" das películas de Super-8 e os aspectos políticos da documentación cultural. A metraxe -trementes escenas de París, Roma e Londres- filmada en Super-8 e narrada por un turista brasileiro de 78 anos, subliña o xeito en que as tecnoloxías da creación de imaxes reducen a experiencia cultural a clixés de vistas turísticas e fitos xa coñecidos. As "películas caseiras" do travelogue ou documental de viaxes altérnanse con imaxes de cineastas e outros profesionais dos medios audiovisuais, que falan acerca da arte de traballar con Super-8.

Fernando Llanos. 360° (videoviaje), 2001
Unha cámara que xira 360 graos vai construíndo os 360 graos do horizonte. A peza forma parte da serie "Videoviajes", realizada polo artista nos últimos anos, fundindo as súas reflexións teóricas sobre a imaxe videográfica coas vivencias persoais dos seus traxectos. Ao final, a potencia plástica da obra, convertida en xeometría e luz, salienta sobre calquera outro significado e impón a súa propia poesía.

Xoán Anleo. Paisaxes para o olvido (Viraxe), 2006
No turismo masivo e organizado, os continuos disparos de cámaras fotográficas, cámaras en teléfonos móbiles e vídeo convértense en obsesión por rexistrar todo o novo e diferente. Os novos dispositivos dixitais acentúan esta acción multiplicándoa sen temor ata o infinito, con ansiedade de disparos continuos e constantes, dando igual o que se fotografe, como unha obriga ata a saturación de novas imaxes. "Unha xa non abonda". Esta aguda reflexión visual, rodada na Patagonia, convídanos a reflexionar sobre este desbordamento de vacuas instantáneas.

Daniel Cuberta. ¿Qué hago yo aquí?, 2007
A última entrega de videopoemas de Daniel Cuberta volve adquirir a forma dun caderno de memorias en vídeo. Unha atropelada e fluída combinación de imaxes ilustran a narración do artista que comparte co espectador unha emotiva viaxe en busca dun amor. Aeroportos e avións dende a ollada sentimental. En palabras do autor, "fitar atento as cousas que se moven e as que non se moven, e despois contalas nun filme".

Artistas

    Daniel Cuberta
    Eder Santos
    Elena Näsänen
    Fernando Llanos
    Ingrid Buchwald Eguia
    Sally Gutiérrez
    Susan Black
    Tere Recarens
    Ximena Cuevas
    Xoán Anleo

Texto curatorial

"A viaxe como coñecemento, misticismo, escritura, creación... a viaxe como "tradución" política e social.

Esta compilación reúne traballos en vídeo que convidan a reflexionar sobre a viaxe e as súas metáforas.

A rutina da vida burguesa outorgoulle ao feito de viaxar un halo de lenda. Viaxar era superar o spleen e o ennui, abandonarse á experiencia, correr ao encontro do outro. O contacto co estranxeiro era parte esencial do acceso á cultura.

Viaxes urbanas, videoviaxes, turistas impostados, viaxeiros trasnoitados, viaxes sentimentais, xeopolíticos e económicos.

Coa aparición do fenómeno turístico e o agravamento dos movementos migratorios na era global, a viaxe vólvese imposible, falsa, impostada, dislocada... aínda que sigamos tratando de nos enredar nas súas poéticas contraditorias e aínda nos abandonemos a ela nun arrebato nihilista".

Susana Blas
Comisaria da exposición

Comisariado

Susana Blas

Susana Blas é historiadora de arte contemporánea, especialista en creación audiovisual. Dende 1999 é guionista do programa Metrópolis de La 2 de TVE, un dos espazos audiovisuais de referencia. Como comisaria independente, especializada en videocreación, realizou exposicións en Photoespaña 02, onde foi autora do programa de videoarte Videos XX, sobre vídeo e feminismo. No Centro de Arte Reina Sofía en Madrid foi comisaria do ciclo de cinema e vídeo Adolescentes. Susana Blas é colaboradora de distintas publicacións sobre artes electrónicas e participou como relatora en numerosos cursos e encontros sobre arte e identidade, feminismo e videocreación. Dende febreiro de 2004 é comisaria do programa de videoarte de La Casa Encendida de Madrid: Videomix.