rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Viaxes ao imposible (para facer unha película, primeiro tes que subir a unha montaña)

Viaxes ao imposible (para facer unha película, primeiro tes que subir a unha montaña)

Datas: 
24 outubro 2019 - 7 maio 2020
Horario: 
XOVES, de 19.30 a 21.00
Lugar: 
salón de actos

AVANCE CURSOS TEMPADA 2019-2020

[HISTORIA DO CINEMA]
Viaxes ao imposible (para facer unha película, primeiro tes que subir a unha montaña)

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, coa colaboración de relatores convidados
Total número sesións: 23

PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 10 de setembro

Prezo: 190€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición. 

RESUMO / PRESENTACIÓN

Por cada película que chega a ver a luz, moitas son as que permanecen no limbo do non-filmado. Estas son as únicas películas perfectas porque só existen en potencia, como idea ou como soño. Pode que a beleza do cinema estea precisamente no seu carácter improbable e perecedoiro, no milagroso da súa maquinaria tecnolóxica que, como tal, sempre estará a mercede da imperfección, a anomalía, o defecto ou o erro. No interior de cada película aniña a posibilidade do "non ser" e a historia do cinema será sempre unha negociación entre as súas películas posibles, é dicir, aquelas que chegaron a filmarse e aínda se conservan, e as imposibles; aquelas que non se filmaron xamais ou se perderon para sempre.

Unha das máis fermosas historias posibles do cinema —á que se dedica este curso— é a dos creadores melancólicos que, como dixo Walter Benjamin de Kafka, cortexan constantemente "a pureza e a fermosura dun fracaso". Que o queren todo para en ocasións non chegar a nada, que aceptan o azar como unha parte máis das súas historias, que seguen avanzando a pesar dos accidentes, que non deixan de buscar o norte por moito que o perderan hai tempo, e que aceptan a deriva como ruta creativa. E no horizonte, sempre, a posibilidade de non chegar ou de non rematar de chegar nunca. Pero mentres tanto, que a viaxe sexa fermosa.

Imaxe: fotograma de Fitzcarraldo