rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Vigovisións, 1986-2000

Vigovisións, 1986-2000

Ficha

Datas: 
10 abril 2003 - 8 xuño 2003
Lugar: 
Primeira Planta
Horario: 
De martes a domingo (festivos incluídos): de 11:00h a 20:00h. Venres de 11:00h a 23:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Manuel Sendón
Comisariado: 
Xosé Luis Suárez Canal

Obras na exposición

A exposición consta aproximadamente de 265 obras fotográficas, das que 4 son instalacións.

Síntese do proxecto

Coa posta en marcha da exposición Vigovisións 1986-2000, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo cumpre co seu labor de revisión histórica e recuperación de autores e movementos contemporáneos en Galicia. Neste caso, trátase dun proxecto que naceu directamente vencellado á cidade de Vigo e cunha clara vocación internacional.

A Fotobienal, que tivo a súa primeira edición en 1984, era unha exposición fotográfica organizada bianualmente polo Concello de Vigo, producida e coordinada polo Centro de Estudos Fotográficos. A programación xiraba ao redor de tres ideas: recuperar a fotografía histórica galega, dinamizar a fotografía contemporánea galega e facer partícipe a Galicia no debate da fotografía universal. Se ben a súa primeira edición se centrou na realización dun balance da fotografía en Galicia, déuselle xa dende 1986 cabida a un proxecto de carácter innovador, e de proxección internacional, enmarcado neste contexto: Vigovisións.

O proxecto consistía en convidar a fotógrafos de diferentes países –con inclusión sempre dun fotógrafo galego– a traballar en Vigo durante un curto período, de xeito que durante eses días a cidade se convertía nun escenario de producción, nun lugar de traballo onde o artista recibía a súa influencia e a reflectía de acordo co seu proxecto estético.

Durante 16 anos, a cidade de Vigo contou coa presencia de fotógrafos universalmente coñecidos, que durante eses días transformaban a cidade no seu propio estudio e que nos aprendían a mirala e redescubrila a través dos seus ollos. O interese das fotografías realizadas no marco do proxecto Vigovisións sobrepasa claramente o ámbito local, como o proba o feito de que fosen incluídas en exposicións e libros publicados noutros países, tal como se reflicte na parte documental desta exposición.

Unha vez cumprido o período de exposición na Fotobienal, os traballos realizados pasaban a formar parte da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, que na actualidade inclúe un total de 625 obras, entre fotografías e instalacións. O Museo de Arte Contemporánea de Vigo levou a cabo un importante labor de rexistro e catalogación de todas e cada unha das obras antes de proceder –por obvias razóns de espacio– á selección das que serían incluídas na mostra.

A exposición Vigovisións 1986-2000 consta de 265 fotografías e 4 instalacións, caracterizadas pola súa pluralidade estética. Esta diversidade é tamén fiel reflexo da evolución do propio proxecto, que, se ben comezara a súa andaina a partir de traballos de corte documental, pouco a pouco foi dando cabida a outras concepcións fotográficas, a propostas máis experimentais, sen esquecer as formulacións innovadoras que estaban a se dar na fotografía documental.

De feito, un dos grandes valores desta exposición é o de servir como imaxe da evolución do medio fotográfico nos últimos anos: dende as obras temáticas ou documentais de pequeno formato, ao gran formato vixente hoxe en día, pasando pola chamada “fotografía expandida” ou instalacións fotográficas. A exposición é boa mostra de como a fotografía foi buscando e atopando o seu lugar dentro do discurso da arte actual.

A modo de exemplo, nesta mostra reúnense traballos que van dende os documentais de corte clásico como os de Cristina García Rodero ou Sebastião Salgado, a outros máis experimentais dentro da propia fotografía documental como os de Carole Condé/Karl Beveridge e Allan Sekula. Da fotografía estenopeica de Ruth Thorne-Thomsen aos traballos dixitais de Pedro Meyer e Daniel Canogar. Da plasticidade dos experimentos formais de Xulio Correa ou os fotogramas mesturados con imaxes convencionais de Joan Fontcuberta, á estratexia apropiacionista de Joachim Schmid, construída a partir da recollida de fotos familiares desbotadas. Da maxia do cotián de Vari Caramés ás escenificacións de Ron O’Donnell. Dos obxectos fotográficos de Wojciech Prazmowski ás instalacións de Luis González Palma, Gerardo Suter e Paloma Navares.

A montaxe da exposición pretendeu mostrar cada un dos traballos sen desvirtualos, do xeito máis semellante posible a como foran expostos no seu momento. Por outra banda, o criterio de ordenación cronolóxica das imaxes supón un achegamento intencionado ao que significou o proxecto Vigovisións e a súa evolución.

 

Artistas

    Allan Sekula
    Ana Teresa Ortega
    Antoine D’Agata
    Anxo Iglesias
    Aziz + Cucher
    Belén Gómez
    Carole Condé / Karl Beveridge
    Cristina García Rodero
    Daniel Canogar
    Gabriele Basilico
    Gerardo Suter
    Graciela Iturbide
    Guy Hersant
    Joachim Schmid
    Joan Fontcuberta
    Joel Sternfeld
    John Davies
    John Kippin
    Jorge Molder
    Jorge Rueda
    José Manuel Fors
    Julian Germain
    Karen Knorr
    Kenneth Josephson
    Koldo Chamorro
    Larry Fink
    Les Krims
    Luis González Palma
    Manfred Willmann
    Manuel Vilariño
    Marco Saroldi
    Milagros de la Torre
    Olivo Barbieri
    Paloma Navares
    Paul Den Hollander
    Paul Graham
    Paul Reas
    Pedro Meyer
    Pepe Galovart
    Ricard Terré
    Ron O’Donnell
    Ruth Thorne-Thomsen
    Sebastião Salgado
    Sue Packer
    Susan Meiselas
    Vari Caramés
    Vincenzo Castella
    Wilmar Koenig
    Wojciech Prazmowski
    Xulio Correa
    Xurxo Lobato

Texto curatorial

Vigovisións: historia de un proxecto

No ano 1986, o Centro de Estudos Fotográficos inicia o proxecto Vigovisións como unha sección da Fotobienal de Vigo. A primeira edición da Fotobienal en 1984 fixouse como obxectivo establecer unha panorámica global da produción fotográfica galega, aínda non realizada ata ese momento, e chamar a atención sobre o feito de que tiñamos unha historia fotográfica que cumpría recuperar, estudiar e difundir.

Na presentación desta primeira edición faciamos público que nas seguintes edicións a Fotobienal de Vigo tería unha dimensión internacional. Sen embargo, para nós o carácter internacional non só significaba dar a coñecer en Galiza a obra dos fotógrafos que estaban a achegar teses renovadoras, ou a daqueles históricos que tiveran transcendencia na fotografía posterior. Para nós supuña producir, e non só recibir, e este foi o espírito con que naceu o proxecto Vigovisións, en definitiva como unha proposta que permitise participar de forma activa no debate estético da fotografía contemporánea. O interese por producir obra, e non só por recibila, é -conxuntamente coa importancia dada á nosa fotografía, tanto histórica como contemporánea- a característica diferenciadora da Fotobienal de Vigo con respecto aos outros festivais fotográficos que floreceron na década dos oitenta en gran número de cidades.

Con este propósito convidamos a traballar en Vigo, durante unha semana do mes de xuño de 1986, a seis fotógrafos de diferentes países. A obra producida, un mínimo de dez fotografías, pasaría a ser propiedade do Concello de Vigo, o que implicaba o comezo dunha colección fotográfica, a Colección Fotográfica do Concello de Vigo.

O feito de que a fotografía ocupase naquel momento un lugar marxinal dentro do mundo da arte, e polo tanto a fotografía non comercial tivese un baixísimo valor económico, fixo posíbel levar o proxecto adiante coas posibilidades económicas de que se dispuña. Posteriormente a valoración económica da fotografía foi cambiando e a continuidade do proxecto sería inviábel de non ser pola traxectoria das edicións anteriores, e gracias á colaboración dos fotógrafos que tiñan participado no proxecto.

Cómpre engadirmos que non se trataba de limitar o proxecto a traballos de corte documental en torno á cidade de Vigo. Tratábase simplemente de converter a cidade nun lugar de traballo, e a forma en que esta podería aparecer reflectida nas imaxes era elección da ou do autor, que tiña liberdade total para abordar o seu traballo, tanto no que se refería á temática como ás formulacións. Isto é o que diferencia este proxecto dos encargos de corte comercial.

Outro elemento importante era a diversidade cultural dos participantes no proxecto, así como a pluralidade estética. Característica esta última que non se daba na actividade realizada no estado español. Considerabamos así mesmo esencial que entre os fotógrafos escolmados figurase un galego, para pularmos sen complexos pola fotografía galega confrontándoa coa que se estaba a producir noutros países. Condición que mantivemos como ineludíbel nas oito edicións do proxecto.

Se ben nun principio houbo unha preponderancia da fotografía de carácter documental, aínda que entendida de moi diferentes formas e entre as que se atopan as fotos realizadas por Sebastião Salgado ou por Cristina García Rodero (1988), aparecen outros traballos con concepcións máis conceptuais, como poden ser os de Paul Graham (1988) ou os de Allan Sekula (1992).

No ano 1994, con motivo do décimo aniversario da Fotobienal de Vigo, decídese darlle un maior protagonismo ao proxecto Vigovisións, aumentando o número de fotógrafos participantes a nove, e permitíndonos acentuar a pluralidade de formulacións e concepcións, que sempre foi un trazo esencial do proxecto. Así cómpre salientar a innovadora proposta documental de Carole Condé e Karl Beveridge, que introduce a ficción e a escenificación como estratrexias; as imaxes de Ron O'Donnell, producto de postas en escena efémeras realizadas coa única finalidade de seren fotografadas, ou as imaxes sobre a reconversión industrial de Joan Fontcuberta nas que experimenta coas posibilidades plásticas que resultan da confrontación de negativos e fotogramas. Todas elas moi diferentes do que se adoita entender por fotografía documental.

Nas seguintes edicións conviven propostas tan diferentes como as fotografías realizadas co uso dunha cámara estenopeica por Ruth Thorne-Thomsen, as imaxes producto da intervención dixital de Pedro Meyer, que constitúen a incorporación deste medio a Vigovisións, ou as de Daniel Canogar; o traballo apropiacionista de Joachim Schmid, construído a partir de fotografías atopadas na rúa nas que se cuestiona o concepto de autoría, ou os traballos de Karen Knorr e Ana Teresa Ortega baseados en referencias históricas e literarias galegas.

Cómpre dicir tamén que non todos os traballos se enmarcan dentro da concepción estética da fotografía bidimensional. Así debemos salientar os obxectos fotográficos tridimensionais de Wojciech Prazmowski; as instalacións realizadas por Luis González Palma, ou Paloma Navares, incluíndo outros elementos como a area; a Gerardo Suter, que introduce tamén o vídeo como parte importante da obra, e a Belén Gómez, que reconstrúe o espacio simulando unha cámara escura como réplica da cámara que usou para realizar o seu traballo.

Consideramos que unha exposición destas características, ademais de presentar os traballos realizados polos diferentes participantes no proxecto, debe suscitar unha reflexión sobre a evolución do propio proxecto, así como da súa repercusión. Neste sentido, ao seren os artistas que forman parte do proxecto moi representativos da fotografía contemporánea, Vigovisións permítenos un achegamento á evolución fotográfica no período abranguido polo proxecto.

Para poder percibir a evolución de Vigovisións, a exposición respecta a orde cronolóxica das edicións, e dentro de cada unha delas as obras están agrupadas por autores, para desta forma reforzar a autoría e poder contrastar os traballos dos diferentes autores de cada edición. Sen embargo, o excesivo número de imaxes para unha soa exposición -625-, levounos a realizar unha escolma adoptando como criterio fundamental non só o interese das fotografías e o seu significado e proxección dentro da obra do autor, senón tamén o feito de que a selección non afectase ao significado da obra en si. Procuramos por iso que as fotografías foran amosadas da forma máis semellante posíbel a como se fixo no seu momento.

Sen embargo consideramos de interese incorporar no catálogo toda a colección de Vigovisións mediante pequenas reproducións coas características técnicas das obras, para fornecermos dunha visión global do proxecto así como dispor de datos para posíbeis estudios futuros.

Moitas das obras realizadas no marco deste proxecto posteriormente foron incluídas polos seus autores nas súas exposicións ou nas súas publicacións. Nalgúns casos mesmo foron concibidas como parte dun proxecto máis global no que estaban a traballar e no que as incluíron, unhas veces constituíndo un capítulo concreto, como no caso do proxecto Fish Story de Allan Sekula, e outras como imaxes individuais dentro do conxunto global da obra, como New Europe de Paul Graham ou A España oculta de Cristina García Rodero. Outros, como Olivo Barbieri, Gabriele Basilico, John Davies ou os galegos Vari Caramés, Xurxo Lobato e Xulio Correa incluíron estas fotografías en exposicións posteriores.

Esta repercusión, en sentido estricto externa ao propio proxecto, constituíu non soamente un motivo de gran satisfacción senón que cremos que conferiu unha maior significación a Vigovisións, e que polo tanto era de grande interese levar a cabo unha aproximación a esa proxección para non abordarmos as imaxes soamente dentro do proxecto, senón tamén contemplármolas dentro da obra de cada un dos autores, estudiando a importancia que estes lle teñen concedido a posteriori ao traballo que realizaran en Vigo. Como consecuencia disto, a mostra compleméntase cunha escolma das publicacións onde estas imaxes foron incluídas.

 

 

Comisariado

Manuel Sendón

Manuel Sendón (A Coruña, 1951), licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes, é na actualidade profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e dirixe o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo.
Respecto á súa actividade en conxunto con Xosé Luis Suárez Canal, en 1984 crean o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que coordinou a Sala dos Peiraos de 1985 a 1991 e que dirixiu a Fotobienal de Vigo dende 1984 atá 2000. Son autores de libros monográficos sobre fotógrafos históricos galegos, como: Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Ksado, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández e Virxilio Vieitez, e Arquivo José María Massó. Son tamén responsables da edición das coleccións Álbum e O Trinque.

Xosé Luis Suárez Canal

Xosé Luis Suárez Canal (Allariz, Ourense, 1946), licenciado en Filosofía e Letras, Filoloxía Francesa, é catedrático de ensino secundario e na actualidade profesor asociado de fotografía na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela.
Respecto á súa actividade conxunta con Manuel Sendón, en 1984 crean o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), entidade que coordinou a Sala dos Peiraos de 1985 a 1991 e que dirixiu a Fotobienal de Vigo dende 1984 atá 2000. Son autores de libros monográficos sobre fotógrafos históricos galegos, como: Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Ksado, Luis Rueda, José Suárez, Arquivo Sarabia, Raniero Fernández e Virxilio Vieitez, e Arquivo José María Massó. Son tamén responsables da edición das coleccións Álbum e O Trinque.