rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
VIII Imaxinasons, Festival de Jazz de Vigo

VIII Imaxinasons, Festival de Jazz de Vigo

Datas: 
25 xuño 2012 - 27 xuño 2012
Horario: 
20.30
Lugar: 
salón de actos
Prezo: 
3€

Luns 25 de xuño 2012


Germán Díaz
Método cardiofónico

Nos anos corenta o doutor Miguel Iriarte, un cardiólogo vasco que desenvolveu un amplo labor científico e educativo, editou unha colección de vinilos con gravacións dos latidos de corazón dalgúns dos seus pacientes. O obxectivo é que os seus estudantes puidesen recoñecer diferentes cardiopatías. Ao músico Germán Díaz (Valladolid, 1978) pareceulle extraordinariamente poético o contido daqueles vinilos. Método cardiofónico é o proxecto que presenta nesta oitava edición de Imaxina Sons este músico, denominado polo crítico de jazz Pablo Sanz, como o "Jimmi Hendrix da zanfona, ou o Miles Davis do noso folclore".

Sobre a base dos rtimos lanzados cun gramófono accionado a través dun pequeño motor, Germán Díaz vai introducindo diferentes instrumentos de manivela. Eses instrumentos len os cartóns perforados nos que o músico escribiu as súas melodías. O resultado é unha sonoridade única na que a zanfona se acompaña do “playasax”, un xoguete dos anos vinte, a rolmónica cromática, a caixa de música e o órgano de barbaría. No directo vanse gravando os “loops” e improvisando por riba dos ritmos do corazón, os mesmos que fascinan a este músico. Germán Díaz ten tras de si un traballo abraiante amosando que a zanfona é un instrumento que se adecúa perfectamente á música contemporánea. Algúns din que toca a zanfona como se fose un instrumento distinto –póñase o caso, o violín-, o certo é que a sonoridade do instrumento nas mans de Díaz resulta impredicible. Hai anos que Germán Díaz cambiou a paisaxe de Castela pola de Galicia; en boa parte por atopar máis cancha para o traballo musical que lle interesa desenvolver. A música vénlle de familia, con dúas avoas pianistas e un tío chamado Joaquín Díaz, posiblemente o etnógrafo e folclorista máis reputado da península. Malia a súa xuventude, Germán Díaz gravou en 2003 o seu primeiro disco en solitario El sueter de Claudia (Dro East West) e posteriormente formou parte do proxecto Zona Acústica encabezado por Baldo Martínez e promoveu o RAO Trío co baixista Cesar Díez e con Diego Martín á batería. Ademais puxo en marcha Brigada Bravo & Diaz interpretando en clave de jazz, xunto ao guitarrista Antonio Bravo, temas da Guerra do 36. Formando parte do dúo Marisco Fresco, xunto a Diego Martín, participou na sexta edición de Imaxina Sons.

Germán Díaz, playasax, rolmónica cromática, caixa de música, órgano de barbaría, zanfona e live looping

www.germandiaz.net

Martes 26 de xuño 2012


Suelen Estar Quartet

Desde o punto de vista creativo, Suelen Estar Quartet é un dos proxectos máis interesantes xurdidos no ámbito musical en Galicia nos últimos tempos. Desde Vigo este cuarteto desenvolve un traballo de investigación ao redor da improvisación e dos sons contemporáneos. Macarena Montesinos, violoncello, Saul Puga, contrabaixo, Elena Vázquez, violín, e María José Pámpano, viola, uníronse para propoñer unha experiencia heteroxénea que envolve a audiencia. A organización de Imaxina Sons sente fachenda de contar con eles no escenario do MARCO, un palco ousado e experimental, nesta oitava edición.

Preséntanse como un cuarteto de improvisación libre de corda frotada, nacido no seo da OMEGA (Orquestra de Música Espontánea de Galicia) da que forman parte os catro. Non son nin moito menos un cuarteto clásico. Sen partituras todo o que crean é propio, inmediato, exclusivo e irrepetible. O seu obxectivo e crear unha linguaxe, un código común e único. "Unhas novas normas do xogo, para xogar ao xogo de sempre pero de forma diferentes", din. Os catro músicos, de formación clásica, participan de maneira separada en proxectos dispares dedicándose nalgún caso ao rock, á música antiga ou ao jazz. De feito, como reflicte o seu nome, suelen estar aquí ou acolá.

Como Suelen Estar Quartet na pasada edición do ALT Festival Alternativo das Artes Escénicas subiron ao escenario cun proxecto compartido coa bailarina Mónica García no que se puña de manifesto o seu traballo de investigación, acción e improvisación. Tamén o presentaron no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Nos últimos meses teñen demostrado en diferentes concertos polo país que son capaces de sorprender cada vez máis. Teñen trinta anos, son de Vigo, o seu nivel técnico é indudable e a súa capacidade creativa abraiante. Con eses vimbios, ao festival Imaxina Sons 2012 non lle quedaba outra que incluílos no programa desta oitava edición.

Macarena Montesinos, violoncello
Saul Puga, contrabaixo
Elena Vázquez, violín
María José Pámpano, viola

http://suelenestarquartet.jimdo.com

Mércores 27 de xuño 2012

Daniel Levin

De Daniel Levin (Vermont, EEUU, 1974) di a publicación norteamericana All About Jazz que é un dos violoncellistas máis excepcionais traballando na vangarda musical; tamén na revista francesa Jazz Magazine subliñan que é unha figura con maiúsculas do violoncello. Indubidablemente singular como compositor, improvisador e intérprete, Levin coloca o cello en primeiro plano no seu disco en solitario Inner Landscape (2011) demostrando as súas posibilidades expresivas. Por veces semella un combate; noutras, un namoramento. Daniel Levin e o seu cello protagonizan unha das sesións máis singulares do 8º Festival de Jazz de Vigo no escenario do MARCO.

Aínda que na etapa escolar tamén tocou o saxo, Daniel Levin comezou co cello aos seis anos teimando cunha aprendizaxe que o levou a graduarse en Boston no ano 2001. A partir de aí a súa será unha dedicación profesional á música e o seu primeiro disco como líder será publicado en 2009 con formación de cuarteto e baixo o título Don´t go it alone. Nos últimos tempos colaborou e participou en gravacións doutros músicos destacados como Tim Berne, Anthony Braxton, Willian Parker e Ken Vandermark.

Con Inner Landscape (Clean Feed 2011), o músico estadounidense acomete un desafío con resultado sobresaínte: unha gravación só con cello con seis improvisacións que se converten nun mosaico da potencialidade contemporánea deste instrumento. Semella que a Levin gustáballe xogar coas pezas do lego cando era cativo e gozou moito ir colocando formas e cores neste disco sen sentir a presión de construír formas útiles. O certo é que consegue crear unha paisaxe que envolve o ouvinte. O pasado ano deu un gran concerto no Festival Jazz ao Centro de Coimbra, nun escenario abraiante como é o Mosteiro de Santa Clara-a-Velha, obtendo da audiencia unha atención inquebrantable. A conta deste show, escribía o crítico Nuno Catarino: " Se por veces o arco delineaba melodías doces, outras veces as cordas expresaban unha rugosidade atípica. A exuberancia técnica foi particularmente exposta nos momentos en que Levin traballaba en simultáneo o arco e o pizzicato". O que nos propón no MARCO de Vigo é unha viaxe emocional e inesperada co cello como compañeiro.

Daniel Levin, violoncello

www.daniel-levin.com