VIRXILIO VIEITEZ
Ficha
O ano 2010 conclúe con outra grande individual na planta baixa do MARCO. Dous anos despois da morte de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930-2008), no mes de outubro inaugúrase no MARCO a esperada retrospectiva deste xenio da fotografía que, ao igual que outros grandes fotógrafos, revolucionou para sempre o modo de captar e percibir a realidade. A existencia dun importante arquivo familiar que garda a totalidade da súa produción, fará posible unha investigación a fondo. Ademais dos traballos máis coñecidos de Vieitez, presentaranse obras inéditas, como fotografías en cor e vintage, nunha selección comisariada pola italiana Enrica Viganò, especialista en fotografía histórica. Coproducida coa Fundación Telefónica, a exposición poderá verse despois nas renovadas salas desta institución en Madrid, para viaxar máis tarde a outras cidades.