rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Visita – Santiago de Compostela

Visita – Santiago de Compostela

Datas: 
2 xuño 2018
Lugar: 
Estación del tren de Urzaiz

 

Programa:
08:50 Saída de Vigo, Estación de Urzaiz.
09:40 Chegada Santiago.
11:00 CGAC, Recepción polo Director que nos acompañará na visita guiada
ás exposicións: Carlos Garaicoa e Antoni Muntadas.
14:00 Xantar Libre.
16:00 Visita guiada á Gaias Cidade da Cultura de Galicia, á exposición
Baldomero Pestana e Betula Pendula.
19:50 / 20:40 / 21:37 Horarios de tren regreso a Vigo.
Rogámosvos confirmedes directamente en taquilla do MARCO no teléfono
986 113900 Ext. 100 canto antes.
CARLOS GARAICOA. O PALACIO DAS TRES HISTORIAS
Artista: Carlos Garaicoa
Comisario/a: Claudia Gioia
Carlos Garaicoa (La Habana, 1967) observa a cidade, as arquitecturas e os
soños latentes, os xa abandonados e os aínda realizables; le os seus
argumentos, agravios e recordos imborrables logo, con creatividade
incansable, traza outras perspectivas, enxerta pretérito e futuro, debuxa
novas liñas de fuga e busca o común e a multitude como suxeitos dun
incesante transformarse noutra cousa.
Así como A Habana constituíra un punto de partida para indagar no sentido
e as posibilidades dun momento da vida social, de igual modo as cidades e
a historia europea convértense en metáfora da contemporaneidade a
través das palabras, as imaxes e a historia de utopías económicas, políticas
e culturais que se fixeron tecido conxuntivo, rostro urbano, subxectividade,
ata desaparecer, transformárense e declinar cara algo que aínda está por
dilucidar.
El palacio de las tres historias arranca desde a cidade de Turín e detense
nos diferentes impulsos que caracterizan a súa historia —o industrial, o
racionalista e o da reutilización de edificios abandonados— para transcender
de golpe a especificidade da historia italiana e converterse nun relato xeral
do século XX, dos resultados e as expectativas arredor de novas
posibilidades. Procedente da Fondazione Merz de Turín, o proxecto de
Carlos Garaicoa chega ao CGAC de Santiago de Compostela nun continuo
narrativo onde a palabra é antirretórica, a imaxe proxección de futuro e a
arquitectura argumento social a despeito de toda simboloxía do poder.
MUNTADAS. ESTRATEXIAS DO DESPRAZAMENTO
Artista: Antoni Muntadas
Comisario/a: Alicia Chillida
Antoni Muntadas (Barcelona, 1942), figura de referencia da arte
internacional, constrúe un discurso transdisciplinar centrado na crítica dos
medios de comunicación; sitúa a función extensiva da arte na interacción
coas ciencias sociais, os medios de masas e as novas tecnoloxías da
información para desvelar os mecanismos lingüísticos do poder. Nos anos
setenta crea o termo media landscape para denominar esta nova paisaxe
mediática que é, desde ese momento, o obxecto principal da súa
investigación.
Estratexias do desprazamento é unha mostra que revisa o traballo de
Muntadas a través de proxectos específicos e incorpora o xiro recente da
súa mirada cara á paisaxe. O autor traza un percorrido que refire un
territorio inestable, cargado de interrogantes, nunha selección de proxectos
que converxen ao redor de tres ideas: perder(se), desaparecer, ir(se).
A exposición reflicte unha dimensión esencial do traballo de Muntadas, xa
que o conxunto constitúe un proxecto de proxectos aberto, en proceso. Os
vídeos Dérive Veneziane(2015), Guadiana (2017) e Finisterre (2017) —os
dous últimos realizados para esta exposición— interactúan con traballos
como Media Sites /Monuments: Buenos Aires (2007), Double
Exposure (1998-2007), On Translation: Fear/Miedo (2005), On Translation:
Miedo/Jauf (2007), Situaciones (2008) e La Siesta / The Nap /
Dutje (1995).
BALDOMERO PESTANA, A VERDADE ENTRE AS MANS
Baldomero Pestana, a verdade entre as mans rescata e pon en valor a un
autor descoñecido, a pesar da súa altísima calidade, e que representa un
dos nomes máis relevantes da fotografía hispanoamericana do século XX.
Unha situación xerada, en parte, por tratarse dun fotógrafo que non se deu
importancia, o que non significa que carecese de conciencia artística, xa que
foi este talento o que o situou como o gran retratista da Xeración dos 50 –
na súa etapa en Perú– ou como o autor dunha fotografía de denuncia con
personaxes da rúa, á altura dos grandes mestres do movemento.
A mostra, que xorde a través dunha nova colaboración da Fundación Cidade
da Cultura co Instituto Cervantes, supón a maior e máis completa
exposición de Pestana realizada até o momento, cun total 150 fotografías e
documentos referentes á traxectoria profesional do artista (revistas Life,
Times ou Squire, etc.), así como obxectos persoais. Todos eles enriquecerán
o percorrido expositivo revelándonos a vida e a obra do fotógrafo, que
forma parte non só da memoria e patrimonio cultural de Galicia, senón do
resto de España e de países como Perú e Francia, onde traballou.
Baldomero Pestana é un galego froito da emigración, que regresa á súa
terra ao final dos seus días e deixa o seu legado –17.000 negativos, moitos
deles inéditos– en Galicia, que na práctica unicamente o viu nacer. Un
legado que reflicte á perfección a súa vida e o seu traballo, do que se debe
enxalzar o compoñente social das súas fotografías que o achegan á vertente
máis humanista –o seu traballo en Perú– e á vertente máis intelectual
dunha das épocas máis simbólicas e de relevancia literaria e cultural como
son: o París da década dos 60 do pasado século co coñecido ‘boom
latinoamericano’; a eclosión do jazz; ou o nacemento da chamada
contracultura. Na súa obra conviven a calidade coa popularidade no seu
senso máis rico e estimulante.
Con esta exposición faise un percorrido polo mundo de Baldomero Pestana,
centrándose no seu labor como gran retratista de escritores, artistas e
intelectuais que retrataba por admiración e polos que nunca quixo cobrar:
Adolfo Bioy Casares, Gabriel García Márquez, Man Ray, Pablo Neruda, Mario
Vargas Llosa...
E inclúese, ademais, as súas fotografías de paisaxe e ambiente humano, xa
que ademais de gran retratista, hai que destacar o seu traballo de
fotorreporteiro publicando nas mellores revistas de Perú e traballando para
UNICEF para quen realiza uns encargos de enorme sensibilidade nas zonas
máis pobres do país andino.
Recupérase para esta exposición non só a arte de Baldomero Pestana,
senón unha vida chega de curiosidade e admiración polos protagonistas
culturais da época, os que se achegou para retratalos e establecendo
amizade con algúns deles. Ademais, este proxecto expositivo coincide e
conmemora o centenario do nacemento do fotógrafo.
Asemade, Pestana, a verdade entre as mans incluirá a proxección dunha
peza audiovisual, extraída do vídeo documental inédito sobre o autor, ‘A
imaxe reb/velada’, dirixido por Andrea Vázquez García e producido por
Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo,
despois do seu regreso a Galicia.
Maís de 10.000 visitas no Instituto Cervantes de Madrid
Alterando a orde habitual de itinerancia, a exposición arrincou na
sede central do Instituto Cervantes, en Madrid, no mes de febreiro (do 15
de febreiro ao 8 de abril de 2018), onde recibiu máis de 10.000 visitas.
O 30 de de abril chega á Cidade da Cultura de Galicia onde permanecerá
ata 2 de setembro. Finalizada esta, iniciarase unha itinerancia por diversos
centros do Instituto Cervantes, comezando polo de París, onde se exhibirá
entre o 8 de novembro e o 31 de xaneiro de 2019.
BERTULA PENDULA. INTERVENCION PAISAXISTICA NAS
TORRES HEJDUK
A fraxilidade dos bosques galegos feita arte. Esta é a idea Martín Toimil
para a intervención paisaxística Betula Pendula nas Torres Hejduk, na que
fai uso do carácter dual destas estruturas (vidro-pedra/transparente-opaca)
nun xogo cos opostos cos que quere reflectir a realidade dos montes
galegos. Por unha banda, a beleza, a través das paisaxes que ofrecen as
súas especies autóctonas, como o bidueiro. E pola outra, a destrución,
causada pola lacra dos lumes.
Para esta intervención baseada na confrontación, Martín Toimil —licenciado
en Arquitectura paisaxista pola Universidade Técnica de Lisboa— pendura
bidueiros na torre de cristal e fai o mesmo na de pedra. Mais, nesta última,
coloca os queimados pola última vaga de lumes que sufriu Galicia. En
ambas instalacións están instalados do revés, emulando o perfil do alzado
das Torres Hejduk, xa que o oco entre os dous edificios é idéntico á silueta
dunha árbore invertida.
Na torre de cristal, os bidueiros están suspendidos con amarres desde a
propia cepeira, onde tamén está instalado un sistema de rego que permita
manter as árbores vivas. No chan está colocado un espello. Deste xeito,
trasládaselle ao visitante a sensación de camiñar sobre as copas.
Mentres, na torre de pedra que acolle as árbores queimadas de xeito
invertido, a modo de escultura, aproveitarase a ausencia de luz e
instalarase unha iluminación que transmita sombras proxectando a
escultura por todo o interior.
MARTÍN TOIMIL
Martín Toimil Mato é tamén enxeñeiro agrónomo pola Universidade de
Santiago de Compostela. Dende 2010 dirixe o estudio de arquitectura
paisaxista laND30, a través do cal desenvolve a súa actividade profesional.
Algúns dos seus traballos teñen acadado diversos premios en concursos
nacionais e internacionais. O Xardín Celta que resultou gañador na 2013
World Landscape Art exposition en Jinzhou na China. Nebula acadou o
primeiro premio no concurso internacional para a Urbanización Marina Al
Arab en Dubai, presentado en colaboración co estudio de arquitectura Acero.
Epigrafía obtivo unha mención de honra no concurso de Ideas para o
Claustro de San Francisco no Museo Provincial de Lugo no 2011, o igual que
a proposta para a revitalización da Rúa Frei Caneca en São Paulo, O Brasil.
Recentemente, Activar el Cráter, en colaboración con Iván Torres
arquitectos, resultou vencedora do concurso de ideas para o Parque Urbano
Playa Honda en Lanzarote, nas Illas Canarias. Ademais compaxina o seu
labor profesional con actividades de divulgación e docencia.
OUTRAS INTERVENCIÓNS NAS HEJDUK
As Torres Hejduk soen ser obxecto de intervención artística, no caso
de Betula Pentula de carácter paisaxista, para converterse, deste xeito, nun
espazo expositivo non convencional que ten acollido propostas de artistas
contemporáneos como Pamen Pereira, Ana Soler, Alejandra Sampedro, Félix
Fernández, Sonia Navarro ou a Irma Álvarez-Laviada.
As Torres Hejduk foron deseñadas polo arquitecto norteamericano John
Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque de Belvís de Santiago.
Tras o falecemento de Hejduk, o seu amigo Peter Eisenman decidiu
integralas no proxecto da Cidade da Cultura. Deste xeito, convertéronse
nun dos primeiros elementos en construírse no monte Gaiás. Visibles desde
moitos puntos de Compostela, a súa forza visual outorgarlles un carácter
icónico, converténdose nun dos símbolos máis representativos da Cidade da
Cultura.
Desde a súa apertura ao público, as Torres Hejduk acollen propostas de
artistas contemporáneos e están conectadas ao Encontro de Artistas Novos
‘Cidade da Cultura de Galicia’, no que os participantes son convidados a
participar nun concurso de propostas para intervir nelas. Precisamente, a
última intervención foi a de Fredy Solano con A través dun horizonte sen
corpo e a vindeira será a do último proxecto gañador: ‘AAMA’ (Arquivo
Aberto da Memoria Arquitectónica)

Programa


08:50 Saída de Vigo, Estación de Urzaiz.
09:40 Chegada Santiago.
11:00 CGAC, Recepción polo Director que nos acompañará na visita guiada ás exposicións: Carlos Garaicoa e Antoni Muntadas.
14:00 Xantar Libre.
16:00 Visita guiada á Gaias Cidade da Cultura de Galicia, á exposición Baldomero Pestana e Betula Pendula.
19:50 / 20:40 / 21:37 Horarios de tren regreso a Vigo.

Rogámosvos confirmedes directamente en taquilla do MARCO no teléfono 986 113900 Ext. 100 canto antes.

Máis información sobre a exposición no arquivo de descarga.

Fotografía de portada: Carlos Garaicoa. El palacio de las tres ciudades. Fuente: CGAC