rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
A VOZ DO TRADUTOR. Premio MARCO/Frac Lorraine/SFKM para novos comisarios 2014

A VOZ DO TRADUTOR. Premio MARCO/Frac Lorraine/SFKM para novos comisarios 2014

Ficha

Datas: 
29 maio 2015 - 30 agosto 2015
Lugar: 
Salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Frac Lorraine, Metz, Francia / SFKM Sogn og Fjordane Museum of Fine Art in Førde, Noruega
Comisariado: 
Martin Waldmeier

Unha exposición coproducida por MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 49 Nord 6 Est - FRAC Lorraine, e SFKM Sogn og Fjordane Kunstmuseum

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
29 maio–30 agosto de 2015

49 Nord 6 Est - FRAC Lorraine
30 xaneiro - 3 maio de 2015

Sogn og Fjordane Kunstmuseum – SFKM
31 outubro 2015 –31 xaneiro 2016 

Comisariada por Martin Waldmeier, gañador do Premio MARCO/FRAC Lorraine/SFKM para novos comisarios 2014

Xu Bing, Sylvie Boisseau & Frank Westermeyer, Erik Bünger, Luis Camnitzer, Esra Ersen, Mladen Stilinović, Jakup Ferri, Rainer Ganahl, Dora García, Joseph Grigely, Nicoline van Harskamp, Susan Hiller, Christoph Keller, Zineb Sedira, Ingrid Wildi Merino

Catálogo


A voz do tradutor = La voz del traductor = La voix du traducteur = The Tranlator’s Voice = Omsetjarens Røyst
. Catálogo colectivo, 2015. Textos: Martin Waldmeier, Béatrice Josse, Agar Ledo, Ingrid Norum, Iñaki Martínez Antelo
Textos en galego, castelán, francés, inglés e noruego
115 p., 20 x 14 cm. PVP: 2€ 

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00

Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


Calquera pode ser un tradutor en potencia?

Esta é a hipótese que formula o novo comisario suízo Martin Waldmeier. A través das obras de quince artistas de diferentes xeracións e procedencias, a exposición "A voz do tradutor" crea un percorrido que analizar permite ao visitante e repensar o lugar da tradución na era da globalización.

O termo "tradución" utilízase aquí no seu sentido máis amplo, que inclúe os esforzos por comunicarse nunha lingua que non é a propia, sen tomar en consideración o dominio da lingua, as nocións básicas de expresión ou o forte acento. Se cadra a lengua do futuro podería derivarse desta hibridación.

Lingua materna, lingua estranxeira, lingua oficial ou minoritaria, lingua en perigo de desaparición, lingua vehicular... No importa a categoría na que se encadren, os idiomas non son só unha forma de comunicación, senón que ofrecen un sentido de pertenza, crean comunidade, e filtran o noso xeito de percibir o mundo.

Do mesmo xeito, a lingua relaciónase co poder, e pode ser empregada tanto para incluír coma para excluír aquel que fala diferente. Nun momento no cal a emigración e o desarraigamento son cada vez máis habituais, a exposición formula as seguintes preguntas: que significa vivir entre linguas? A globalización convértenos a todos en "tradutores"? Cal será o idioma do futuro?

Artistas


XU BING
Chongqing (CN), 1955. Vive e traballa en Beijing (CN)

Telephone, 1996-2006
9 páxinas impresas resaltadas con rotulador acompañadas de traducións de apoio
Dimensións variables
Cortesía do artista

Ao igual ca no xogo popular do teléfono avariado, a peza de Xu Bing recolle un extracto dun libro sobre tradución escrito orixinalmente en chinés, que vai traducindo a nove idiomas diferentes para finalizar de novo no chinés. Con cada tradución, o texto muda o seu significado. Cada unha representa en si mesma unha reescritura, o que devén nun texto completamente novo. Onde radican os límites da tradución? Pódese relacionar a tradución coa invención?

SYLVIE BOISSEAU & FRANK WESTERMEYER
Thiais (FR), 1970. Essen (DE), 1971. Viven e traballan en Xenebra (CH) e Berlín (DE)

Chinese is a plus, 2008
Videoinstalación, 2 vídeos, cor, son,
2 fotografías 30.3 x 37.4 cm c/u
Cortesía dos artistas

Sylvie Boisseau & Frank Westermeyer analizan as diferentes razóns que animan á poboación europea a estudar chinés. Mentres as conversas entre alemáns adultos revelan unha motivación económica, para os estudantes de orixe chinesa o dominio da lingua representa unha cuestión de identidade cultural. Por que aprendemos idiomas? Que significa para nós aprender unha lingua estranxeira?

ERIK BÜNGER
Växjö (SE), 1976. Vive e traballa en Berlin (DE)

The Allens, 2004
Vídeo, cor, banda sonora con voz simulada por ordenador
28 min 18 seg
Cortesía do artista

Erik Bünger aborda dun xeito cómico a relación entre lingua, xestualidade, voz e identidade cultural, convertindo a “dobraxe” nunha forma de posesión mediante a cal o protagonista asume unha nova personalidade. Neste vídeo, unifica todas as voces nas que se dobra a Woody Allen en diferentes idiomas e crea deste xeito un personaxe que cambia constantemente de actitude, facéndose incomprensible. Cal é a relación entre lingua e personalidade?

LUIS CAMNITZER
Lübeck (DE), 1937. Vive en Great Neck, Nova York (US)

Insults, 2009
Texto mural nos seis idiomas oficiais da ONU (inglés, español, árabe, ruso, francés e chinés) e en galego
Instalación. Técnica e dimensións variables
Cortesía do artista & Alexander Gray Associates, Nova York

Se ben nun principio a afirmación na obra de Camnitzer semella ofensiva, a coexistencia de varios idiomas consegue un efecto contrario e absurdo. Este autor, que na década dos sesenta foi un dos primeiros en facer uso do texto como medio artístico, recorre ao humor para facer patente que a cada territorio lle corresponde unha lingua dominante, e que o nivel de coñecemento de cada quen representa un factor determinante cara á integración ou exclusión social. De que xeito pode unha lingua —que nun principio serve para comunicar— ser empregada para incluír ou excluír á xente da sociedade?

ESRA ERSEN
Ankara (TR), 1970. Vive e traballa en Estambul (TK) e Berlín (DE)

f You Could Speak Swedish, 2001
Vídeo, cor, son
23 min
Cortesía do artista e Colección Moderna Museet, Estocolmo

Esra Ersen adoita traballar con comunidades de emigrantes. Para esta peza colaborou cun grupo de refuxiados en Suecia, recollendo as súas dificultades co estudo do sueco. Para eles, a aprendizaxe desta lingua significa unha nova esperanza, mais tamén a perda da súa lingua materna e da súa identidade. Unha persoa pode aprender unha lingua estranxeira, mais pode aprender a se sentir “en casa” nesa mesma lingua?

MLADEN STILINOVIĆ
Belgrado (XK), 1947. Vive e traballa en Zagreb (HR)

An Artist who Cannot Speak English is No Artist, 1992
Bandeira, pintura acrílica sobre seda artificial
Cortesía do artista

Mladen Stilinović ilustra a presión á que se somete aos artistas, que se ven na obriga de aprender inglés se queren ter recoñecemento no panorama artístico internacional. O artista pendura con ironía a súa tea en oposición ao sistema capitalista e á súa visión globalizadora do mundo da arte. É o inglés indispensable? Hai alternativas?

JAKUP FERRI
Pristina (XK),  1981. Vive e traballa en Amsterdam (NL) e Pristina (XK)

An Artist who Cannot Speak English is No Artist, 2003
Video, cor, son
3 min 56 seg
Cortesía Galeria Arsenał, Białystok e Podlaskie Towarzystwo Zachęty Sztuk Pięknych Colección II, Polonia

Hai doce anos, cando Jakup Ferri —na actualidade artista de éxito que vive en Berlín— estudaba arte en Kosovo, respondía á peza de Mladen Stilinović neste vídeo de curta duración. Daquela case non sabía falar inglés, polo que máis ca cobrar sentido, faise patente a loita —e a vergonza— que representa para un artista non saber falar a lingua do mundo da arte.

RAINER GANAHL
Bludenz (AT), 1961. Vive e traballa en Nova York (US)

Basic Chinese, 1993-hoy
95 follas de estudo (selección)
22,9 x 30,5 cm c/u
Vídeo, cor, son (material seleccionado)
55 min
Corstesía do artista 

I Hate Karl Marx, 2010
Vídeo, cor, son, 5 min 4 seg
Cortesía do artista

A maior parte do traballo creativo de Rainer Ganahl nace a partir de experiencias —das numerosas dificultades e dos erros— que xorden coa aprendizaxe de idiomas. Durante toda a súa vida, o artista obsesionouse con aprender chinés, árabe, xaponés, italiano, ruso, coreano, grego, e varios dialectos europeos, rexistrando sistematicamente os seus propios esforzos. A peza Basic Chinese [Chinés básico] está composta por unha selección de notas froito de toda unha década dedicada ao estudo do chinés. Pódese considerar a aprendizaxe de idiomas como forma de arte?

O vídeo I Hate Karl Marx [Odio a Karl Marx] imaxina un mundo no cal a cultura e a lingua chinesas arrecantan e dominan por completo a cultura occidental. Tal futuro é posible? Como se relacionan idioma e poder?

DORA GARCÍA
Valladolid (ES), 1965. Vive e traballa en Barcelona (ES)

Letters to Other Planets
, 2005
Traducción do comunicado de prensa da exposición en 12 idiomas
A4
Cortesía da artista, Colección FRAC Bourgogne e Galerie Michel Rein, París

Dora García engade doce linguas minoritarias á nota de prensa, editada habitualmente en galego, español e inglés. Con isto suxire que o uso destas linguas pode ser un punto a favor e non un obstáculo porque pode chegar a públicos aos que doutro xeito non se dirixirían as institucións culturais. A quen lle “fala” un museo coas súas exposicións? Que lingua(s) debería empregar?

JOSEPH GRIGELY
East Longmeadow, Massachusetts (US), 1956. Vive e traballa en Chicago (US)

People are Overhearing Us, 2012
2 impresións de pigmento sobre dibond, cristal acrílico; 111,8 x 188 cm c/u
Cortesía do artista e Air de Paris, París

Joseph Grigely analiza o potencial creativo que xurde do encontro entre formas de comunicación oral e escrita. O artista perdeu a súa capacidade de ouvir na infancia e as súas
Conversation Pieces [Anacos de conversación] están baseadas nas notas que intercambia habitualmente nas súas conversas. Se ben a orixe destas notas é incerta, o artista convídanos a descubrir, imaxinar e reinventar todo tipo de significados. Que acontece cando fallan os modos de comunicación habituais?

NICOLINE VAN HARSKAMP
Hazerswoude (NL), 1975. Vive e traballa en Amsterdam (NL)

English Forecast, 2013
Performance en directo realizada unha única vez; video
38’ min

Encargo concibido orixinariamente para BMW Tate Live Performance Room, Tate Modern, Londres, 2013
Cortesía da artista

Nicoline van Harskamp grava a persoas de diferentes nacionalidades que contan as súas experiencias como falantes de inglés, a súa segunda lingua. En conxunto, estes testemuños compoñen unha realidade representada na figura de catro actores de dobraxe especializados en acentos diferentes, a través dos cales se analiza a transformación paulatina da lingua inglesa, que é utilizada internacionalmente a xeito de lingua vehicular por usuarios non nativos. En que idioma nos comunicaremos no futuro?
 

SUSAN HILLER
Tallahassee, Florida (US), 1940. Vive e traballa en Londres (GB)

The Last Silent Movie, 2007
Video, subtítulos, son
21 min
24 gravados enmarcados
37 x 42,5 cm c/u
Cortesía Colección FRAC Bourgogne

As estatísticas estiman que cada ano desaparecen no mundo arredor de vinte e cinco linguas, e con elas pérdese toda a riqueza de coñecementos vinculados á súa cultura, natureza e historia. Este foi o motivo que levou á artista Susan Hiller a rexistrar as voces dos últimos falantes de linguas en perigo de desaparición. Que valor teñen esas linguas e a súa nutrida tradición oral? Deberían ser preservadas? Que condicións levaron á súa desaparición?

CHRISTOPH KELLER
Friburgo (DE), 1967. Vive e traballa en Berlín (DE)

Interpreters, 2008
Videoinstalación (cabina de interpretación, cor, son)
Cortesía do artista & Esther Schipper, Berlín

A raíz dun convite do artista a reflexionar sobre as súas experiencias, cinco intérpretes profesionais comentan como a súa educación multicultural conformou o seu modo de exercer a súa profesión. Ser intérprete significa identificarse coa persoa para a que se traduce e somerxerse por completo no outro idioma. Representa tamén o xeito de pertencer a diferentes lugares, de interconectar diferentes maneiras de experimentar o mundo. É posible “aprender” a ser intérprete? Ou trátase máis ben dun “sentido de identidade” entre linguas e culturas?

ZINEB SEDIRA
París (FR), 1963. Vive e traballa en Londres (GB), París (FR) e Algiers (DZ)

Mother Tongue, 2002
[Mother and I (Francia) / Daughter and I (Reino Unido) / Grandmother and Grandaughter (Argelia)]
Videoinstalación en 3 pantallas, cor, son, 4 min 33 seg c/u
Colección Musée de l’histoire de l’immigration, Palais de la Porte Dorée, París
Cortesía da artista e kamel mennour, París

Zineb Sedira fai de tradutora entre varias xeracións da súa familia. A súa nai emigrou de Alxeria a Francia e ela, coa súa filla, de Francia ao Reino Unido. Avoa e neta non falan o mesmo idioma. Ao deliñar esta historia familiar, analiza as ideas de preservación da identidade e de perda, intimamente conectadas á transmisión oral da memoria familiar. En que medida está ligada a lingua á identidade? Esa identidade, pode estar composta por múltiples linguas?

INGRID WILDI MERINO
Santiago de Chile (CL), 1963. Vive e traballa en Biel e Xenebra (CH)

Otra mirada a lo insignificante, 1982-2014
25 fotografías, texto
Dimensións variables
Cortesía Colección 49 Nord 6 Est – FRAC Lorraine 

Durante a súa carreira, Ingrid Wildi Merino, inmigrante chilena en Suíza, comprobou en carne propia a relación entre o dominio do idioma e as oportunidades de acceso ao mercado laboral. Relaciona o seu desenvolvemento profesional co diferente urbanismo das zonas nas que traballa, pasando dos arrabaldes ao centro da cidade. Que papel xoga o dominio dos idiomas no ascenso na escala social? Cal é a relación entre idioma, traballo e arquitectura da cidade?

Texto curatorial


“No principio existía... a tradución", escribía o poeta e tradutor finés Leevi Lehto. A tradución —continúa— é a verdadeira base da cultura, e ese "tráfico" entre cultura e idioma fai que poidan crecer e se transformar ao longo do tempo. A tradución permite que o de fóra entre no noso mundo, que fale nunha lingua intelixible para nós, e nese proceso, expande e transforma o noso punto de vista.

Con A VOZ DO TRADUTOR convidámolo a que se una a nós e invitamos tamén a un grupo de artistas internacionais a que reflexionen sobre a cuestión da tradución no noso presente global. Hoxe as traducións están por todas partes: acompañando unha transacción internacional de bens, facilitando negociacións diplomáticas entre líderes políticos, posibilitando a difusión diaria de noticias, permitindo a comunicación online entre países e continentes, e ofrecéndonos tanto cinema como literatura de fóra. O ritmo e a intensidade da comunicación global aceléranse e a necesidade de tradución medra.

O proceso de tradución asociado á perda de información é anterior a Lost in Translation: os idiomas e as culturas son diferentes, e a tradución sempre é unha aproximación, unha tarefa de enorme dificultade de mediación entre as máis diversas expresións da experiencia humana. Pero é posible tamén pensar nos idiomas e no multilingüismo, non só como un reto ou unha dificultade, senón como fonte de creatividade e aprendizaxe? Como se pode percibir o mundo dun xeito diferente a través de distintos idiomas? Pode a tradución ser un lugar destinado a actividades críticas e mesmo subversivas.

Dende logo, alén da globalización, o fenómeno da tradución non é novo. Calquera encontro entre culturas require de tradución, e ningún destes encontros foi imparcial nin pacífico durante gran parte da historia actual. Mentres o inglés se aprecia cada vez máis como a lingua hexemónica de hoxe, criticado por desprazar outras linguas vernáculas minoritarias, o seu poder vén precedido por séculos de colonialismo(s) e imperalismo(s), que impuxeron as súas linguas hexemónicas sobre os pobos colonizados, reprimindo de xeito sistemático ás culturas nativas a través das súas respectivas linguas.

Se hai alguén que asegure que “no principio existía a tradución”, tamén terá que haber alguén que recoñeza de xeito natural que, dende o principio, a tradución foi sempre un lugar de relacións de poder entre colonizadores e colonizados, entre o centro e a periferia, entre as culturas minoritarias e os imperios.

O título “A voz do tradutor” apunta en dúas direccións. Por unha parte, sintetiza a idea de dar visibilidade á actividade —e a voz— da tradución, e permite que ocupe un lugar primordial como fonte única de coñecemento da natureza das diferenzas culturais e os diversos modos de expresión e experimentación do mundo.

Por outra banda, a figura do tradutor convértese en metáfora crítica para as circunstancias lingüísticas e a era postcolonial: a crecente necesidade —a ledicia e o sufrimento— de aprender outros idiomas; o multilingüismo voluntario ou involuntario dos inmigrantes, e o fenómeno das culturas híbridas e os modos "acentuados" de falar e experimentar o mundo.

Aquí a tradución xa non designa unha profesión ou actividade; representa unha condición humana, e cada vez máis, somos nós os que nos atopamos no papel do tradutor…

Martin Waldmeier

Comisariado

Martin Waldmeier


Martin Waldmeier (Basilea, Suíza, 1984) é comisario e investigador. Estudou Historia da
Arte Contemporánea e de Medios, e conseguiu unha bolsa Fullbright para continuar cos
seus estudos críticos e visuais no Arts Institute de Chicago, Estados Unidos. Na
actualidade é doutorando en Culturas Visuais en Goldsmiths, na Universidade de
Londres, coa tese O artista como tradutor. Martin traballou como axudante de comisario
e coordinador residente no PROGR-Centro para a Produción Curatorial e como
comisario e director temporal en Stadtgalerie, ambos traballos en Berna, Suíza.
Recentemente tamén resultou gañador do Apexart's Unsolicited Proposal Program en
Nova York coa exposición A morte dun cámara.
Nacido en 1984 en Basilea (CH), vive e traballa en Londres e Varsovia.
Martin Waldmeier (Basilea, Suíza, 1984) é comisario e investigador. Estudou Historia daArte Contemporánea e de Medios, e conseguiu unha bolsa Fullbright para continuar cosseus estudos críticos e visuais no Arts Institute de Chicago, Estados Unidos. Naactualidade é doutorando en Culturas Visuais en Goldsmiths, na Universidade deLondres, coa tese O artista como tradutor. Martin traballou como axudante de comisarioe coordinador residente no PROGR-Centro para a Produción Curatorial e comocomisario e director temporal en Stadtgalerie, ambos traballos en Berna, Suíza.Recentemente tamén resultou gañador do Apexart's Unsolicited Proposal Program enNova York coa exposición A morte dun cámara.Nacido en 1984 en Basilea (CH), vive e traballa en Londres e Varsovia.